Rueda responde a Consello da Cultura e RAG que está satisfeito coa representación do Estado ante a Unesco

Rueda e o conselleiro de Cultura, José López Campos, coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente non ve prioritario que Galicia estea na Unesco xunto con Catalunya e Euskadi e eloxia o traballo do Goberno de Sánchez na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Tras o anuncio do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, de que promoverá a incorporación de Catalunya e Euskadi como membros asociados da Unesco, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) amosaron o seu desexo de que Galicia entre na organización internacional ao mesmo nivel que as outras dúas nacionalidades históricas. Porén, este luns o presidente da Xunta arrefriou estas expectativas.

"Non o considero prioritario", di Alfonso Rueda. Asegura estar satisfeito coa representación de Galicia ante a Unesco que fai o Goberno de Pedro Sánchez.

Para o Consello da Cultura Galicia "merece unha representación equitativa á doutras comunidades históricas nas esferas internacionais", mentres que para a RAG participar na Unesco "sería unha boa noticia por canto contribuiría á visibilidade e recoñecemento" da cultura galega. Así o aseguraron as dúas institucións a preguntas de Praza.gal, que este luns preguntou á súa vez sobre esas valoracións ao presidente da Xunta.

Rueda está "moi satisfeito" do traballo do Goberno de Sánchez ante a Unesco: "sentímonos representados"

Rueda amósase crítico co anuncio de Sánchez da inclusión de Catalunya e Euskadi na Unesco, que interpreta como unha nova "concesión" aos partidos nacionalistas que apoian o seu Goberno. Pero ao tempo que critica a Sánchez por iso, o presidente da Xunta amósase satisfeito do traballo que fai ese mesmo Goberno na Unesco en representación de Galicia.

Segundo Rueda, "tendo en conta as peticións que ten encima da mesa a Xunta respecto de transferencias" que reclama ao Goberno de España, o ingreso na Unesco "non o considero máis prioritario". "Estamos moi satisfeitos do apoio que tivemos ata agora [do Goberno de España] para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, esta colaboración está funcionando, sentímonos representados polo noso país", di Rueda.

Sede da Unesco, en París © Unesco

Pola contra, fronte á presenza directa de Galicia na Unesco e non a través do Estado, o presidente da Xunta asegura que "a Galicia interésanlle preferentemente outras cousas", entre as que citou "que non suban as tarifas da AP-9" ou que o Goberno de España ceda as competencias sobre os permisos de traballo para persoas estranxeiras. Rueda nada dixo de que unhas cuestións non sexan incompatibles con outras. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.