O 27 de setembro de 1975 -hai hoxe 50 anos- foron fusilados Juan Paredes Manot Txiki, Ángel Otaegui, Ramón García Sanz, José Luis Sánchez Bravo e Xosé Humberto Baena Alonso, estes dous últimos vigueses
"Si te dijera, amor mío, que temo a la madrugada...". Así comeza o poema Al alba de Luis Eduardo Aute, cantado inicialmente por Rosa León e posteriormente tamén polo propio cantautor e que se converteu nun canto aos derradeiros fusilados pola ditadura franquista. Na mañá do 27 de setembro de 1975 -hai hoxe 50 anos- foron fusilados os militantes de ETA Juan Paredes Manot Txiki e Ángel Otaegui e os integrantes do Frente Revolucionario Antifascista y Patriota (FRAP) Ramón García Sanz, José Luis Sánchez Bravo e Xosé Humberto Baena Alonso, estes dous últimos vigueses.
As execucións derivaban do endurecemento da lexislación antiterrorista decidida polo Consello de Ministros reunido no Pazo de Meirás o 22 de agosto, onde se aprobou un decreto-lei de prevención e axuizamento dos delictos de terrorismo e subversión contra a paz social e a seguridade persoal, que recuperaba a xurisidición militar e limitaba dereitos.
Nos días anteriores aos fusilamentos foron xulgados en consellos de guerra sumarísimo varios militantes de ETA e FRAP, dando lugar a once condenas a morte que o 26 de setembro foron reducidas a cinco nun Consello de Ministros. As execución deron lugar a un amplo movemento de protesta internacional con manifestacións ante as embaixadas españolas e mesmo unha petición de clemencia a cargo do papa Pablo VI; no Estado español, houbo reaccións do Colexio de Avogados de Barcelona e unha masiva folga xeral no País Vasco.
Foi un proceso xudicial cheo de irregularidades, unha suposta demostración de forza dunha ditadura que esmorecía e que sete semanas despois vería morrer o seu líder
Foi, ademais, un proceso xudicial cheo de irregularidades en todos os casos, segundo denunciaran durante o proceso os avogados dos executados e tamén o letrado suízo Chistian Grobet, que asistira como observador internacional ao proceso e que o cualificou de "simulacro" e "farsa". Foi unha suposta demostración de forza dunha ditadura que esmorecía e que sete semanas despois vería morrer o seu líder.
No caso de Humberto Baena, as irregularidades foron flagrantes. O mozo vigués de 25 anos que militaba no Partido Comunista de España (marxista-leninista), acabou acusado do asasinato dun policía en Madrid, un crime que el e a súa familia reclamaron unha e outra vez que el non cometera. Baena, que fora xa detido en 1972 mentres estudaba Filosofía e Letras en Santiago -unha detención que lle impediu continuar os estudos- entrou no foco das autoridades despois do Primeiro de Maio de 1975.
Humberto Baena tiña 25 anos e militaba no Partido Comunista de España (marxista-leninista). Foi detido, torturado e acusado do asasinato dun policía a pesar de que testemuñas presenciais non o identificaron
Ese día participou nunha manifestación na Travesía de Vigo. Nese momento, un axente de paisano sacou unha pistola e comezou a disparar, matando un empregado de Fenosa que traballaba como vixilante. Un grupo de persoas levou a cabo unha colecta para poñerlle unha coroa de flores e unha esquela ao traballador falecido, aparecendo Baena como referencia co seu DNI. Días despois a policía presentouse na súa casa para facer un rexistro que resultou negativo, pero que alertou a Baena, que fuxiu cara a Madrid. Dous meses despois a súa familia soubo pola televisión que fora detido acusado dun atentado que "non puido cometer porque non estaba no lugar do asasinato ese día".
No proceso Baena declarou: "afirmo que son militante do Partido Comunista de España (marxista-leninista). Non participei nos feitos que se me imputan", subliñando unha e outra vez a súa inocencia, algo que de nada valeu a pesar de que unha testemuña do asasinato non o identificou como o autor (porén, non se permitiu que declarase no xuízo). Tamén denunciou as torturas recibidas nesas semanas, que o levaron a asinar unha confesión, aínda que comunicou ao seu avogado e ao seu pai que el "firmara unha confesión pero que non sabía o que firmara. Que el firmara para que deixasen de golpealo".

Oito días despois o seu corpo foi trasladado a Vigo para ser soterrado sen nin sequera dar aviso á súa familia, que nas décadas seguintes pelexou sen descanso para que fose recoñecida a inocencia do mozo vigués e a condena fose anulada
"Papá, mamá: Executaranme mañá. Quérovos dar ánimos. Pensade que eu morro, pero que a vida segue". Deste xeito despedíase de seus pais Xosé Humberto Baena na derradeira carta que lles escribiu, pouco antes de ser executado. Foron varias as cartas que lles escribiu aos seus familiares nos seus últimos días. Nunha delas, coñecida xa a sentenza de morte, pediu "que a miña morte sexa a última que dicte un tribunal militar".
Oito días despois o seu corpo foi trasladado a Vigo para ser soterrado sen nin sequera dar aviso á súa familia. Dende entón os seus familiares homenaxean a súa memoria todos os anos no cemiterio de Pereiró. Tamén dende ese día a súa familia -primeiro o seu pai e a súa nai e posteriormente a súa irmá Flor, que en 1975 tiña 21 anos- iniciaron "unha loita desesperada por demostrar a inxustiza". En 2002 levaron o caso ante el Tribunal Constitucional, que se inhibiu. Despois dirixiron os seus esforzos ao ámbito internacional, ao Tribunal dos Dereitos Humanos da Haia e á ONU. O documental Septiembre de 1975 recolle o relato dos feitos, as reclamacións da familia e as dúbidas que existen sobre o proceso.
Esa anulación chegou, por fin o pasado mes de agosto, cando Flor Baena recibiu un documento asinado polo ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, que declara “ilegal e ilexítimo" o tribunal que xulgou o seu irmán e como "ilexítima e nula" a condena ditada contra el
Finalmente, colaboraron coa querela arxentina contra os crimes da ditadura franquista, na procura de que os responsables da súa morte fosen xulgados. E buscando, sobre todo, a anulación da súa irregular e inxusta condena, para que Humberto Baena deixase de ser considerado un asasino para quedar "como o que é: un asasinado", como destacaba a súa irmá en conversa con Praza.gal.
Esa anulación chegou, por fin o pasado mes de agosto. Flor Baena recibiu un documento de “recoñecemento e reparación persoal”, asinado polo ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, que declara “ilegal e ilexítimo" o tribunal que xulgou o seu irmán e como "ilexítima e nula" a condena ditada contra el.
“Ese día, cando lin a carta levei unha alegría enorme", di, pero tamén "comecei a chorar, pensando 'de que me vale a min agora este papel, cando el leva 50 anos morto?'
"Non quería un papel privado no que se dixese que Humberto era inocente, porque eso xa o sabía. Eu quería un recoñecemento público, de forma que quedase na historia non como un asasino, senón como un asasinado", sinala Flor Baena. Prometéranlle que o 29 de outubro se recoñecería publicamente nun acto en Madrid a anulación da condena, pero a alegría chegou antes, por sorpresa.
“Ese día, cando lin a carta levei unha alegría enorme. O meu pai sempre quixo ver recoñecida a súa inocencia e morreu sen velo. Pero cando cheguei ao coche comecei a chorar, pensando 'de que me vale a min agora este papel, cando el leva 50 anos morto?', recoñece. En todo caso, celebra o recoñecemento e os actos que este ano se están a realizar en torno á figura do seu irmán. "É importante que os rapaces de hoxe saiban o que pasou neses anos, porque hai un gran descoñecemento do que foi a ditadura", destaca.
"Nunca coñecín unha persoa cos valores que el tiña. Por iso nós sabiamos que era imposible. Eses non eran os seus ideais: el dicía que había que loitar contra a opresión de Franco e defender os traballadores, pero non matando a ninguén. Ese era o seu carácter, cando vía unha inxustiza, tentaba arranxala"
Flor Baena destaca como moi necesario o libro que vén de publicar Roger Mateos, 'El verano de los inocentes. El secreto del último fusilado del franquismo' (Anagrama), unha investigación que "demostrase que o meu irmán non cometeu o asasinato", di. "Roger Mateos non quixo poñer o nome da persoa que realmente o fixo. Pero sábese quen foi. Eu mesma falei con el e animeino a contar a verdade, xa que o delito está prescrito, 50 anos despois, pero non quere, supoño que é pola súa familia", destaca.
E como era Humberto? "Era un rapaz excepcional. Non é porque morrera ou porque fora o meu irmán, pero eu nunca coñecín unha persoa cos valores que el tiña. Por iso nós sabiamos que era imposible, que el non podía apertar o gatillo contra ninguén, porque non era capaz de matar un animal -todo o contrario, coidábaos cando estaban mal- e moito menos unha persoa", destaca Flor Baena. "Eses non eran os seus ideais: el dicía que había que loitar contra a opresión de Franco e defender os traballadores, pero non matando a ninguén. Ese era o seu carácter, cando vía unha inxustiza, tentaba arranxala", di.
Este sábado Humberto Baena será homenaxeado, unha vez máis, no cemiterio de Pereiró no que descansan os seus restos, nun acto no que se cantará o Al alba
"Era un rapaz moi sensible e a min, que era a pequena, coidábame e defendíame de todo. Era un ser especial, por iso tamén o colleron de cabeza de turco. A pesar das torturas, el nunca dixo nada do que sabía, nunca descubriu a ningún dos compañeiros", lembra.
Este sábado Humberto Baena será homenaxeado, unha vez máis, no cemiterio de Pereiró no que descansan os seus restos. Este ano, por fin, co recoñecemento de que a súa condena a morte foi "ilexítima e nula". No acto, no que estarán as cámaras do programa Salvados -que se emitirá o domingo 5 de outubro- cantarase o Al alba. "Presiento que tras la noche/ vendrá la noche más larga". Unha noite de 50 anos.