Alertan de que a destrución do medio compromete a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Obras de Iberdrola no corazón da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA M. Carballada

A Ribeira Sacra busca dende hai un tempo acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade, dependente da UNESCO. A implicación de todas administracións, tanto da Xunta, coma das deputacións provinciais de Lugo e Ourense, coma das administracións locais é máxima. Porén, semella que a innegable beleza deste espazo único e todas as declaracións de intencións que se fagan poden non ser suficientes para acadar este recoñecemento se a UNESCO xulga negativamente algunhas actuacións moi agresivas para o medio ambiente que se están levando a cabo ou se proxectan para a zona. É o caso da autovía A-76 ou a construción de novas canteiras e encoros

ADEGA vén de denunciar que estes impactos poderían dificultar moito o obxecctivo buscado, pois o Comité do Patrimonio Mundial "debe acreditar que o ben a protexer reúne as condicións de integridade e autenticidade e conta cun axeitado sistema de protección que garanta a súa salvagarda", segundo se recolle na Directriz 78 para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial.

A UNESCO "debe acreditar que o ben a protexer reúne as condicións de integridade e autenticidade e conta cun axeitado sistema de protección que garanta a súa salvagarda"

De igual xeito, na Directriz 89, a UNESCO sinala que "os materiais físicos do ben e/ou as súas características significativas deben encontrarse en bo estado e o impacto dos procesos de deterioro debe estar controlado". E en canto aos valores naturais, para a UNESCO "os procesos biofísicos e as características da terra deberán estar relativamente intactos", e as actividades que no espazo se desenvolvan deben "estaren en harmonía co Valor Universal Excepcional da área e seren sustentábels dende o punto de vista ecolóxico" (Directriz 90).

A entidade ecoloxista advirte de que "os proxectos agresivos que arestora ameazan este espazo" poden provocar que a UNESCO "non acredite na seriedade da candidatura". ADEGA refírese por exemplo aos catro novos megaproxectos hidroeléctricos que neste momento se atopan en tramitación ou execución: O repotenciamento de Belesar III e Os Peares III, e as novas centrais en caverna de Santa Cristina (Iberdrola) e Edrada (Gas Natural-Fenosa). Para ADEGA, "de ningún xeito estes proxectos poden considerarse repotenciamentos, como manteñen Iberdola e GN-Fenosa, e si novos aproveitamentos, xa que se ben non requiren da construción dun novo vaso, si implican obras faraónicas, con centrais en caverna, a construción dun lago elevado, de novas tubarías de presión, de novas liñas de evacuación, e millóns de toneladas de entullos, aliás de detraer máis caudal ao río".

"Non é posíbel reclamar esta distinción e que ao tempo siga sendo o polígono industrial de Iberdrola e Gas Natural-Fenosa ou o cemiterio de millóns de euros públicos en infraestruturas superfluas para engordar as construtoras"

De igual xeito, a asociación lembra que "a construción da autovía A-76 e a autorización de novas canteiras en pleno corazón do Parque Natural da Enciña da Lastra, vai engadir máis alteracións nunha paisaxe excepcional con comunidades biolóxicas únicas, precisamente dous dos puntos fortes da candidatura". ADEGA conclúe que "non é posíbel reclamar esta distinción e que ao tempo siga sendo o polígono industrial de Iberdrola e Gas Natural-Fenosa ou o cemiterio de millóns de euros públicos en infraestruturas superfluas para engordar as construtoras".

Cadriño de denuncia da situación da Ribeira Sacra © ADEGA
Obras de Iberdrola no corazón da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.