Máis de 18.000 nomes na nova gran base de datos da represión franquista en Galicia

Exhumación de catro guerrilleiros antifranquistas en Luou (Teo) CC-BY-SA Histagra / USC

Mulleres, homes e homiños é o nome elixido para unha nova gran base de datos sobre a represión franquista en Galicia. Activa nunha web desde este pasado mércores, inclúe información de máis de 18.000 persoas que foron represaliadas ou represoras durante a guerra civil e a ditadura franquista en Galicia. Unha enorme recompilación "activa, viva e en continua actualización", como destaca Carlos Babío, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, impulsora do envorcado na rede dos datos que durante máis dunha década recompilou Luís Sánchez Rodríguez. 

Licenciado en Dereito, empregado público da administración estatal e galega e xefe do Gabinete de Normalización Lingüística da Coruña da Secretaría Xeral de Política Lingüística nos seus últimos anos, empezou en 2014 un proceso de recompilación que o acabou levando a conformar unha enorme base de datos, con 18.280 fichas de persoas vítimas —na súa maioría— e represoras de Galicia ou con relación con ela. Con cadansúa biografía, historia persoal e política ou relación familiar para deitar unha gran base de datos sobre a represión. 

Luís Sánchez Rodríguez, no medio, durante a presentación da base de datos na Coruña CC-BY-SA CRMH da Coruña

"É unha base de datos viva; sorprenderíavos a cantidade de xente que contacta para incorporar novos datos, detallar ou rectificar outros... Ese é o gran valor desta recompilación", explica a Praza.gal Carlos Babío, presidente da CRMH da Coruña, que advirte de que, malia o seu volume, toda esta cantidade de nomes "son só unha parte ínfima do volume da represión que houbo en Galicia"

A nova base de datos xorde do traballo de máis dunha década de Luís Sánchez Rodríguez, que agora ve a luz nunha web accesible, "activa, viva e en continua actualización"

Babío destaca, sobre todo, a "funcionalidade" dunha web "de fácil manexo", elaborada por Anxo Sánchez, que permite incorporar diferentes filtros para as buscas e "cruzar datos de persoas" e comprobar así as súas relacións. E pon un exemplo, o mesmo que puxo na presentación que do proxecto tivo lugar este mércores no Circo de Artesáns da Coruña. "Podes poñer no buscador Deportivo da Coruña e tes unha listaxe de todas as persoas vinculadas dalgún xeito ao club que foron represaliadas ou que formaron parte da represión", explica. Aparecen máis de 15 persoas vítimas e tres participantes na represión relacionadas coa entidade branquiazul, desde Bebel García ata Salgado Torres. 

Son só dous nomes dos 19.000 aos que se achega unha base de datos que Sánchez Rodríguez, como lembrou na presentación, comezou con Foucellas. De aí tirou do fío e doutros proxectos, como o de Nomes e Voces —cuxo testemuño permanece na actualidade no traballo do grupo Histagra da USC— que reivindica o investigador e a CRMH "pero que quedou totalmente paralizado pola falta de axuda da Xunta"

A web permite cruzar datos de persoas e acceder a información política, persoal e familiar de cada unha das persoas incluídas

Sánchez Rodríguez, como explica Babío, partiu dese proxecto, no que detectou a falta de bastantes represaliados, e comezou envorcar na súa base de datos todas aquelas fichas, ademais das dos arquivos de combatentes da guerrilla, das que acolle outra importante base da Deputación de Ourense ou de arquivos militares e de moitas outras recompilacións. E a iso engadiulle a consulta de ducias de libros e fontes documentais, tamén das dos represores, neste caso tirando da importante obra de Luís Lamela. 

Entre pescudas, correccións e continua busca botou once anos de traballo ata que a CRMH colaborou con el para plasmar todo ese traballo nunha web "de consulta e actualización constante". Un envorcado nunha soa base de datos dun lote de bases de datos, con fichas personalizadas e revisión constante. "E financiado unicamente coas cotas das persoas socias da CRMH da Coruña, sen ningún tipo de axuda pública", aclara Babío. 

Portada da web da base de datos 'Mulleres, homes e homiños' CC-BY-SA CRMH da Coruña

A enorme base de datos é resultado do envorcado doutras bases de datos de vítimas, represores ou guerrilleiros e mais da investigación biográfica das persoas incluídas

Ata "nove ou dez horas diarias" chegou a dedicar a este traballo unha vez xubilado, coa idea de poder amosalo ao público nun libro, unha opción que axiña virou en inviable. "Serían máis de 4.000 páxinas e unha enciclopedia de dez tomos", lembraba. 

Ata que a CRMH da Coruña, na presentación do traballo de Rubem Centeno sobre as foxas de represaliados no cemiterio de Santo Amaro, Sánchez resolveu a dúbida sobre o nome dun asasinado. Aí descubriron os responsables da entidade o enorme traballo que lle propuxeron envorcar nunha web para facelo accesible a todo o mundo e permitir que seguise medrando con máis achegas, que son comprobadas e verificadas. Un labor que empezou por curiosidade en abril de 2014 e que foi plasmado case doce anos despois. Pero que aínda continúa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.