Tal día coma hoxe de hai 90 anos, o 18 de xullo de 1936, tamén era sábado e tamén ía moita calor en gran parte de Galicia. Na prensa galega figuraban algunhas informacións descougantes, como a crecente tensión política agudizada polo asasinato en Madrid, días antes, do tudense e líder dereitista José Calvo Sotelo en Madrid. Ou a referencia á asistencia do "comandante militar de Canarias, general Franco", para presidir o funeral do xeneral Balmes, falecido en estrañas circunstancias, en representación do ministro da Guerra.
O golpe iniciado o 18 de xullo de 1936 desatou unha vaga represiva por todo o Estado que xa só en territorio galego atinxiu a milleiros de persoas, como acreditaron as pescudas do proxecto Nomes e Voces
Nas páxinas daquel día tamén figuraban outras informacións, como a culminación da entrega do primeiro Estatuto galego en Madrid ás autoridades do Estado. A última reunión fora co presidente da República, Manuel Azaña, a quen a numerosa delegación galega se dirixiu representada cun discurso de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. "Galicia autónoma será unha democracia exemplar", afirmou Castelao. "Espero e desexo que o Estatuto de Galicia sirva para consolidar a República e a democracia, respondeu Azaña, que aproveitou ademais para anunciar unha próxima viaxe a territorio galego para aproveitando para "compartir a alegría dese pobo ante a boa nova do Estatuto".
Pero cando esas informacións saíron do prelo xa principiara o golpe. O primeiro impacto da sublevación que acabaría coa II República e que, só en Galicia, trouxo consigo case 15.000 persoas represaliadas, unhas 4.000 delas asasinadas, tal e como acredita a base de datos resultado da investigación do proxecto Nomes e Voces, o máis completo ao respecto no noso país e cuxos responsables, agora dende o grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago, seguen sendo claves no estudo e recuperación da memoria democrática, dende as pescudas e exhumacións á elaboración do censo estatal de vítimas.
Apenas unha semana despois do golpe os sublevados xa mataran máis dun cento de persoas. Contra o remate do ano xa eran máis de 2.000
O traballo de Nomes e Voces, impulsado dende o Goberno galego de coalición progresista (PSdeG-BNG) hai agora dúas décadas, cadrando coa declaración do 2006 como Ano da Memoria polo septuaxésimo aniversario do golpe, foi clave para comezar a trasladar á opinión pública de maneira sistematizada o que ata daquela estaba espallado ou incompleto, quer a través do activismo cidadán e político, quer a través de lembranzas persoais e familiares. A súa base de datos aberta permite, aínda hoxe, explorar o acontecido a través de ferramentas como as que acompañan esta peza e afondar nas circunstancias, por exemplo, dos asasinatos que principiaron co propio golpe e se estenderon durante máis dunha década.
Só na primeira semana dende o inicio da sublevación contar a República, entre o 18 e o 25 de xullo, Nomes e Voces puido documentar máis dun cento de asasinatos. A maioría, vítimas de disparos nas rúas de cidades como A Coruña e Vigo, aínda que tamén en vilas de menor dimensión. Neses días, non obstante, tamén foron documentadas vítimas de bombardeos en Marín ou Vigo e os primeiros asasinatos sistemáticos, as primeiras execucións "en aplicación do bando de guerra" na Coruña ou Pontedeume. Tamén comezaron decontado os primeiros paseos, os asasinatos de paramilitares afíns aos golpistas previo secuestro das vítimas nas súas casas ou lugares de traballo.
Só atendendo á documentación de Nomes e Voces, a finais de xullo as persoas asasinadas en Galicia xa superaban as 150. A finais de agosto, mes no que se xeneralizaron os paseos, xa eran máis de 700. Naquel mes tamén aumentaron as execucións tras xuízos simulados nos que as vítimas eran acusadas, precisamente, dos delitos que cometeran os sublevados, tales como rebelión militar. Foi o caso, por exemplo, de Alexandre Bóveda -Alejandro Bóveda na base de datos por ser unha transcrición dos rexistros da época-, asasinado o 17 de agosto na Caeira (Poio) tras o xuízo escenificado para cualificalo como culpable de "traizón".
A memoria daquela represión, que alén dos asasinatos implicou encarceramentos, persecucións e sancións, segue sendo recuperada por múltiples vías. A Fundación Praza Pública ultima un proxecto multimedia que verá a luz o vindeiro outono
Cando finalizou 1936 as persoas asinadas polos golpistas en Galicia entre execucións, paseos e mortes formalmente por outras causas xa superaban as 2.000. No remate de 1937 eran unhas 700 máis. Os últimos asasinatos documentados están datados unha década despois, en 1947, nun contexto no que non obstante a represión foi moito máis extensa e tivo moitas máis formas que as da morte.
Nomes e Voces acreditou como as erixidas como novas autoridades encarceraron só en Galicia máis de 4.000 persoas con diferentes pretextos tras os correspondentes procesos xudiciais simulados, polos que pasaron outras 4.000 persoas máis. Alén dos procedementos xudiciais, as investigacións acreditaron máis de medio milleiro de persoas vítimas de sancións de diverso tipo por razóns políticas, dende a perda do emprego público, inhabilitacións ou desterros ata peches e incautacións de negocios e bens ou importantes multas económicas.
As diversas accións a prol da memoria democrática, tanto estatais como privadas, procuran precisamente seguir deitando luz sobre aqueles sucesos que documentou de maneira pioneira Nomes e Voces. Nese ronsel encadrarase tamén dende o vindeiro outono un novo proxecto da Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, inmersa arestora na produción do podcast Falamos de memoria, unha produción multimedia que, apoiada polo comisionado especial España en Libertad. 50 años, dependente da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, procurará achegar o público galego, especialmente as xeracións máis mozas, a lugares cotiáns nos que sucederon algúns destes feitos dos que agora se fan 90 anos.