Houbo unhas Schindler galegas, as irmás Touza, que salvaron dunha morte segura a moreas de xudeus que fuxiron do nazismo por Portugal. Eva Mejuto recrea a súa historia en ‘Memoria do silencio’ (Xerais) a partir de fontes orais -entrevistas- e secundarias -outros traballos sobre o mesmo tema-. ‘Memoria do silencio’ é, ademais dunha lectura introdutoria para comprender o papel de Galicia na II Guerra Mundial, unha mostra máis do que a historia das mulleres podería contribuír a mudar a imaxe que os galegos/as teñen de si mesmos/as. Falamos coa autora desta novela e de ‘22 segundos’, o seu anterior libro, que é ademais unha das primeiras novelas xuvenís en galego que se achegaron ao tema da transexualidade.
'Memoria do silencio' é a historia, non moi coñecida, de tres irmás galegas que axudaron a fuxir por Portugal a centos de xudeus durante a II Guerra Mundial. Nelas inspíranse algúns dos personaxes da película 'Lobos sucios' de Paula Cons... Como deches coa historia e por que te dediciches a tratala nunha novela xuvenil?
“A historia, por si mesma, sen adobíos, é absolutamente fascinante e pensei de inmediato que tiña que escribir algo sobre ela”
Nunha conversa con Luis Bará arredor dun programa sobre a recuperación da memoria das mulleres. Eu en realidade estaba traballando sobre Frieda Belinfante, unha chelista e directora de orquestra holandesa (a Frieda do libro) e cando Luis me falou delas, haberá cousa duns catro anos, xa me puxen a ler e a buscar toda a información posible, desde noticias en prensa, ata as ficcións creadas, máis ou menos libremente, sobre esta historia, coma os libros de Vicente Piñeiro ou o filme de Paula e a novela de Emilio Ruiz Barrachina, que saíron cando eu estaba xa detrás do tema.
“Nos relatos que consumimos (filmes, series, libros) faltan, ao meu modo de ver, aínda moitas historias que contar, especialmente do noso pasado”
A historia, por si mesma, sen adobíos, é absolutamente fascinante e pensei de inmediato que tiña que escribir algo sobre ela, sen ter aínda moi decidido que nin para quen. Despois de ‘22 segundos’ e de tratar directamente coa mocidade pensei que era unha historia necesaria para ese público, ter referentes positivos da nosa historia e máis de mulleres, deixar de ver a historia narrada desde fóra. Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Shindler e non temos idea do que pasou no noso propio país? Nos relatos que consumen/consumimos (filmes, series, libros) faltan, ao meu modo de ver, aínda moitas historias que contar, especialmente do noso pasado e é fundamental que teñan esa perspectiva histórica que provoque unha reflexión necesaria sobre o pasado e o presente.
As tres irmás teñen medo, pero é Lola a que ten un maior sentido da xustiza. Non podería aturar non facer nada. Como construíches as tres personaxes, coas súas diferenzas?
“Quen se atrevía a facer iso nunha época na que o medo o invadía todo?”
Tiven unha grande axuda co historiador de Ribadavia Ramón Estévez, fillo de Ramón Estévez, un home de 96 anos que colaborou puntualmente con Lola nunha ocasión para axudar a cruzar a un dos fuxidos. Falei cos dous en varias ocasións, déronme moita documentación da época (noticias da prensa, actas...), falei con parentes que aínda viven en Ribadavia, veciños que as lembraban e máis recentemente cun dos netos, que vive en Vigo.
Os propios actos de Lola e das irmás falan por si propios e son moi indicativos da súa forma de ser, como ir declarar en plena guerra a favor do alcalde, de Izquierda Republicana, que acabou sendo asasinado, levarlle comida aos presos que estaban a carón da súa casa, agochar na casa a un parente perseguido... todo isto xa nos dá a idea do tipo de mulleres valentes e xenerosas que eran.
“Hai pouca descrición, é a través dos diálogos e as voces dos personaxes que seguimos á historia, un xogo de olladas que pensei que podía enriquecer a historia”
Quen se atrevía a facer iso nunha época na que o medo o invadía todo? Das súas actuacións na trama de fuxida de xudeus na segunda Guerra Mundial non hai nada documentado, pero xa só co que sabemos do que fixeron antes e ao longo da súa vida, dá para construír unha parte importante dos personaxes. Logo os testemuños da xente que a coñeceu, que as tratou, deron para acabar de construír os aspectos máis emocionais, facer as personaxes máis redondas, os seus caracteres, a súa afectividade, a súa relación co resto da vila... Elas tiñan perfectamente delimitado cal era o papel de cada unha e sen dúbida Lola levaba a voz cantante. E como se trata dunha novela, está a parte de ficción, o meu punto de vista e a miña achega persoal, aínda que tentei ser o máis fiel posible á realidade.
O libro está estruturado en capítulos nos que se vai alternando o relato dos personaxes principais: Günter, o soldado nazi; as tres irmás e Frieda, unha moza xudea que escribe cartas a outro personaxe. O diálogo aparece primeiro ao xeito clásico, con guións, e logo máis integrado no texto. Por que te decidiches por esta estrutura narrativa?
Para min, por riba da acción, da trama, do contexto está a creación ou recreación de personaxes, as súas intimidades, os seus pensamentos: é o aspecto que máis me interesa cando escribo. Esta estrutura dá para focalizar a atención de forma moi directa nos tres personaxes principais, crear os espazos idóneos para que se expresen, e aí quixen experimentar cos puntos de vista, de modo que a historia de Lola nárrase en primeira persoa, desde unha perspectiva subxectiva, a de Frieda comparte tamén esa maneira de contar desde dentro, pero usando a segunda persoa, escribindo e dirixíndose a un personaxe ausente, o sei irmán Bob.
“Günter responde a uns ideais e a unhas metas e iso é o único que importa, e precisamente representa a un individuo calquera que pode caer no fanatismo do fascismo, antes e agora”
A historia de Gunter, o nazi que as persegue, está narrada en terceira persoa. Tres formas distintas de achegarme á psicoloxía de tres persoas que interactúan e que contan, por veces as mesmas cousas por veces cousas complementarias, e que obrigan ao lectorado a construír a historia cos retallos das tres perspectivas. Hai pouca descrición, é a través dos diálogos e as voces dos personaxes que seguimos á historia, un xogo de olladas que pensei que podía enriquecer a historia.
Con Günter é difícil empatizar, pero si se chega a comprendelo: un pai autoritario, xenófobo, machista, que non deixa de ser unha persoa frustrada e un obreiro sen conciencia de clase. O pai é unha especie de retrato do cidadán alemán medio que apoiou a Hitler. Era a intención? Por que? Era parte do obxectivo que puidera identificarse co rebrote do fascismo actual?
Exactamente iso. Eu quedei moi impactada coa teoría da banalidade do mal formulada pola filófosofa Hanna Arendt a partir do xuízo e Adolf Eichmann, no que postulaba que os nazis non eran “monstros” ou “psicópatas”, senón que calquera persoa, sen aplicar xuízo propio e dedicándose só a acatar ordes sen cuestionalas, podía chegar a eses estremos de crueldade. Günter é asi, non ten criterio e anula todo tipo de crítica e autocrítica, responde a uns ideais e a unhas metas e iso é o único que importa, e precisamente representa a un individuo calquera que pode caer no fanatismo do fascismo, antes e agora.
“O que aconteceu neses anos pode pasar agora se non reparamos na manipulación á que certos grupos sociais e políticos queren someternos”
Esa é a reflexión á que me gustaría que chegase á mocidade (ou persoa adulta) que lea a historia. O que aconteceu neses anos pode pasar agora se non reparamos na manipulación á que certos grupos sociais e políticos queren someternos. Para combatelos, cómpre afondar na nosa historia, establecer paralelismos, fomentarmos unha cidadanía crítica. Os versos de Martin Niemöller, “Cando os nazis viñeron polos comunistas, gardei silencio, porque eu non era comunista...” están agora de plena actualidade e non podemos mirar cara a outro lado e permitir que nos rouben dereitos que tanto custou conseguir.
Frieda ten unha interesante historia tamén: unha música de éxito naquel tempo, que viste de home para sobrevivir, que nunca se rende malia as circunstancias... Como constrúes este personaxe e que representa para ti? Por que, de que xeito, é un pouco coma Lola?
Frieda é, como comentei antes, a figura que primeiro tratei, á que levaba máis tempo seguíndolle a pista. Se non tivese sabido de Lola, tería escrito ‘Os cadernos de Frieda’, que era inicialmente a obra que eu tiña comezado. Crear ese personaxe foi relativamente fácil, tamén existiu e aínda que morreu no 1995 deixou unha testemuña oral, recollida polo US Holocaust Memorial Museum, na que relata a súa vida, a súa colaboración coa resistencia holandesa, a súa fuxida, a estancia no campo de concentración onde creou unha orquestra coas reclusas...
“Frieda foi a primeira directora de orquestra de Europa, abertamente lesbiana, participou nun importante atentado contra un edificio civil en Amsterdam durante a ocupación nazi”
Foi a primeira directora de orquestra de Europa, abertamente lesbiana, participou nun importante atentado contra un edificio civil en Amsterdam durante a ocupación nazi, viviu varios meses vestida de home para non ser recoñecida... unha muller fascinante, pouco coñecida e recoñecida á que tamén me apetecía reivindicar. Certamente tiña moito en común con Lola, e seguramente con tantas outras das que xa nunca saberemos nada. A Historia tratou (ou deixou de tratar) tan inxustamente as mulleres...
Günter podería ser un tipo de soldado nazi: quere ser recoñecido, ten certo delirio de grandeza... As motivacións do seu compañeiro Jörg son ben diferentes: non é, nin moito menos, un fanático. Podes explicar este contraste entre os dous?
Günter representa o fanatismo, a crenza irracional nunha ideoloxía e Jörg, pola contra, é un de tantos que aproveitan as guerras para facer negocio. Di nun momento que as fronteiras, en tempos de guerra, son unha boa oportunidade de negocio para quen sabe aproveitar as ocasións. Toda guerra buscar disfrazarse e convencer dunhas ideas cando detrás están, e sempre foi así desde o inicio dos tempos: intereses económicos dunha minoría. Jörg e a súa familia soubérono desde o inicio e aproveitaron para “sacar tallada” e non podo dicir moito máis para non facer “spoiler”...Dúas persoas absolutamente desprezables pero con distintos matices.
É interesante tamén a relación entre os nazis e os fascistas galegos. A desconfianza mutua. E a conciencia de superioridade dos primeiros -tamén está retratado isto na película de Paula Cons-. É algo documentado? En xeral, cales foron as fontes que usaches para documentarte?
“Günter, desde a superioridade que lle outorgaba pertencer á autodenominada raza superior e ao incuestionable III Reich, miraba a Garda civil de Ribadavia coma se fosen pailáns”
Diversas fontes: artigos, documentais e lecturas varias, entre elas “Franco” de Paul Preston. Nela, afirma que Hitler tiña un fondo desprezo polos españois, “uns vagos son sangue de mouros, xente coa que non había nada que facer”. Günter, desde a superioridade que lle outorgaba pertencer á autodenominada raza superior e ao incuestionable III Reich, miraba a Garda civil de Ribadavia coma se fosen pailáns. Eu creei ao cabo López, que no certo é unha figura un tanto cómica, unha caricatura case, mullereiro, ignorante e corrupto, movido por intereses persoais exclusivamente que se aproveita do poder que a Ditadura lle outorga á Garda civil. A actitude do bando dos “vencedores” foi así en boa medida. E iso tamén dá para reflexionarmos.
Algo que quizais lle resta, ás veces, algo de fluidez á lectura é que, por veces, parece que tentas contar todo o importante que pasou en Galicia na II Guerra Mundial. Dalgunha maneira, o teu obxectivo é que este libro servise para iso, para contar o papel, e a importancia, de Galicia na guerra?
Aínda que me centro nos personaxes, como comentei, é importante relatar tamén o contexto no que se desenvolveu a actividade clandestina das irmás Touza. Hai que ter en conta que aínda que ‘Memoria do Silencio’, aínda que pode servir tamén para o público adulto, está nunha colección xuvenil. Hai aspectos que considerei necesario incluír porque creo que o lectorado mozo non coñece, mais sempre son apuntamentos, fíos soltos para quen queira tirar deles e documentarse: a presenza dos nazis en Vigo: a foto de milleiros de soldados da Wehrmacht e a Luftaffe, coas súas esvásticas, desfilando por Príncipe no 1939 a min púxome os pelos de punta, e vina por primeira vez no Arquivo Pacheco hai ben pouco tempo.
“Álex nace despois de estar un dous anos seguindo case a diario a varias ducias de YouTubers Trans que contaban na rede o seu día a día”
Cítase a Sección Femenina, a norte de Leslie Howard en Cedeira, a importancia do wolframio… Ramón Estévez relatoume, nas veces que o entrevistei, como roubaban o wolframio e o ían vender no “galdrucho” ou estraperlo cando eran pequenos. A min sorprendeume moito cando empezaron a saír obras que trataban o tema, cando sempre se nos vendera que España fora “un país neutral” na Segunda Guerra Mundial. Non sei se molesta ou resta fuidez, como dis, pero considerei necesario deixalo, polo menos, apuntado, para que os mozos e mozas que o lean vaian a Google e consulten se son ou non certas as cousas que aparecen por aí soltas...
Canto a '22 segundos', como xorde o personaxe de Alex?
“Eu o que tentei foi poñer o foco sobre un tema ausente na LIX galega, mais desde unha perspectiva individual”
Álex nace despois de estar un dous anos seguindo case a diario a varias ducias de YouTubers Trans que contaban na rede o seu día a día para axudar ás persoas que, coma eles, non tiveran apoios de ningún tipo. Despois de moito seguilos nas redes, entrei en contacto directo con varios mozos trans galegos, que me contaron a súa vida, e tamén co Asociacións como Arelas ou Fundación Daniela. O diálogo facíase necesario, a rede ofrece só unha parte e eu precisaba saber máis. De todas esas fontes, mais dun modo moi especial dun mozo trans de Cangas, Marcos Ceive (de feito a foto que sae na cuberta é el) naceu Álex, con moito de Marcos (hai anécdotas do libro que son directamente as súas experiencias) pero tamén con retallos de de Eric, de Kris, de Hugo, de Víctor, de Aidan... e tamén anacos de min.
En realidade, a historia é case coma unha especie de guía do que pode sentir, desde a infancia ata a adolescencia, unha persoa trans: os conflitos, as loitas cotiás, os progresivos avances... Era un pouco o teu obxectivo, que o libro servise de guía para comprender?
“No libro afírmase que o distinto dá medo e que é mais fácil mirara cara outro lado que enfrontarse a unha sociedade diversa”
Para nada tentei facer unha guía, nin unha receita, porque hai tantas experiencias trans como persoas. Eu o que tentei foi poñer o foco sobre un tema ausente na LIX galega, mais desde unha perspectiva individual, que probablemente moitos mozos trans comparten, pero tamén os hai que o vivenciaron de modo completamente distinto. Eu o que pretendín é que o lectorado mozo empatizase, que se puxese na pel dunha persoa trans e, principalmente, que se lle puxese nome e cara, que se fale de diversidade sexual na aula, que se saiba que existen e que se lles trate con respecto.
Ademais da historia da loita dunha persoa trans por ser recoñecida e respectada tal como é -porque el ten claro desde pequeno que é un neno- é tamén unha historia de alguén que pelexa por que lle deixen ser quen é. Aplicable non só ao tema do xénero. O personaxe do avó ten ademais moito que ver con iso. O obxectivo da historia é tamén un pouco ese?
No libro afírmase que o distinto dá medo e que é mais fácil mirara cara outro lado que enfrontarse a unha sociedade diversa, pero que vai sendo hora de existir. Efectivamente, hai persoas que recoñeceron identificarse con Álex malia non seren trans, ben por cuestións non de identidade senón de orientación sexual, de raza, procedencia, estatus económico, aspecto físico... de moitos aspectos que, por algunha razón, non entran nos cánones dunha “normalidade” imposta que é absolutamente irreal e que non nos representa a boa parte das persoas que formamos parte dela.
“Teño visto moitos casos no que os avós e avoas reaccionaron diante da transexualidade ou a homosexualidade infinitamente mellor e máis comprensivamente que os pais e as nais”
Hai, nese sentido, unha serie de personaxes relacionados entre si: o avó e a nai -a nai precisa máis tempo para entender- Alex e a amiga, a psicóloga e o psicólogo... É como unha estrutura de pares -ás veces confluentes, ás veces opostos- que representan as posibles reaccións sociais ante unha persoa trans. Era un pouco o obxectivo?
Pois a verdade é que o dos pares non foi algo feito á mantenta, pero tes razón. O que si quixen foi representar distintas posicións. A do avó interesoume especialmente. O avó de Marcos era un pouco así, como a da novela, aínda que é ficticio e eu quixen desbotar o prexuízo de que a xente maior é moi conservadora. Non concordo con iso e teño visto moitos casos no que os avós e avoas reaccionaron diante da transexualidade ou a homosexualidade infinitamente mellor e máis comprensivamente que os pais e as nais. Penso que cara á fin da vida, por fin aprendemos que o realmente importante é a nosa felicidade non o que pensen de nós. Obviamente, non sempre, e a outra avoa de Álex representa a intransixencia da “clase alta” da vila.
“Quería dar unha visión positiva, onde obviamente hai sufrimento, pero quixen remarcar unha visión positiva, enérxica, optimista”
Podías ter optado -e sería seguramente máis doado- por contar unha historia de bullying, como lle acontece a un personaxe secundario. Pero optaches pola naturalidade: sen negar o conflito, nin rebaixalo, pero sen dramatizar demasiado. E non creo que sexa casualidade. É así?
Exactamente, e houbo xente que me botou en cara “dulcificar” o conflito. Eu o que quería é dar unha visión positiva, onde obviamente hai sufrimento, aceptarse sendo diferente non é fácil na nosa sociedade, pero quixen remarcar unha visión positiva, enérxica, optimista. Fraco favor faría, ao meu modo de ver, se só relato os aspectos dramáticos, negativos... e máis sabendo que probablemente moitos mozos e mozas terían con esta obra a súa primeira achega á temática.
“Queda aínda moito que contar, moito que normalizar a diversidade sexual na literatura (e na vida en xeral)”
Busquei empatía, afecto, valentía e tamén quixen xogar co sentido do humor, fundamental para enfrontar a vida e as súas complexidades. O que si é certo é que hai unha parte da historia que falta por contar, non quero desvelar moito o argumento pero inicialmente o libro era dúas partes: ‘22 segundos’ e ‘Os Diarios da T’, onde se conta a modo dos canles de Youtube a transición de Álex “cara a si mesmo” como di no libro. Nesa parte, na que estou traballando aínda, si hai máis conflito, porque narra a reacción da sociedade (‘22 segundos’ céntrase na autoaceptación e na aceptación do entorno íntimo, pero deixa sen contar unha parte da historia).
Conta os aspectos legais aos que se ten que enfrontar Alex, os problemas co sistema sanitario que non recoñece nin sabe como tratalo, a súa relación con Ana, o pai que aparece... e xa o deixo que estou falando de máis. Alégrome moito que se publicaran recentemente outros libros, coma os de María Reimóndez, Iria Misa, Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso... que tamén tratan o tema, pero queda aínda moito que contar, moito que normalizar a diversidade sexual na literatura (e na vida en xeral).