Os populares votan en contra dunha iniciativa para que a Xunta pida ao Goberno de España ser membro asociado da Unesco como quere que sexan Catalunya e Euskadi
Xa o avanzaran en diversas declaracións o presidente do Goberno galego ou o conselleiro de Presidencia e este mércores ratificouno formalmente o PP nunha votación no Parlamento de Galicia. A Xunta non quere que Galicia sexa membro asociado da Unesco como está a impulsar o Goberno de España para Catalunya e Eukadi. O argumento do PP é que non é prioritario e que a ausencia de Galicia non impide á Xunta promover a presenza da cultura galega no mundo.
Foi o BNG quen defendeu este mércores, co apoio do PSdeG, unha proposición non de lei que textualmente pedía á Xunta "tendo en conta a Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex) 2025-29, tramitar a solicitude para que Galiza forme parte, como membro asociado, da Unesco". Unha iniciativa que ademais de apelar á estratexia de internacionalización do Goberno galego e a súa aposta polo papel estratéxico da cultura tamén recollía o sentir de diversas institucións de todo o país.
Segundo os populares a medida é unha concesión ao independentismo e no PP "non queremos a independencia"
Tras coñecerse a proposta do Goberno de Pedro Sánchez de que Euskadi e Catalunya formen parte da Unesco, pronunciáronse a favor do mesmo estatus para Galicia o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega ou fundacións literarias e entidades culturais de todo tipo. Porén, a resposta que deu este mércores o PP no Parlamento, por boca da deputada Katherinie Varela Fernández, foi que non é unha prioridade.
Segundo os populares, a proposta de Sánchez é unha concesión ao independentismo e no PP "non queremos a independencia". Os populares defenden que Galicia "forma parte dun país como España" e ten a súa propia acción exterior a través da Xunta da que se din "orgullosos".
A deputada popular minimizou a presenza na Unesco como membro asociado dicindo que estes non teñen dereito de voto. Pola contra, defendeu a importancia da presenza da Xunta no Comité das Rexións da Unión Europea, órgano consultivo sen poder real. "Cremos que nestes momentos temos outras prioridades para investir os recursos e non formar parte da Unesco no impide ao Goberno galego promover a nosa identidade e a nosa cultura no mundo", asegurou Varela Fernández.
Para o BNG o paso "implicaría a lexitimación internacional da identidade cultural propia"
Pola contra, desde o BNG a deputada Cristina Fernández Davila considera que a presenza na Unesco "implicaría a lexitimación internacional da identidade cultural propia" e "sería unha ferramenta estratéxica de primeira orde". Na mesma liña se pronunciou o PSdeG, que salientou que ten rexistrada pendente de debate unha iniciativa similar á do BNG. De momento, a deste mércores do BNG tivo os votos a favor tamén do PSdeG e en contra da maioría absoluta do PP. Democracia Ourensana abstívose.