Os prazos do 29N: votar por correo e non inaugurar

Entrega de votos por correo nun colexio electoral galego, sobre un gráfico das sucesivas composicións da representación galega no Congreso CC-BY-NC-SA Praza.gal

O sufraxio postal pódese solicitar dende este 6 de outubro, coa convocatoria dos comicios, ata o 19 de novembro

As eleccións xerais anticipadas por Pedro Sánchez para o 29 de novembro pasaron este martes, 6 de outubro, de anuncio político a procedemento formal e legal coa publicación da súa convocatoria do Boletín Oficial do Estado. Comezan así a correr, como corresponde, todos os prazos vinculados aos comicios. Entre eles, os correspondentes aos do voto por correo e mais as restricións ao autobombo para todos os gobernos.

No relativo ao sufraxio postal, dende este mesmo 6 de outubro é posible formular a solicitude ante Correos -presencialmente ou no seu web- para participar por esa vía o 29N. As delegacións correspondentes da Oficina do Censo Electoral remitirán, a partir do 9 de novembro, as papeletas ao electorado que pedise votar por correo con cadanseu certificado de inscrición censual.

Calendario do voto por correo para as eleccións xerais do 29 de novembro CC-BY-NC-SA Praza.gal

Agás modificacións -en anteriores comicios este prazo acabou ampliándose vinte e catro horas-, o electorado que pedise votar por correo terá de prazo ata o 25 de novembro para enviar os sufraxios. Para facelo terá que acudir presencialmente a Correos para entregar, nos sobres que recibiu, os sobres de votación ao Congreso e ao Senado coas papeletas que elixise e anexar ao envío a copia de inscrición no censo. Correos custodia as papeletas e o propio 29N entrégaas nos colexios electorais, onde son mesturadas cos votos emitidos presencialmente e recontadas ao mesmo tempo.

Prohibido 'vender' logros ata pasar polas urnas

A campaña comeza o 13 de novembro e a prohibición de actos gobernamentais para exaltar os propios logros chega ata o propio 29N

A chamada formal ás urnas deixa, asemade, activada a prohibición que dende 2011 converte en ilegais todos os actos dos gobernos que se dirixan ao autobombo durante o período electoral, isto é, dende que as eleccións se convocan e ata que se celebran. A Xunta, os concellos, as deputacións e o propio Goberno de España non poden celebrar actos de inauguración ou lanzar campañas sobre os seus propios "logros". Si poden seguir comunicando prazos oficiais ou realizando campañas de servizo público.

Como corresponde, o decreto de convocatoria das eleccións confirma tamén os prazos da campaña. As forzas políticas poderán pedir o voto e promocionarse en soportes comerciais dende as cero horas do venres, 13 de novembro. Finalizará dúas semanas despois, ás 23:59 do 27 de novembro.

A xornada de reflexión do día 28 dará paso ao día das eleccións, nos que o electorado está chamado a renovar o Congreso do que dependerá a investidura do vindeiro presidente do Goberno de España e tamén o Senado. O BOE ratifica tamén que en Galicia volveremos elixir 23 escanos na Cámara Baixa: 8 pola Coruña, 7 en Pontevedra e cadanseus 4 en Lugo e Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.