A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica instala 'stolpersteine' para homenaxear sete veciños do Corgo, Outeiro de Rei, O Incio e As Nogais
O proxecto Stolpersteine, impulsado polo artista alemán Gunter Deming, lembra dende hai máis de tres décadas ás vítimas do réxime nazi. As stolpersteine (pedras de tropezo) son instaladas nos lugares onde estas vítimas naceron, residiron ou traballaron ou en lugares emblemáticos das súas localidades de orixe para avivar e homenaxear a súa memoria.
Hai catro anos que as primeiras chegaron a Galicia. Ribadeo ou A Coruña acollen xa estes símbolos que agora, en datas próximas ao Día en Memoria das Vítimas do Holocausto (27 de xaneiro), van ser instalados tamén en catro concellos lucenses para lembrar sete veciños deportados aos campos nazis dende o exilio en Francia, todos agás un falecidos neles. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), impulsora das homenaxes, explica que "contactou cos seus familiares" e "moitos deles non sabían do destino dos seus".
O primeiro dos actos será no Corgo o 29 de xaneiro para lembrar a Rafael Pardo Valdés, veciño de Laxosa e Garda de Asalto da II República destinado en Barcelona. Tras o golpe e a guerra exiliouse en Francia, onde acabaría prisioneiro dos nazis e deportado en marzo de 1941 a Mauthausen. Ao ano seguinte matárono no subcampo de Gusen.
Rafael, Aurelio, Vitorino, Casto, Liberio, Balbino e Octavio estaban exiliados en Francia cando foron capturados polos nazis e internados en campos de exterminio. Só un sobreviviu.
Ao día seguinte, o día 30, Outeiro de Rei lembrará os irmáns Aurelio e Vitorino Díaz Hortas, nados na parroquia de Mosteiro. Ambos viviron tamén na capital catalá e os dous exiliáronse tras a entrada das tropas franquistas en Catalunya. Foron detidos durante a invasión alemá de Francia e en 1941 convertéronse nos presos número 4507 e 5494 do campo de Mauthausen. Aurelio puido sobrevivir ata a liberación do campo en maio de 1945. Vitorino, pola contra, foi trasladado ao subcampo de Gusen polo seu precario estado de saúde e alí morreu en 1942.
O 31 de xaneiro a ARMH instalará unha Stolpersteine no Incio para honrar a memoria de Casto Martínez Parada. Este veciño de Trascastro emigrara a Bilbao para traballar nos Altos Fornos e tamén se exiliou a Francia, no seu caso coa muller e as tres fillas. As forzas alemás detivéronos e enviáronos a Mauthausen; a familia foi devolta a territorio español mentres Casto Martínez ficaba alí ata morrer en Gusen.
Esta xeira de homenaxes finalizará nas Nogais o 7 de febreiro para lembrar a tres veciños. Trátase de Liberio Valín, de Doncos, quen no momento do golpe franquista vivía coa súa nai en Madrid. Igualmente exiliado en Francia, foi deportado a Mauthausen e despois gaseado no Castelo de Hartheim en 1944. Das Nogais era tamén Balbino Santín, levado no seu caso de Francia a Mauthausen e despois a Gusen, onde faleceu. E deste concello era orixinario tamén Octavio López, emigrante en Barcelona, tamén exiliado en Francia, deportado a Mauthausen e morto en Gusen.
Explica a ARMH que ultima outras homenaxes en cinco concellos lucenses máis. En tres deles, os de Viveiro e Cervantes e a cidade de Lugo, explican, "estamos pendentes da confirmación do compromiso dos concellos para a realización" dos actos.