Canteiras, encoros e especies invasoras, entre os reparos dos comités asesores da Unesco
En xullo de 1996 a candidatura da Ribeira Sacra quedou inscrita na denominada Lista Indicativa na que cada estado mantén durante varios anos ás súas aspirantes a ser declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco, 31 actualmente no caso de España -en Galicia o Ferrol da Ilustración e Ancares desde 2007, Illas Atlánticas desde 2018 e a capela de San Miguel de Celanova no marco dunha candidatura do mozárabe peninsular desde 2019.
No longo proceso para ser patrimonio da humanidade, recoñecemento que en Galicia xa teñen catro bens ou lugares, cada ano o estado elixe unha desas candidaturas para sometela ao exame final da Unesco cando considera que xa cumpre todos os requisitos, e este ano a elección consensuada coa Xunta foi a Ribeira Sacra. Porén, a análise da candidatura elaborada polos dous comités asesores da Unesco, Icomos a nivel cultural e UICN a nivel natural, vén de ser negativa: ademais de diversas ameazas como canteiras, encoros, especies invasoras ou perda de valores orixinais, “non se pode dicir” que a Ribeira Sacra “demostre excepcionalidade nesta etapa” da súa candidatura.
Para ser patrimonio da humanidade hai que cumprir algún ou varios dos 10 criterios culturais ou naturais que emprega a Unesco e que teñen en común primar o “valor universal excepcional” do ben a protexer
A principal eiva na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade tras 15 anos de preparación na lista indicativa vai contra a esencia mesma dese recoñecemento. Para obtelo hai que cumprir algún ou varios dos 10 criterios culturais ou naturais que emprega a Unesco e que teñen en común primar o “valor universal excepcional” do ben a protexer. No caso da Ribeira Sacra elixíronse os criterios III, IV e V: “achegar un testemuño único ou polo menos excepcional dunha tradición cultural ou dunha civilización existente ou xa desaparecida”, “ofrecer un exemplo eminente dun tipo de edificio, conxunto arquitectónico, tecnolóxico ou paisaxe, que ilustre unha etapa significativa da historia humana” e “ser un exemplo eminente dunha tradición de asentamento humano, utilización do mar ou da terra, que sexa representativa dunha cultura (ou culturas), ou da interacción humana co medio ambiente especialmente cando este se volva vulnerable fronte ao impacto de cambios irreversibles”.
A avaliación da candidatura salienta que hai outros lugares no mundo exemplo de combinación de comunidades relixiosas con paisaxes de cultivos en socalcos
Os comités asesores da Unesco analizan o cumprimento deses criterios na propia candidatura e en comparación con outros patrimonios mundiais xa declarados, e no caso da Ribeira Sacra concluíron que “ningún dos criterios culturais foi aínda demostrado” porque non se xustificou a excepcionalidade do lugar, hai outros exemplos de arquitectura monástica no occidente europeo e a paisaxe sufriu “significativas transformacións nos últimos 200 anos”, con desenvolvemento de "infraestruturas de gran escala" -ás que habería que engadir no futuro unha autovía entre Ourense e Ponferrada- que racharon a súa conexión coa súa orixe sacra. Ademais, di, hai outros lugares no mundo que tamén combinan a existencia de comunidades relixiosas con paisaxes rechamantes de cultivo en socalcos, e pon o exemplo do Val Santo e bosque dos cedros de Deus, no Líbano, declarado Patrimonio da Humanidade en 1998.
Por outra banda, a vinculación que a candidatura fai coas comunidades relixiosas alí instaladas na idade media leva a Icomos a salientar como unha eiva que xa só queda un mosteiro ocupado. E, nesa liña de perda dos valores orixinais do territorio, apúntase tanto no informe de Icomos como de UICN ás actividades desenvolvidas na zona nos dous últimos séculos.
No ámbito natural, fálase de “perda de biodiversidade como resultado da fragmentación, transformación e redución do hábitat natural, e a introdución e expansión de especies invasoras, como a acacia e o bagre, combinadas cos crecentes impactos do cambio climático”. UICN tamén apunta que o espazo “vese afectado por dez centrais hidroeléctricas, incluídas catro grandes cuxos encoros modificaron as características climáticas dos vales”, así como por “explotacións de minas e canteiras abertas activas que teñen un impacto significativo sobre a paisaxe”.
Ademais de analizar a excepcionalidade da candidatura en si mesma e en comparación con outros patrimonios da humanidade, o informe de Icomos avalía outras variables. Canto á integridade e autenticidade da candidatura, conclúe que “non se cumpriron as condicións” para o conxunto do territorio a protexer e que “só se cumpriron parcialmente” para os compoñentes individuais que o conforman. Canto a como se realizou a xustificación da candidatura, conclúe que “as características específicas que transmiten o valor do ben foron ben identificadas, pero non se pode dicir que o ben nominado demostre excepcionalidade nesta fase”.
Icomos considera que adecuadas as medidas de conservación e seguimento pero di que "poderían ampliarse aínda máis para garantir mellor a continuidade das prácticas culturais e de xestión da terra tradicionais”
Sobre as medidas de conservación e seguimento propostas, Icomos considera que son adecuadas, pero engade que "o sistema de seguimento podería ampliarse aínda máis para garantir mellor a continuidade das prácticas culturais e de xestión da terra tradicionais”. E sobre a protección legal e o sistema de xestión, di que “son adecuados”.
Tras todas esas análises, a recomendación final de Icomos á Unesco, que é quen decide finalmente -este ano nunha reunión en China a finais de xullo- é que a Ribeira Sacra “non debe ser inscrita na lista de Patrimonio Mundial”, o que fixo que España retirase a candidatura, que agora deberá ser reformulada e volver competir coas outras 31 candidaturas inscritas desde hai anos na lista indicativa estatal, entre elas as outras catro que tamén inclúen bens galegos.