A Coruña acolleu este luns a instalación de catro novas stolpersteine que lembran a veciños que foron levados aos campos de exterminio. A iniciativa da ARMH e do Concello busca "concienciar ás novas xeracións" e lembrar os coruñeses "que sufriron a lacra do nazismo"
Víctor San Miguel Prado, Víctor Manuel Conde Núñez, Martín Ferreiro Álvarez e Adolfo Bregua Mouriño. Dende este luns estes catro coruñeses, que foron enviados aos campos de concentración e exterminio nazis, contan na súa cidade, na rúa no que naceron ou viviron, cunha stolperstein que os lembra. Trátase de pequenas pezas de bronce que inclúen información sobre as persoas enviadas aos campos e que son colocadas en lugres de toda Europa como parte dunha iniciativa artística impulsada en 1990 polo artista alemán Gunter Demnig.
Trátase dunha iniciativa do Concello e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) para conmemorar o Día Internacional en Recordo das Vítimas do Holocausto, celebrado o pasado 27 de xaneiro (aniversario da liberación de Auschwitz-Birkenau polo exército da URSS). Porén, os actos tiveron que ser adiados polo mal tempo.
No primeiro acto do día, dedicado a Víctor San Miguel Prado e celebrado no número 134 da avenida de Santiago Rey Fernández-Latorre, participou o concelleiro Gonzalo Castro, edil de Cultura e Turismo e responsable do servizo de Memoria Histórica, que destacou que “desde o Goberno de Inés Rey somos conscientes do poder que teñen este tipo de actos para concienciar ás novas xeracións e evitar que os totalitarismos volvan a ter poder en Europa, por iso seguiremos a promover a colocación de novos stolpersteine na cidade ata que todos os coruñeses que sufriron a lacra do nazismo sexan recordados”.
Víctor San Miguel Prado, Víctor Manuel Conde Núñez, Martín Ferreiro Álvarez e Adolfo Bregua Mouriño contan xa no lugar onde naceron ou viviron con cadansúa stolpersteine
Posteriormente houbo actos inaugurais ante as lastras de Víctor Manuel Conde Núñez, no número 5 da rúa Cabana; de Martín Ferreiro Álvarez, no número 3 da rúa Mariscal Pardo de Cela; e de Adolfo Bregua Mouriño, no número 98 da avenida dos Mallos.
Nos vindeiros días colocaranse na Coruña outras seis stolpersteine en lembranza de Clemente Juan de la Cruz García (Zalaeta), José Albedro Villaverde (paseo das Pontes), Manuel Fernández Tarragó (rúa da Torre), Francisco Tallón Charlón, Enrique Tallón Charlón (ambos na rúa da Franxa) e José Martínez Cacheiro (nas Xubias de Abaixo).
Víctor San Miguel Prado
Víctor San Miguel Prado naceu na provincia de León en 1914 e viviu na Coruña dende 1920. Era ferroviario de profesión, como o fora seu pai. Exiliado en Francia trala Guerra civil, formou parte da Compañía de Traballadores Estranxeiros (CTE 29) asignada o 28 de abril de 1939, en Barcarès, ao 5º exército, ao qu lle correspondía a rexión de Lorena, na zona da Liña Maginot. Detidos polos alemáns no Frontstalag 140 de Belfort (Francia), foi levado como prisioneiro de guerra ao Stalag XI-B de Fallingbostel (Alemaña). O 27 de xaneiro de 1941, Víctor San Miguel entrou no campo de concentración de Mauthausen e foi enviado ao subcampo de Gusen. Morreu o 10 de xaneiro do 1942.
Nos vindeiros días colocaranse na Coruña outras seis stolpersteine en lembranza de Clemente Juan de la Cruz García, José Albedro Villaverde, Manuel Fernández Tarragó, Francisco Tallón Charlón, Enrique Tallón Charlón e José Martínez Cacheiro
Víctor Manuel Conde Núñez
Víctor Manuel Conde Núñez naceu en 1903 na Coruña. Casado e con tres fillos, traballaba na Mariña Mercante como axudante de cociña. Era anarcosindicalista e, con toda probabilidade, afiliado ao Sindicato de Enfermeiros, Camareiros e Cociñeiros Marítimos “La Cosmopolita” da CNT coruñesa. Tras escapar dos fascistas a Francia, internado no campo de refuxiados de Sant Cyprien, foi enrolado forzoso no 5º Rexemento. O 27 de xullo de 1940 fixerono prisioneiro; foi deportado a Mauthausen, onde conseguiu sobrevivir ata a liberación do campo en 1945. Volveu á Coruña.
Martín Ferreiro Álvarez
Naceu o 13 de setembro de 1892 en Cerdedo. Fillo de canteiro, trasladouse sendo moi novo á cidade de A Coruña, onde traballou na construción. Foi elixido concelleiro do Partido Republicano Radical-Socialista no ano 1931 e en 1936 con Unión Republicana, baixo a alcaldía de Alfredo Suárez Ferrín. Tras tentar opoñerse activamente ao golpe de Estado de Xullo de 1936 tivo que fuxir. Pasou polo campo de Saint Cipryen e a finais de 1939 integrouse nas Compañías de Traballadores Estranxeiros (CTE). Foi capturado pola Wehrmacht en xullo de 1940 e enviado ao campo de prisioneiros ou Stalag V-D, perto de Estrasburgo e posteriormente a Mauthausen, onde faleceu en 1941.
Adolfo Bregua Mouriño
Adolfo Bregua Mouriño naceu en Vioño, na Coruña o 24 de setembro de 1906. Tiña unha empresa de caixas e chegou a ser Delegado do Sindicato de “Cajonistas y Aserradores La Libertad” de A Coruña en 1930. Despois do Golpe de Estado conseguiu fuxir nun pesqueiro xunto con outros militantes da CNT e durante a guerra loitou en Cataluña. En 1939, tras fuxir a Francia, foi internado no campo de Le Barcarès e máis tarde foi capturado polos alemáns e levado ao stalag V-D de Estrasburgo, para despois ser deportado a Mauthausen
Sempre lle gustou xogar ao fútbol e iso posiblemente salvoulle a vida. Grazas a que aos alemáns lles gustaba este deporte, conseguiu traballar na cociña e así evitar o traballo na canteira e poder alimentarse un pouco mellor. Logrou sobrevivir ata o momento da liberación: o 5 de maio de 1945.
Hai dous anos A Coruña foi o escenario da colocación, por primeira vez en Galicia, dunha Stolperstein. Nesa primeira acción foron sete as pedras instaladas, rendendo homenaxe a Julio Martínez Arias, Leopoldo López Criado, Luis Rafales Lamarca, Eduardo Sánchez García, Adrián del Castillo, Arturo García Lagares e Juan González del Valle, asasinados en campos de concentración como Hartheim ou Gusen nos anos da II Guerra Mundial.