As familias de 20 galegos enviados aos campos nazis únense á querela arxentina contra o Franquismo

Joaquín Balboa García © ARMH

A querela xudicial aberta no ano 2010 pola xuíza arxentina María Servini para perseguir os crimes do Franquismo contará nos vindeiros días con 20 novos denunciantes. Trátase das familias doutros tantos galegos enviados aos campos de concentración nazis, só unha parte de momento dos ao redor de 200 que pasaron polos campos de exterminio de Dachau, Sachenhausen, Buchenwald, Grini e, sobre todo, Mauthausen.

O 27 de xaneiro os familiares dos presos nos campos nazis asinarán as denuncias ante a cónsul arxentina Silvina Isabel Montenegro en varios lugares de Galicia

As familias están a ser asesoradas pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), que as axuda a presentar as denuncias, que coincidirán coa conmemoración do Día Internacional das Vítimas do Holocausto, o vindeiro 27 de xaneiro. Ese día os familiares dos presos nos campos nazis asinarán as denuncias ante a cónsul arxentina Silvina Isabel Montenegro en varios lugares de Galicia.

As denuncias, nas que foi moi importante o traballo de investigación realizado por Carlos Hernández e Benito Bermejo, contaron con asesoramento da avogada ante a causa arxentina, Ana Messuti, que subliña que "lembrar esas vítimas, telas ben presentes, é esencial desde a perspectiva xurídica: por unha banda, porque reafirma a cualificación de xenocidio ao vinculalo a un exterminio cuxo carácter xenocida ninguén pode pór en dúbida; pola outra, porque universaliza a represión franquista, non circunscribíndoa ao territorio español".

Francisco Pena Romero © ARMH

A ARMH fai fincapé na responsabilidade que o réxime franquista tivo no destino dos milleiros de cidadáns españois enviados aos campos de concentración nazi

A ARMH fai fincapé na responsabilidade que o réxime franquista tivo no destino dos milleiros de cidadáns españois enviados aos campos de concentración nazi. "Aos campos mandounos o goberno da Alemaña nazi pero foron enviados alí porque o Goberno franquista consentiu que iso sucedese. Ao Goberno franquista preguntóuselle dende a embaixada alemá en varias ocasións que se facía con eles: se eran repatriados a España ou eran enviados aos campos de concentración, e Franco inhibiuse e optou polo segundo. Iso nalgúns casos, porque noutros o Goberno franquista si que interveu e salvou a algúns dos prisioneiros", explica a historiadora Carmen García Rodeja.

"Os presos republicanos españois, ao igual que moitos outros, estaban primeiro en stalag, que era un campo de prisioneiros de guerra. Un campo de prisioneiros de guerra ten unhas normas, réxese pola Convención de Xenebra, non poden coller e gasealos. De permanecer en stalag, terían salvado a vida", conta a historiadora, que lembra que "ademais, entre os enviados aos campos había menores de idade, había nenos de 14, 15 e 16 anos".

"Entre os enviados aos campos había menores de idade, había nenos de 14, 15 e 16 anos"

Hai dous anos o Parlamento galego acolleu un acto de homenaxe aos galegos deportados aos campos nazis. Ademais, todos os grupos políticos aprobaron por unanimidade unha declaración institucional que subliñaba a responsabilidade da ditadura franquista no sucedido, lembrando que o Holocausto tivera a súa orixe "no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista". A Declaración lembraba en particular "os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano".

"Nós asesorámolos e axudámoslles a preparar as denuncias, pero son os familiares quen as presentan. Sobre todo porque isto é, dalgún xeito, reparador"

Os investigadores da ARMH leva moitos meses estudando e documentando os casos dos deportados galegos en campos de concentración alemáns e continúan a facer chamamentos (coa conta de email deportadosgalicia@gmail.com) para a implicación das familias e para o achegamento de nova información, subliñando que moitas persoas poden mesmo ignorar que os seus avós pasaron polos campos nazis. 

"Nós asesorámolos e axudámoslles a preparar as denuncias, pero son os familiares quen as presentan", subliña Carmen García Rodeja. "Sobre todo porque isto é, dalgún xeito, reparador. Cando o teu avó foi enviado a Mauthausen e morreu alí -ou foi liberado, tanto ten- que unha entidade pública como é un xulgado arxentino recolla a túa denuncia é moi importante", destaca.

"Isto facémolo para visibilizar que houbo deportados en Galicia e que se poden facer denuncias a Arxentina, o mesmo que de paseados, executados, de asasinatos extraxudiciais..."

Coincidindo coa presentación das denuncias, organizaranse actos públicos de difusión en varias cidades galegas. O luns 27 haberá actos na Coruña e Vigo e o martes 28 serán entregadas as denuncias no consulado arxentino da cidade olívica. Así mesmo, os días 1, 7 e 14 de febreiro levaranse a cabo varios actos na cidade de Ourense. "Isto facémolo para visibilizar que houbo deportados en Galicia e que se poden facer denuncias a Arxentina, o mesmo que de paseados, executados, de asasinatos extraxudiciais...", explica Carmen García Rodeja.

O pasado mes de novembro as familias de Alexandre Bóveda, Ramiro Paz e Amancio Caamaño uníronse tamén á querela arxentina contra os crimes do Franquismo. Neste caso contaron co apoio da Deputación de Pontevedra, que se converteu na primeira institución pública galega que apoia a vía xudicial contra os delitos cometidos durante a ditadura.

Joaquín Balboa García © ARMH

Os prisioneiros galego obxecto da denuncia

  • Domingo Castro Molares (Vigo). Desertor do exército franquista e sarxento das Milicias Galegas do Exército da República. Despois de exiliarse en Francia en 1939, foi detido polo exército alemán e deportado a Mauthausen en xaneiro de 1941, morrendo un ano despois.
  • José Ferradás Pastoriza (Bueu). En xullo de 1936 conseguiu fuxir ata Euskadi, onde se incorporou ao Batallón México. Despois de pasar a Francia, foi detido polos nazis en 1940 e deportado a Mauthausen en 1941, morrendo meses despois no campo de Gusen.
  • Ramón Garrido Vidal (O Grove). Desertor do exército franquista, incorporouse ao exército republicano. En Francia organizou os primeiros grupos armados de resistente españoles en Brest e en Lorient ata a súa detención en 1942 pola Gestapo. En xuño foi deportado a Dachau, sendo liberado o 30 de abril de 1945.
  • Arturo González Bastos (Lavadores-Vigo). Foi detido en 1944 en Francia por participar na resistencia á ocupación nazi. Foi deportado a Dachau e a outros campos, morrendo no subcampo de Meppen-Dalum en febreiro de 1945.
  • Francisco Pena Romero (Boiro). Foi detido en xullo de 1936 e obrigado a integrarse no exército franquista, do que desertou para loitar no bando republicano. Xa en Francia, foi detido polos alemáns en 1940 e confinado no campo de prisioneiros de guerra de Estrasburgo, dende onde foi deportado a Mauthausen. Foi liberado en maio de 1945.
  • Abilio Álvarez Bernardo (Entrimo). Na guerra civil loitou no exército republicano. Xa en Francia, foi detido e enviado a Mauthausen en 1941. En 1942 morreu gaseado no castelo de Hartheim.
  • Joaquín Balboa García (Monterrei). Despois da guerra civil, na que loitou no bando republicano, pasou a Francia, onde foi detido polas autoridades nazis. En 1941 foi trasladado a Mauthausen, onde traballou primeiro na canteira e, despois, de barbeiro, o que lle salvou a vida. En 1945 foi liberado polo exército británico
  • Francisco Cortés Martínez (Calvos de Randín). Despois da guerra civil, na que loitou no exército republicano, foi detido en Tours en 1943, seguramente por pertencer á Resistencia, sendo trasladado a Buchenwald o 29 de xaneiro de 1944. Salvou a vida, pero as secuelas do maltrato sufrido nos campos provocáronlle graves problemas de saúde ao longo da súa vida.
  • Julio Domínguez Rodríguez (Quintela de Leirado). Na Guerra Civil foi tenente das Milicias Galegas. En Francia colaboraba coa Resistencia e foi detido por participar en sabotaxes contra o exército nazi. En 1944 foi enviado a Mauthausen, de onde conseguiu saír con vida.
  • Isauro González Prada (Castro Caldelas). Trala súa detención en Francia, pasou por campos de prisioneiros de guerra, dende onde foi deportado a Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941, morrendo meses despois en Gusen dunha tuberculose.
  • Avelino Pérez Rodríguez (Entrimo). Nos inicios da Guerra Civil figura como integrante das Milicias Cívicas de Izquierda Republicana. En xuño de 1940 foi capturado polo exército alemán, entrando un ano despois en Mauthausen, morrendo meses despois en Gusen por unha bronconeumonía.
  • Nicolás Rodríguez Pérez (Monterrei). Durante a Guerra Civil fuxiu á zona gobernamental e integrouse no Exército republicano. Foi deportado desde Toulouse a Dachau o 3 de xullo de 1944 no denominado 'tren pantasma', xunto con outros 600 soldados republicanos españois, unha viaxe de 52 días na que moitos faleceron. Moi debilitado, rematou a súa vida en Dachau o 25 de febreiro de 1945, só dous meses antes da liberación do campo.
Ramón Garrido Vidal © ARMH
  • Victorino e Aurelio Díaz Hortas (Mosteiro, Lugo). Despois da Guerra Civil, os dous irmáns pasaron por varios campos de prisioneiros en Francia, ata rematar en Mauthausen en 1941, onde Aurelio foi liberado en 1945. O seu irmán Vitorino faleceu tres anos antes.
  • Rafael Pardo Vales (O Corgo). Chegou a ser sarxento do exército republicano. En Francia foi detido e enviado a Mauthausen en 1941, morrendo un ano despois en Gusen.
  • José Sánchez Pardo (Lugo). Garda de asalto na República, en Francia foi detido e enviado a Mauthausen, onde faleceu.
  • José Seijas Insua (Carral). Chegou a ser tenente do exército republicano. En Francia foi detido e enviado a Mauthausen, morrendo en Gusen en 1942.
  • José Alvedro Villaverde (A Coruña). Detido en Francia, foi enviado a Mauthausen en 1941, onde un ano despois foi un dos moitos deportados que perderon a vida debido aos malos tratos sufridos no campo de exterminio.
  • Manuel Rodríguez Louro (Dumbría). Para evitar ser recrutado polo exército franquista, foxe ao monte no verán de 1936, escapando posteriormente nun barco ata a cidade británica de Bristol, ingresando no exército republicano, no que loita na Guerra Civil. En Francia foi detido e enviado a Gusen, onde morreu gaseado en 1941.
  • Martín Ferreiro Álvarez (Cerdedo). Militante de Esquerda Republicana e traballador da construción na Coruña, durante a Segunda República chega a ser concelleiro na cidade herculina. Ante a detención da corporación municipal, refúxiase na súa aldea natal e foxe a Portugal e despois a Cataluña, onde loita na guerra. En Francia é detido e enviado a Mauthausen en 1940, morrendo un ano despois.
  • Antonio Suárez Blanco (Malpica). Mariñeiro e militante da CNT, en xullo de 1936 foxe en barco a Francia. Alí foi capturado en 1941 e enviado a Mauthausen, onde foi liberado en 1945

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.