Os derradeiros días de Franco: o 8 de setembro o ditador marchou de Galicia para non volver

Francisco Franco, nos seus últimos meses © elnacional.cat

O 8 de setembro de 1975, ás seis e dez da tarde, despegaba do aeroporto de Lavacolla un avión especial de Iberia que transportaba a Madrid a Francisco Franco e o seu numeroso séquito

O 8 de setembro de 1975, ás seis e dez da tarde, despegaba do aeroporto de Lavacolla un avión especial de Iberia que transportaba a Madrid a Francisco Franco e o seu numeroso séquito. O ditador, que chegara o 28 de xullo a Galicia para pasar o verán no Pazo de Meirás, como adoitaba, marchaba das terras galegas para non volver pisalas nunca máis, pois dous meses máis tarde, o 20 de novembro, falecería a causa dun choque séptico.

Na propia pista do aeroporto, a familia Franco foi despedida polas primeras autoridades de la región, dende o arcebispo de Santiago, xefes militares, gobernadores civís, os alcaldes de Santiago e A Coruña, xuíces, ministros ou o reitor da Universidade. No Boeing 727-200 viaxaba a súa familia -a súa esposa Carmen Polo, o seu irmán, a súa cuñada, netos e bisnetos-, o ministro do Aire, o presidente de Iberia e os séquitos das súas Casas Militar e Civil.

Foi o remate a unha visita de seis semanas que seguiu as rutinas e protocolos doutros anos, comezando pola celebración de Consellos de Ministros no Pazo de Meirás, xuntanzas que convertían A Coruña no centro da política do réxime durante as festas do mes de agosto. Ademais, o ditador aproveitou para xogar ao golf na Zapateira ou para pescar; asistiu a regatas e a unha demostración naval, levou a cabo algunha inauguración e recibiu varias homenaxes, entre elas un espectáculo folclórico. Así mesmo, Franco reuniuse en Galicia en dúas ocasións co príncipe Juan Carlos, designado sucesor do ditador.

Foi o remate a unha visita de seis semanas que seguiu as rutinas e protocolos doutros anos, comezando pola celebración de Consellos de Ministros no Pazo de Meirás, xuntanzas que convertían A Coruña no centro da política do réxime durante as festas do mes de agosto

A derradeira estadía de Franco en Galicia incluíu tamén unha breve visita ao seu Ferrol natal e, como colofón, pechouse cunha misa na Catedral de Santiago, na que cumpriu co rito de abrazar a figura do Apóstolo. Segundo as crónicas da época, o ditador abandonou a Catedral mentres no órgano do templo soaba o himno español.

Non podemos saber o nivel de consciencia da realidade que presentaba o ditador neste derradeiro verán, alén da representación de normalidade creada polos medios de comunicación, controlados polo réxime. Franco sufrira xa importantes problemas de saúde, especialmente no ano anterior, cando permaneceu ingresado no hospital por mor dunha flebite na perna dereita, complicada pola enfermidade de Parkinson que sufría. Dende entón, a imaxe pública que proxectaba caracterizábase polo uso en todo momento de lentes escuras e polos evidentes tremores nas súas mans.

En calquera caso, como escribiu Paul Preston, no verán dese ano, "a sensación de esborralle do réxime era omnipresente". O asasinato de Carrero Blanco foi un duro golpe para o réxime e a figura de Carlos Arias Navarro como presidente do Goberno -nomeado en xaneiro de 1974- carecía de solidez, malia unha certa posición aperturista (o espírito do 12 de febreiro), que nunca pasou dunha baleira declaración de intencións

A visita a Galicia amosa o contraste entre unha situación política e social cada vez máis convulsa e a representación da normalidade e de paz social que a ditadura pretendía amosar publicamente

Os movementos das forzas democráticas, aínda clandestinas, medraban en intensidade. En xullo de 1974 a maior parte das forzas da oposición uníronse na Junta Democrática, liderada polo PCE, que foi respondida polo PSOE coa creación da súa Plataforma de Convergencia Democrática. En Galicia, en 1975 nacería a AN-PG e xa en xaneiro de 1976 o Consello de Forzas Políticas Galegas. En abril de 1974 tivo lugar tamén a Revolución dos Caraveis, cuxo desenvolvemento nos meses seguintes axudou a reforzar as posicións das forzas que dentro do franquismo apostaban por unha transición controlada cara á democracia

Neses dous anos tamén se foi incrementando a presión exercida polas accións de ETA e doutros grupos, coma o FRAP. Estas accións levaron tamén ao réxime a endurecer a súa resposta, tanto policial (o 12 de agosto Ramón Reboiras, da UPG, foi asasinado pola policía en Ferrol) coma xudicial. Este endurecemento tivo en Galicia un dos seus episodios clave. O Consello de Ministros celebrado no Pazo de Meirás o 22 de agosto aprobou un decreto-lei de prevención e enxuizamento dos delictos de terrorismo e subversión contra a paz social e a seguridade persoal, que recuperaba a xurisidición militar e limitaba dereitos.

Esta nova lexislación antiterrorista levou á celebración entre o 29 de agosto (Franco aínda se atopaba en Galicia) e o 17 de setembro de 1975 de varios consellos de guerra contra tres militantes de ETA e oito do FRAP, que foron condenados a morte. Algunhas das penas foron conmutadas, pero dous dos militantes de ETA e tres dos do FRAP foron fusilados o 27 de setembro, desoíndo a ditadura as protestas internacionais e mesmo as do Papa Pablo VI.

O ditador Francisco Franco, xunto a Arias Navarro, en outubro de 1975 ingresado no Hospital La Paz de Madrid Dominio Público

Franco e os veráns en Galicia: unha escenificación da 'paz social' 

Como escribiu Paul Preston, no verán dese ano, "a sensación de esborralle do réxime era omnipresente". Os movementos das forzas democráticas, aínda clandestinas, medraban en intensidade, o mesmo que as accións de ETA e FRAP

A visita a Galicia dese mes de agosto (ao igual que o doutros anos) amosa o contraste entre unha situación política e social cada vez máis convulsa e a representación da normalidade e de paz social que a ditadura pretendía amosar publicamente, entre as homenaxes, vítores e visitas ao campo de golf que agochaban a propia debilidade política do réxime e da saúde do ditador.

As crónicas da prensa contaban o que se podía contar. Cunha linguaxe pomposa e impostada, a prensa relataba o "entusiasmo" e os "vítores" da poboación. O 28 de xullo, despois do recibimento oficial no aeroporto de Lavacolla, a familia Franco atopou en Pazo de Meirás un grupo dun "cento de mozos de ambos sexos da Organización Juvenil Española" que os agardaba cunha faixa. Faixas que tamén foran colocadas no traxecto realizado polo vehículo dende Lavacolla.

Polo Pazo de Meirás tamén pasaron os daquela Príncipes de Asturias e futuros monarcas Juan Carlos e Sofía, acompañados dos seus fillos Felipe, Elena e Cristina. Nestes cinco días, foron á praia de Bastiagueiro, fixeron excursións no Azor e Franco e Cuan Carlos xogaron ao golf na Zapateira

Polo Pazo de Meirás tamén pasaron os daquela Príncipes de Asturias e futuros monarcas Juan Carlos e Sofía, acompañados dos seus fillos Felipe, Elena e Cristina. A familia aterrou o 29 de xullo no aeroporto de Alvedro dividida en dous avións, foron recibidos por Carmen Polo, ministros ou o Gobernador Civil, entre outras autoridades, e dende o aeródromo dirixiuse ao Pazo de Meirás, onde ficaron uns días como hóspedes dos Franco.

A familia permaneceu cinco días no Pazo de Meirás, entre visibles mostras de afecto de Francisco Franco cara aos futuros reis e raíña e cara aos seus fillos e fillas. No tempo en que estiveron alí realizaron excursións no Azor, que se atopaba fondeado en Sada. Tamén acudiron á praia de Bastiagueiro, onde Franco mandar construír unha casa, que anos despois foi vendida pola familia, nun exemplo máis de espolio do patrimonio público para engrosar o seu patrimonio privado. Por suposto, a praia era pechada para que só puidesen gozar dela as familias de Francisco Franco e Juan Carlos de Borbón. O Xefe do Estado e o seu sucesor tamén se desprazaron algún día ao campo de golf da Zapateira, para xogar alí. 

Nesas semanas, os Franco fixeron uso do iate en varias ocasións, varias veces realizando alí o xantar. O 14 de agosto desprazáronse nel dende Sada ata Ferrol, onde o ditador asistiu a unha demostración naval. Ese día os Franco desembarcaron en Ferrol por última vez, nunha visita na que dende o Arsenal se dirixiron ata a capela de Chamorro, onde rezaron.

O Pazo de Meirás, centro da política do réxime

En Galicia estaba durante o mes de agosto o centro de decisión da política da ditadura, especialmente durante a realización dos consellos de ministros no Pazo de Meirás

En Galicia estaba durante o mes de agosto o centro de decisión da política da ditadura. De feito, ademais da presenza de Franco na contorna da Coruña, o presidente do Goberno Carlos Arias Navarro pasou este ano as súas vacacións na Toxa, desprazándose en varias ocasións a Meirás en helicóptero para se reunir co ditador. Tamén Manuel Fraga, nese momento embaixador español en Londres, visitou a Franco en Meirás durante ese mes de agosto, segundo destacaban as crónicas xornalísticas.

Despois da visita inicial de cinco días, o príncipe Juan Carlos regresou a Galicia unha vez máis, o 18 de agosto, para reunirse de novo con Franco. Esta visita, tan próxima á anterior, espertou os rumores sobre a posibilidade dun traspaso do poder por parte do ditador. A prensa e axencias de información víronse obrigadas a salientar de maneira moi enfática que a visita xa estaba prevista dende o mes anterior, sinalando que era "totalmente razoable se se ten en conta o seu constante contacto cos problemas do país e as súas normais conversas co Xefe do Estado a propósito da marcha da Nación".

Malia os esforzos oficiais, estas excesivas aclaracións non fixeron máis que intensificar a rumoroloxía sobre un posible cambio de nomes na xefatura do Estado. Arias Navarro mesmo aproveitara para reunirse co Marqués de Ribadulla, Alfonso Armada (un dos condenados polo intento de Golpe de Estado do 23F de 1981), membro da secretaría da Casa do Príncipe e unha das persoas máis próximas a Juan Carlos de Borbón.

De feito, en plena visita a Galicia, o 5 de agosto, a súa irmá Pilar saltara ás portadas da prensa cunhas declaracións realizadas ao xornal Mundo Diario nas que afirmaba que “o meu irmán cederá o poder, farao... Pero nunca fala diso. Xa sabe vostede que cando volveu tomar o poder despois da súa enfermidade, a súa familia sóuboo pola TV. El agarda a un momento determinado”.

Nestas semanas de agosto intensificáronse os rumores sobre un posible abandono do poder de Franco. A segunda visita a Meirás do príncipe Juan Carlos, moi próxima á anterior, interpretouse deste xeito

A segunda visita a Meirás do futuro rei puido ter que ver coa relevancia do Consello de Ministros celebrado no pazo o 22 de agosto, na que se aprobou o devandito decreto-lei de prevención e enxuizamento dos delictos de terrorismo e subversión contra a paz social e a seguridade persoal.

Na presentación da medida aos medios de comunicación, o ministro de Información León Herrera Esteban, xustificou a suspensión de dereitos como unha "homenaxe ás vítimas" das accións dos grupos terroristas: "a homenaxe ás vítimas debe ser un estímulo para que todos os cidadáns acollan estas medidas legais non só como unha garantía da súa seguridade, senón como unha chamada á colaboración que se precisa para que os inimigos da paz e a liberdade de España non perturben o firme propósito da Nación de levar a cabo o seu continuo perfeccionamento político e o seu sempre crecente progreso social, cultural e económico". "O Goberno e eu mesmo estamos seguros de que os medios de comunicación colaborarán neste proxecto. Non parece necesario insistir nas razóns para propor leste decreto lei. A loita contra o terrorismo non admite demoras. Os asasinos non esperan e os mortos esixen. Unha firme, pero serena xustiza. O amor unánime de millóns de españois pide paz e tranquilidade", engadiu o ministro.

Nos días seguintes, os semarios Cambio 16, Posible e Destino sufriron secuestros debido á publicación de textos críticos coa nova norma. Tamén Triunfo recibiu nesas semanas unha importante sanción económica, unha mostra do endurecemento do control do réxime.

Os derradeiros día de Franco en Galicia: exaltación e representación de normalidade

O 25 de agosto tivo lugar no Pazo de Deportes da Coruña a derradeira grande homenaxe pública a Franco en Galicia, unha actuación de agrupacións folclóricas

O 25 de agosto tivo lugar no Pazo de Deportes da Coruña a derradeira grande homenaxe pública a Franco en Galicia. Ao acto, Cantos y Danzas de Galicia en honor al Jefe del Estado, organizado polas Jefaturas Provinciales del Movimiento e polas catro deputacións provinciais galegas, asistiron unhas tres mil persoas, segundo as crónicas da época, e foi presentado por Solís Ruíz, secretario xeral do Movimiento, que afirmou "esta extraordinaria Galicia os dedica, Excelencia, este homenaje. Esta Galicia que forma parte de esta España unificada que nada se parece a la que recibimos de nuestros mayores. Gracias, Excelencia, que Dios te guarde y que bendiga a la madre que te trajo al mundo y a la tierra que te ha visto nacer".

No evento participaron algunhas das principais agrupacións folclóricas do momento, como Cántigas de Agarimos de Santiago, Toxos e Froles de Ferrol, Aturuxo da Coruña, a Coral Ruada de Ourense, o Ballet Rey de Viana ou grupos de baile da Sección Femenina. O acto pechouse con todos os grupos cantanto o himno galego sobre o escenario e pola interpretación do himno español a cargo da banda municipal de música.

O luns 8 de setembro os Franco abandonaron Galicia dende Lavacolla. Foi a última vez que o ditador estivo en territorio galego.

O 4 de setembro Franco recibiu en Meirás á Comisión Permanente do Consejo Económico Social Sindical de Galicia (CESSGA), que celebrara a súa xuntanza poucos días antes. Foi a derradeira recepción oficial no pazo, nun acto no que os fotoxornalistas que cubrían os seus actos agasallaron o ditador cun álbum de fotos da que sería a súa derradeira estadía en Galicia.

Un día despois, o venres 5, Franco levou a cabo o derradeiro acto de inauguración en Galicia: a central hortofrutícola de Galicia, situada en Altamira (Cambre). Ao rematar o breve acto, Franco e a súa dona visitaron por última vez a espoliada Casa Cornide, na Coruña. 

O ditador e a súa familia aínda pasaron dous días máis en Meirás. O luns 8 de setembro abandonaron Galicia dende Lavacolla. Foi a última vez que Franco estivo en territorio galego. Dous meses máis tarde, aínda co eco das protestas internacionais polos fusilamentos do 29 de setembro, o sátrapa faleceu en Madrid, deixando atrás corenta anos de ditadura e centos de milleiros de mortes. Nas cinco décadas seguintes a súa familia e herdeiros seguindo facendo uso e enriquecéndose cos elementos patrimonais espoliados durante o tempo en que o ferrolán foi o xefe do Estado.

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.