Galicia únese ao proxecto 'Stolpersteine': lousas na Coruña para lembrar os deportados polo nazismo

'Stolpersteine' na Porta de Aires, na Coruña, o primeiro colocado na cidade e en Galicia CC-BY-SA Concello da Coruña

O proxecto Stolpersteine é unha iniciativa artística impulsada en 1990 polo artista alemán Gunter Demnig. Estas "pedras que fan tropezar" son pequenas lousas de bronce (de 10x10 centímetros) que lembran persoas deportadas polo nazismo e que se adoitan situar diante das casas natais ou da infancia das vítimas, con información básica sobre elas: data de nacemento, de deportación ao campo de concentración e do seu asasinato ou liberación. É un proxecto internacional que conta con máis de 50.000 laxes por diferentes cidades e países de Europa e que desde 2015 colocou varias en diferentes localidades de España. 

O proxecto 'Stolpersteine' é unha iniciativa artística que coloca lousas de bronce ante as casas de persoas deportadas a campos nazis; hai máis de 50.000 en Europa

Galicia conta desde este mércores coas primeiras, situadas na cidade da Coruña en homenaxe a seis veciños que foron deportados a campos nazis, aínda que en Ribadeo unha iniciativa da mesma fundación Stolpersteine colocara xa varias pedras da memoria para lembrar vítimas da represión franquista

A iniciativa xorde da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), en colaboración co Concello, e completarase máis adiante co recoñecemento a once persoas máis ata culminar a lembranza aos 17 cidadáns coruñeses que foron enviados a campos de concentración e exterminio e logo dun importante traballo de investigación. 

Localización dos 'stolspersteine' colocadas na Coruña CC-BY-SA Praza Pública / Google Earth

Foron arredor de 200 os galegos deportados a campos nazis; seis coruñeses serán os primeiros en seren homenaxeados con estas lastras que veñen de ser colocadas

En total, foron pouco menos de 200 os galegos deportados a campos nazis, dos que algo máis dun cento nunca sairían con vida. Foron asasinados todos eles en menos dun ano. Segundo detallou o Goberno central hai catro anos, perto de 50 naceran na provincia da Coruña; uns vinte na de Pontevedra; e outros tanto na de Ourense e na de Lugo. 

Gunter Demnig, artista impulsor da iniciativa hai máis de trinta anos, estivo presente este mércores na Coruña nun percorrido que saíu da praza de María Pita para ir colocando cada un dos seis stolsperstein ata rematar no final da rúa Santo André, nun camiño que percorre varios puntos do centro da urbe, que desde agora contará con estes stolspersteine cuxa localización pode verse detallada neste mapa

A primeira das stolspersteine colocadas en Galicia homenaxe o coruñés Julio Martínez Arias, capitán do exército republicano e sarxento do francés gaseado en Mauthausen

Na ruta participaron a alcaldesa da cidade, Inés Rey, Carmen Rodeja, representante en Galicia da ARMH, David Lozano, membro e investigador da asociación, así como familiares dos deportados. Houbo música, lectura de poemas e repaso das biografías dos homenaxeados. 

A primeira das paradas foi moi perto do palacio municipal, en Porta de Aires, onde se colocou a placa que lembra a figura de Julio Martínez Arias. Enxeñeiro progresista, foi capitán do exército republicano na guerra civil e logo sarxento do exército francés na loita contra o nazismo. Apreixado e conducido á Stalag XII-C de Wiebelsheim, foi deportado a Mauthausen en maio de 1941 e morreu gaseado o 7 de setembro do mesmo ano. 

Colocación do primeiro 'stolpersteine' da cidade da Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

A segunda parada tivo lugar na rúa Santiago, cerca do Campo da Leña, de onde era veciño Leopoldo López Criado, capturado polos alemáns en Francia, levado á prisión de Wiebelsheim e trasladado a Mauthausen, a Gusen, onde foi asasinado en novembro de 1941 con 36 anos. 

Luís Rafales Lamarca, con placa na rúa Varela Silvari, exiliouse a Francia e foi deportado a Mauthausen desde a prisión de Frankenthal en maio de 1941. Foi asasinado só cinco meses despois, con tan só 24 anos. Eduardo Sánchez García, veciño do Camo de Artilllería, ingresou tamén en Mauthausen e logo no subcampo de Vöcklabruk pero conseguiu sobrevivir ata a liberación.

Acto pola colocación do primeiro 'stolpersteine' na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Na rúa de Santo André foron dous os homenaxeados con cadansúa placa: Adrián del Castillo e Arturo García Lagares. Ambos foron capturados en Alemaña e acabaron sendo prisioneiros en Trier para ingresar en Mauthausen e ser gaseados en Gusen en 1941. Arturo tiña 56 anos e Adrián, 

“Hoxe, coa colocación das seis lastras na súa lembranza, todos eles volven ao seu antigofogar. E cos stolpersteine, ficarán para sempre con nós”, resumiu a alcaldesa, Inés Rey. 

Con todo, o traballo da fundación neerlandesa Stolpersteine, non é a primeira vez que chega a Galicia. Fíxoo antes a través das rúas de Ribadeo. Gunter Demnig, promotor da fundación, instalara alí  a finais de marzo de 2022 unha corentena de "pedras da memoria" na vila mariñá para promover a memoria das persoas asasinadas polos golpistas tras a insurrección de 1936 que deu lugar á posterior ditadura do xeneral Franco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.