'Espazo Baena' na USC: lugar de "memoria e reflexión" en homenaxe ao último fusilado do franquismo

Inauguración do 'Espazo Baena', na Facultade de Xeografía e Historia da USC CC-BY-SA Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) inaugurou este pasado xoves o Espazo Baena na Facultade de Xeografía e Historia, nun lugar situado na antecámara da biblioteca e que rende tributo a Xosé Humberto Baena Alonso, antigo alumno de Filosofía e Letras e militante antifranquista que foi o último executado polo réxime franquista o 27 de setembro de 1975. Unha zona "para a memoria, para o coñecemento e, sobre todo, para a reflexión”, segundo asegurou a reitora, Rocío Crujeiras. 

O 'Espazo Baena', en homenaxe ao último fusilado do franquismo, é un lugar "para a memoria, para o coñecemento e, sobre todo, para a reflexión”

Baena Alonso foi estudante no edificio que hoxe alberga a Facultade de Xeografía e Historia, daquela Facultade de Filosofía e Letras. Militante antifranquista, en 1975 foi acusado de asasinato e pertenza ao FRAP nun procedemento militar sumario e condenado á morte, sendo fusilado o 27 de setembro dese mesmo ano, como lembra a USC. 

O tribunal que o xulgou e a sentenza ditada foron posteriormente declarados ilegais, ilexítimos e nulos mediante a Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal emitida polo Goberno de España o 16 de xullo de 2025.

No 'Espazo Baena' pode lerse a última carta que escribiu Xosé Humberto CC-BY-SA Santi Alvite

No acto deste xoves, presidido pola reitora da USC, o decano da facultade, Antonio Míguez Macho; e Flor Baena e Fernando Baena, irmáns do executado, inaugurouse este espazo de homenaxe que conta cunha placa conmemorativa, varias fotografías do novo e a última carta que escribiu aos seus pais antes da súa execución.

No espazo pode ollarse a última carta que Baena escribiu a seus pais antes da súa execución

Durante a súa intervención, Flor Baena lembrou o seu irmán como un mozo “idealista” e “nobre” que comezou o seu activismo nas propias aulas compostelás, onde foi detido tras unha sentada estudantil que lle carrexou os seus primeiros antecedentes policiais.

Segundo o relato da súa irmá, o destino de Xosé Humberto quedou selado o 1 de maio de 1975. Tras a morte dun traballador a mans da policía nunha manifestación en Vigo, Baena e outros amigos fixeron unha colecta para publicar unha necrolóxica e enviar unha coroa de flores na que puxese "morto pola represión policial".

O feito de que tivesen que deixar os seus números de DNI para publicar o anuncio provocou a súa identificación e a necesidade de fuxir para evitar a detención. Xa en Madrid, Baena foi acusado o asasinato dun policía o 14 de xullo de 1975.

Flor Baena, irmá de Xosé Humberto, insistiu en cualificar o proceso xudicial contra el como unha "farsa"

Flor Baena denunciou que se tratou dunha acusación “imposible”, xa que o día anterior o seu irmán atopábase na fronteira con Portugal. “Era imposible que, cun coche vello, chegase da fronteira a Madrid nese tempo”, subliñou a irmá.

Nesta liña, cualificou o proceso xudicial posterior como unha “farsa”, pois o seu irmán foi xulgado por un tribunal militar que non admitiu probas de balística, nin impresións dixitais, nin o testemuño das testemuñas da defensa. O desenlace foi unha das últimas execucións do franquismo.

Cartel clandestino co retrato do vigués Xosé Humberto Baena © CCG

Segundo destacou Flor, Xosé Humberto Baena mantivo a súa inocencia ata o final. “Díxonos que, efectivamente, el non fora, pero que non podía falar porque el era unha persoa moi nobre”, detallou.

"Roubado despois de morto"

Pero a represión non terminou co fusilamento de Xosé Humberto, Flor Baena relatou como, cando o corpo estaba a ser trasladado a Vigo nun coche fúnebre, a policía interceptou o vehículo no Porriño para enterralo no cemiterio de Pereiro sós e sen presenza da familia . “A meu pai doeulle moitísimo que, despois de morto, aínda llo roubaron”, lamentou.

Así mesmo, revelou que, tras un intento da familia de reabrir o caso en Madrid xa nos inicios da Transición, a súa casa foi incendiada. O lume destruíu toda a documentación, libros e poemas de Xosé Humberto, no que a familia considera un intento de eliminar calquera proba que puidese demostrar a súa inocencia.

Logo de décadas de loita en tribunais españois, en Estrasburgo e ante a xustiza arxentina, Flor Baena lembrou que o 16 de xullo de 2025 –hai un ano– o Goberno de España declarou finalmente ilegais e nulas as sentenzas ditadas contra o seu irmán. “Deume unha alegría enorme, pero canseime de chorar porque a el xa non lle devolvemos nada”, confesou emocionada.

"Estaba a loitar contra unha ditadura fascista, que era a ditadura franquista. E iso tamén queremos que se entenda e que estea presente nese espazo”

Pola súa banda, a reitora Rosa Crujeiras reafirmou que a USC asume a súa responsabilidade de “preservar a memoria” e transmitir valores democráticos. Destacou que o Espazo Baena “non é un espazo para a nostalxia, é un lugar para a memoria, para o coñecemento e, sobre todo, para a reflexión”.

O decano Antonio Míguez concluíu que o obxectivo é que este sexa un “espazo vivo” e de socialización estudantil, restituíndo simbolicamente a presenza de Baena nas aulas das que foi alumno.

“Xosé Humberto Baena era un militante, era un antifascista. Estaba a loitar contra unha ditadura fascista, que era a ditadura franquista. E iso tamén queremos que se entenda e que estea presente nese espazo”, concluíu o decano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.