"Coa autonomía, Galicia sempre leva a de gañar": 90 anos do primeiro Estatuto

Documentos do plebiscito do Estatuto de 1936 e fotografías dun mitin da campaña en Pontevedra e de cartelaría na Coruña CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Documentos: IEGPS / CSIC | Fotos: Dominio Público

"Galegos! Os pobos non viven só de materia. Necesitan tamén motores espirituais. A autonomía para Galicia non constitúe unicamente un beneficio na orde económica. É unha cousa espiritual: un problema de dignidade colectiva. Quen non ten liberdade para rexer a súa propia casa e administrar os seus intereses, ou é un escravo ou un incapaz".

O 28 de xuño de 1936 celebrouse o referendo do texto estatutario cuxos impulsores advertían de beneficios económicos e políticos para o país, pero tamén advertían da resolución "dun problema de dignidade colectiva"

Tal día coma hoxe de hai 90 anos, o 28 de xuño de 1936, entre as persoas e forzas políticas implicadas na organización para aquela xornada do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia circulaba un panfleto editado polo Comité Central da Autonomía, o órgano creado na Asemblea de Concellos de 1932 para impulsar o proceso e negocialo coas autoridades da II República. Baixo o título Características, garantías e beneficios do Estatuto, tentaba explicar as súas bondades e, tamén, frear algúns medos. Porque "coa autonomía, Galicia nada pode perder, sempre leva a de gañar", advertían.

Panfleto do Comité Central da Autonomía para explicar os beneficios de apoiar o Estatuto de 1936 CC-BY-NC-SA IEGPS / CSIC

Tras dúas semanas de intensa campaña protagonizada polas forzas políticas da Fronte Popular e os gobernos provisionais dos consistorios, o referendo viña culminar un proceso que arrincara coa propia República, coas aspiracións autonomistas plasmadas en documentos coma o anteproxecto de Estatuto redactado en 1931 por, entre outros, Ricardo Carvalho Calero e Lois Tobío. Cumpría nas urnas "un si elocuentísimo", pedira nun mitin no teatro Rosalía da Coruña un dos oradores clave da campaña, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Que "non haxa un galego que deixe de votar, porque sería a negación da súa terra", reclamara Alexandre Bóveda en Lugo.

"Coa autonomía, pasan a ser propiedade de Galicia os bens de uso público e os privativos do Estado radicados en territorio galego"

Fronte ás emocións da campaña, aquel panfleto do Comité Central -custodiado na biblioteca do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento e dixitalizado en 2025 canda nove caixas de documentación do primeiro Estatuto- adopta un ton máis prosaico. Dende acalmar sectores moderados resaltando que o Estatuto non ía "contar a unidade do Estado" ata salientar vantaxes como que "coa autonomía, pasan a ser propiedade de Galicia os bens de uso público e os privativos do Estado radicados en territorio galego, destinados a servizos públicos ou ao fomento da riqueza xeral".

Aquela explicación para non iniciados bosquexaba a autonomía en termos en parte ben alleos á lograda tras o franquismo, pero noutros aspectos con moitas semellanzas coa situación actual. Ás segundas pertence o detalle de "o Estado, ao traspasar os servizos, cede os recursos necesarios para atendelos", cuestión de actualidade nesta mesma semana a respecto do traspaso da autoestrada AP-9. Ás primeiras, unha organización territorial que implicaba a desaparición das deputacións provinciais.

"A Deputación galega refunde nunha as catro deputacións provinciais de Galicia", explicaba, nun contexto no que "como toda sociedade, Galicia terá unha modesta pero necesaria Xunta de Goberno, formada por secretarios para dirixir cada ramo da Administración". Ademais, detallaba, o Estatuto contemplaba que a autonomía fose "descentralizada", polo "cal non obriga a concentrar a dirección de todos os servizos nunha soa poboación", xa que entre outros aspectos estaba previsto "aproveitar os pazos e edificios das deputacións e as oficinas establecidas nas diferentes localidades".

O Comité Central da Autonomía sinalaba o Estatuto catalán como proba de que coa autonomía "Galicia non se expón a perder, senón a gañar; administrará por si mesma os seus propios intereses e serán os galegos quen establezan as normas xurídicas da súa propia Administración"

Aínda que o contido do Estatuto galego, admitía o Comité Central, era "máis restrinxido que o de Cataluña e o proxecto vasco", os servizos da República que "van traspasándose a Cataluña" evidenciaban que "Galicia, co Estatuto, nada arrisca". "Non se expón a perder, senón a gañar" e "en troques, administrará por si mesma os seus propios intereses e serán os galegos quen establezan as normas xurídicas da súa propia Administración".

Desta maneira, argumentaba o órgano que tiña como secretario xeral a Enrique Rajoy Leloup -na altura concelleiro en Santiago, impulsor clave do Estatuto e tamén avó de Mariano Rajoy-, lograr a autonomía política faría "factible un control máis directo, inmediato e eficaz da masa popular na xestión dos negocios públicos", unha "administración máis consciente" e ía virar en "fecunda escola formativa de homes de Estado", ademais de "obrigar a gastar en Galicia recursos que hoxe se empregan fóra do seu territorio". Asemade, prometían, "proporcionará o cauce necesario para a resolución dos problemas galegos en harmonía coa súa natureaza específica e co medio ambiente".

Acta do escrutinio xeral do referendo do Estatuto de 1936 CC-BY-NC-SA Imaxes: IEGPS / CSIC | Montaxe: Praza.gal

Poucos días despois da votación, o 5 de xullo, o Comité Central da Autonomía reuniu o seu pleno no salón de actos da facultade de Medicina de Santiago para realizar o "escrutinio xeral" da votación. Os datos oficiais indican que, sobre un censo de 1,34 millóns de persoas participaran algo máis dun millón, con 993.351 votos a prol, 6.161 en contra e 1.451 votos en branco.

O escrutinio xeral da votación apuntou a 993.000 sufraxios a prol fronte a apenas 6.000 en contra

O alcalde de Santiago, Ánxel Casal, comunicou á presidencia da República o resultado e activou así o mecanismo para entregar oficialmente o Estatuto galego ás Cortes. Faríao o 17 de xullo en Madrid. Ao día seguinte, o golpe de Estado desencadeaba a barbarie mentres os impulsores do proceso autonomista comezaban a ser perseguidos e varios deles, asasinados

Aínda que con atrancos, en 1938 as Cortes republicanas trasladadas a Montserrat admitían o texto galego a trámite. En 1945, xa no exilio mexicano, aprobárono, sentando a base do recoñecemento de Galicia  como nacionalidade histórica na autonomía de 1981.

Destaques e imaxes da campaña do Estatuto de 1936 CC BY NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.