Esther Carrodeguas (ButacaZero) coordina un proxecto impulsado por España en Liberdade e Teatro del Barrio no que un grupo de 11 mozos e mozas afonda na histórica mobilización sindical a través das artes escénicas e en conversa cos seus protagonistas
En setembro de 1972 Vigo foi escenario dunha das folgas xerais máis importantes da ditadura franquista, que chegaba uns meses despois das mobilizacións que en Ferrol acabaran coa morte de dous obreiros. Durante dúas semanas o paro paralizou a cidade e toda a comarca. Participaron 20 mil traballadores e traballadoras, houbo asembleas nas empresas e milleiros de follas voandeiras cubriron todos o barrios. A policía viuse obrigada a tomar a cidade para frear o movemento de protesta; houbo centos de detidos e torturados, ao redor de 6 mil despedimentos (limitados a 200, finalmente) e centos de persoas detidas ou feridas.
O presente non se pode entender sen as mobilizacións do pasado. "Porque foron, somos", adóitase dicir, e por moito que houbese que agardar á morte do ditador para avanzar cara á democracia, esta chegou grazas á loita social e obreira en lugares de vangarda coma a comarca viguesa. Os feitos que tiveron lugar en Vigo nesas semanas, con todo, seguen a ser amplamente descoñecidos por unha parte importante da poboación, malia o proceso de reivindicación levado a cabo nos últimos anos coincidindo co 50 aniversario ou iniciativas coma o filme Vigo, 1972.
Esta semana presentouse 1972, un proxecto de investigación escénica arredor da folga xeral de Vigo a través dun proceso de mediación-creación con adolescentes. Trátase dunha iniciativa de Teatro del Barrio e do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, que baixo epígrafe de Barrios en Lucha busca "recuperar desde as artes escénicas as loitas veciñais, barriais e sindicais que aconteceron durante os anos da Transición ou próximos a ela, e que axudaron ao xurdimento dunha nova era democrática". O proxecto consta de nove iniciativas coordinadas por distintas compañías escénicas. En Galicia encargouse a ButacaZero a realización deste traballo con mozos e mozas para que estes afondasen a través da danza contemporánea nun dos episodios máis importantes da historia recente do país.
O proxecto de investigación escénica estrearase na Sala Ártika en novembro e antes celebrará un "conversatorio interxeracional" e un roteiro polo Vigo obreiro
Nas últimas semanas un grupo de 11 adolescentes baixo a coordinación de Esther Carrodeguas vén coñecendo máis de preto os feitos que tiveron lugar en setembro de 1972 na cidade. Fano en conversa coas persoas que viviron a folga xeral en primeira persoa, sindicalistas que participaron nas protestas. E todo co obxectivo de compoñer un espectáctulo escénico, da man de profesionais como Xavier Castiñeira, Clara Ferrao, Juanma LoDo, Laura Iturralde ou Borja Carvajal.
"O obxectivo era traballar en barrios ou loitas do pasado, tentando tamén dialogar co presente e animar a loitar na actualidade. A min concretamente propuxéronme falar de sindicalismo e facer un proxecto con adolescentes e non tiven dúbidas en que a folga de Vigo de 1972 era a mellor escolla", explica Esther Carrodeguas en conversa con Praza.gal.
"Trátase dun feito histórico case que inédito, pero nas novas xeracións, e falo tamén da xente que ten 40 ou 50 anos, o tema é bastante descoñecido e dende logo non é algo demasiado reivindicado", di Esther Carrodeguas
"Teñen entre 16 e 18 anos, a idade que tiñan algúns deses sindicalista que participaron a folga", di Carrodeguas, que sinala o obxectivo de poñer en común experiencias xeracionais e ás xeracións propiamente ditas: "o diálogo da memoria cos adolescentes é necesario e primordial na nosa sociedade".
"Hai moita xente que sabe o que pasou esas semanas en Vigo, porque hai moita xente que está viva e o viviu. Pero nas novas xeracións, e falo tamén da xente que ten 40 ou 50 anos, o tema é bastante descoñecido e dende logo non é algo demasiado reivindicado", destaca. "Trátase dun feito histórico case que inédito, unha folga xeral que parou toda a cidade no final da ditadura, un episodio que hai que lembrar con orgullo", di
Carrodeguas sinala o obxectivo de poñer en común experiencias xeracionais e ás xeracións propiamente ditas: "o diálogo da memoria cos adolescentes é necesario e primordial na nosa sociedade"
Ao longo do proceso, "o grupo de adolescentes e creadores organizarase colectivamente para bailar a loita", destaca o proxecto, "intentando revivir cos seus corpos e voces a enerxía e o espírito dun episodio do noso pasado do que non quedou nin unha soa imaxe para a posteridade; nin un só vídeo". A presentación do espectáculo resultante poderá verse os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika, situada nun dos epicentros da folga de 1972, na zona portuaria que parou a súa actividade durante quince días.
Antes haberá outras dúas actividades tamén abertas ao público xeral. O 8 de outubro ás 19 horas no MARCO terá lugar un conversatorio interxeracional no que canda ao grupo de mozos que participa no proxecto estarán presentes traballadores, traballadoras e sindicalistas que viviron os feitos directamente. Estarán, por exemplo, Carlos Núñez, Juan Benavides, Higinio Leirós, Jaime Garrido Vila, Margarita Rodríguez Montes ou Pilar Pérez Rodríguez.
En setembro de 1972 Vigo foi escenario dunha das folgas xerais máis importantes da ditadura franquista. Durante dúas semanas o paro paralizou a cidade e toda a comarca. Participaron 20 mil traballadores e traballadoras, houbo asembleas nas empresas e milleiros de follas voandeiras cubriron todos o barrios
Ademais, o día 11 de outubro ás 13 horas haberá un roteiro en bus pola memoria obreira de Vigo, que percorrerá ás instalacións de empresas como Citroën, Álvarez, Barreras ou Vulcano, espazos da represión policial coma a antiga comisaría da rúa Luís Taboada ou o MARCO -antiga prisión- e tamén o monte da Madroa, un dos espazos habituais para a realización das asembleas clandestinas neses anos.
"Estamos moi contentos con este proxecto, que é unha oportunidade sen dúbida única tanto para nós como para os adolescentes", di a súa coordinadora. "É tan inaudito un proxecto de mediación como este que me parecía unha oportunidade bastante incrible de xerar un diálogo. Camiñar, pisar os sitios e falar, ademais de facer algo escénico... era unha oportunidade moi interesante que non se adoita dar e que está un pouco fora das lóxicas do mercado", expresa Esther Carrodeguas, que anima a replicalo noutros lugares e con outras situacións: "unha vez que tes un modelo que funciona, habería que ver de que maneira isto se pode exportar a outros sitios"
O obxectivo último do proxecto é "inspirar unha imaxinación política para o presente"
O proxecto Barrios en Loita busca contar ás xeracións actuais e á sociedade española de 2026 "que a democracia non chegou a España de forma plácida nin pasiva: non esperou a que a política, aproveitando a morte do ditador, construíse unha nova orde, senón que foron moitos dos seus homes e mulleres, veciños e veciñas dos barrios que a sostiñan, traballadoras e traballadoras os que loitaron desde abaixo para conseguila". "Un país que viviu durante corenta anos baixo unha ditadura non pode pasar dun modelo autoritario a outro democrático sen a expresión cidadá nas rúas e sen que se sucedeu unha transformación entre a xente", engádese.
"Estas loitas compóñennos, son patrimonio popular dos nosos territorios e son sumamente descoñecidas. Achegarse aos seus protagonistas é un acto emocionante e profundamente inspirador para relacionarse cun presente que parecía -ata esta nova acampada en Sol pola vivenda- carente de resposta colectiva ante as inxustizas", di Ana Belén Santiago, directora artística de Teatro do Barrio, apuntando ao obxectivo último do proxecto: "inspirar unha imaxinación política para o presente".
Os feitos
A folga comezou o 6 de setembro en Citroën. O persoal da factoría iniciou unha manifestación para reclamar a xornada laboral semanal de 44 horas e o descanso os sábados pola tarde. Porén, nos días seguintes uníronse á mobilización os traballadores doutras empresas da cidade, principalmente das grandes plantas industriais. A situación sorprendeu ao réxime, que se viu obrigado a enviar á cidade unha cifra importante de axentes antidisturbios e outros corpos policiais e militares.
O paro sumaba reivindicacións estritamente laborais coa contestación á ditadura franquista e a demanda de democracia. Aínda que a noticia da folga se estendeu polo resto do Estado a través dos grupos de Comisións Obreiras e do Partido Comunista e doutros grupos minoritarios de esquerda, o exemplo vigués non foi seguido noutras zonas, o que obrigou aos folguistas a, finalmente, poñer fin á protesta, case tres semanas despois. As consecuencias para moitos deles foron moi duras: despedimentos, torturas, prisión e varios tiveron mesmo que exiliarse ou pasar á clandestinidade.
Carlos Barros, nese momento responsable de comunicación do PCG, salientaba nesta entrevista que "a folga xeral de Vigo de 1972 foi o maior éxito histórico da clase obreira galega". "Naquel momento estabamos ensaiando a folga xeral política na estratexia de derrocar a ditadura a través da mobilización de masas. E Galicia estaba na vangarda dese proceso, cando menos os traballadores de Ferrol e Vigo e os estudantes de Compostela", engadía Barros nesta entrevista.