Entre o 16 e o 18 de setembro de 1933 celebrouse en Berna (Suíza) o IX Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE), organismo da Sociedade de Nacións. A cita, da que esta fin de semana se celebra o 90 aniversario, supuxo o primeiro recoñecemento oficial de Galicia como nación
Entre o 16 e o 18 de setembro de 1933 celebrouse en Berna (Suíza) o IX Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE), organismo da Sociedade de Nacións. A cita, da que esta fin de semana se celebra o 90 aniversario, supuxo o primeiro recoñecemento oficial de Galicia como nación. Plácido Castro, que foi secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista, representou a Galicia nunha delegación na que tamén estaba prevista a participación de Ramón Otero Pedrayo, finalmente ausente.
Plácido Castro foi recibido polo presidente do Consello da Sociedade de Nacións, Johan Ludwig Mowinckel, primeiro ministro noruegués, e polo presidente do parlamento suízo, M. Motta. Na declaración presentada ao congreso proclamábase que Galicia “é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta", ao tempo que reivindicaba “o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo” e reclamaba "a plena liberdade do emprego do seu idioma materno, especialmente na instrución". A declaración engadía que "Galicia desexa vivir en boas relacións coas outras nacionalidades de España e quere colaborar con elas para a regulamentación de tódalas cuestións de interese común. É evidente que non opón ningún obstáculo á realización dun ideal federal, calquera que sexa a a súa amplitude".
Na declaración presentada ao congreso proclamábase que Galicia “é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España", ao tempo que reivindicaba “o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo” e reclamaba "a plena liberdade do emprego do seu idioma materno, especialmente na instrución"
O recoñecemento chegou nun momento no que a Sociedade de Nacións (o equivalente no período de entreguerras á actual ONU) comezou a perder autoridade, en boa medida polas tensións que acabaron levando á Segunda Guerra Mundial. Porén, o feito histórico e legal ficou e o propio Castelao no Sempre en Galiza salienta que “Galicia é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións”.
Á súa volta a Galicia Plácido Castro deu conta da importancia do que viña de suceder en Berna en tres artigos que publicou en El Pueblo Gallego, o primeiro o 30 de setembro, no que destacaba que "por primeira vez na súa historia Galicia concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional". O segundo o 5 de outubro, no que Castro destacaba que unha das resolucións do congreso fixera constar que "a autonomía territorial é o medio máis adecuado de resolve-los problemas minoritarios, cando se trata de minorías que ocupan, en masa compacta, un territorio definido", o que viña apoiar as reivindicacións de autogoberno do PG: "velaí algo que se relaciona directamente co problema de Galicia e vén a confirmar, coa máis alta autoridade, a posición do movemento galeguista".
Á súa volta a Galicia Plácido Castro deu conta da importancia do que viña de suceder en Berna en tres artigos que publicou en El Pueblo Gallego
O terceiro artigo, titulado Galicia, nacionalidade europea, facía fincapé na importancia histórica da participación de Galicia no Congreso. Plácido Castro salientaba "o recoñecemento por unha organización internacional, integrada por representantes de corenta millóns de europeos, pertencentes a catorce nacionalidades, de que o noso pobo constitúe unha nación". Tamén constataba o pulo que supuxera para a "universalización de Galicia", o que constituía "outra constante aspiración do galeguismo". No texto, Castro desbotaba o "separatismo", apostaba por "formar parte dunha Federación, calquera que sexa a súa amplitude. Federación hispánica, ibérica, europea ou mundial, con todas se declara compatible o nacionalismo galego". E concluía que "Galicia, porque é galega, polos seus propios méritos, conseguiu ocupar un posto que non estivera ó seu alcance se se conformase con ser un anaco da España grande. É dicir, que Galicia, sendo galega, é máis universal e ten máis personalidade que se perde a súa identidade nun estado español uniforme". Neste artigo Castro proclamou, ademais, que “calquera que sexa o réxime político en que Galiza viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”.
O recoñecemento do CNE "poñíanos na axenda global"
Xulio Ríos: "foi, sen dúbida, moi relevante na medida en que explicitaba un primeiro recoñecemento europeo e internacional de Galicia como expresión dun problema nacional a resolver. En certa maneira, poñíanos na axenda global"
Xulio Ríos, Presidente de Honra do IGADI, salienta en conversa con Praza.gal que a participación de Galicia neste Congreso "foi, sen dúbida, moi relevante na medida en que explicitaba un primeiro recoñecemento europeo e internacional de Galicia como expresión dun problema nacional a resolver. En certa maneira, poñíanos na axenda global". E engade que o feito de que "iso se conseguira en tan pouco tempo (o PG constituirase en 1931) era un éxito político que abría importantes expectativas por mais que outros quixeran restarlle repercusión".
Explica que "en Europa era un momento complicado polo ascenso nazi en Alemaña", o que neste tempo "afectou á dinámica do propio CNE pois nel había unha importante presenza (e financiamento) das minorías alemás". "De feito, podería dicirse que mesmo iniciaría entón o seu declive ata 1938", engade.
Ríos subliña o papel central de Plácido Castro: "foi a voz que nos representou e fíxoo con moita dignidade. Levaba a memoria que preparara Risco e a súa fonda preparación intelectual e experiencias vitais internacionais contribuíron a realzar a súa participación, figurando en diversas comitivas, incluída a que cumprimentou ao presidente do Consello da Sociedade de Nacións". E engade que, de regreso, no PG asumiría a secretaría de relacións internacionais "cun moi forte aval da militancia e quitaríao desa relativa discreción na que sempre se movía".
"Somos mundo dende hai moito tempo, o que non facemos é aproveitalo"
"Necesitamos facer máis, como fan outras nacións no Estado, como fai todo o mundo que pode. Pero falta músculo, político e social. Moita pose e pouca miga", conclúe Ríos
Nos últimos anos, en varias ocasións, Ríos ten criticado a ausencia de recoñecemento da importancia histórica que tivo este feito e, en xeral, a actividade internacional do Partido Galeguista e, en concreto, de Plácido Castro. "Falta perspectiva e capacidade para por en valor a propia traxectoria", dicía nesta entrevista hai dez anos. Xulio Ríos cre que "Galicia é de tempos lentos" e engade que "querémonos pouco" e que aínda "hai moito por facer aínda".
Lembra que cando se debateu a posible reforma do Estatuto de Autonomía, na cuestión de de mencionar ou non a condición nacional de Galicia e onde facelo (no Preámbulo ou no articulado), “ofreceuse" o antecedente do Congreso de Nacionalidades Europeas "como lexitimador e normalizador". Porén, lamenta, "non callou a reforma e outra vez volveu ao segundo plano". En calquera caso celebra que "hoxe hai máis institucións e persoas interesadas e eu confío que nos dez anos por diante que nos faltan para o centenario haxa un esforzo que estea á altura do esixible".
Ríos destaca que "nós somos mundo dende hai moito tempo, especialmente pola nosa longa diáspora" e critica que "o que non facemos é aproveitalo con estratexias adaptadas, cunha política exterior como pedía Plácido Castro en 1933"
Nun artigo que Xulio Ríos publicou este venres en Praza.gal, reivindica o carácter "universalista" do nacionalismo galego, especialmente nos anos 30 do pasado século, subliñando que "a importancia de acadar certo recoñecemento exterior foi unha preocupación do movemento galeguista dende os seu inicios. Diríase que un dos seus catro piares programáticos: Galicia, unidade cultural, pobo autónomo, comunidade cooperativa, pero tamén célula de universalidade, co seu tridente: pacifismo, federalismo internacional e antiimperialismo".
E reclama que, tamén na actualidade, sexa unha prioridade esta ollada ao exterior: "é algo que está aí. Non se pode evitar en tempos de mundialización e interdependencia tan evidentes". Ríos explica que "nos anos 30, que o galeguismo incorporase o universalismo como sinal de identidade obedecía, de entrada, á necesidade de abrirse paso entre o cosmopolitismo e o internacionalismo que apreixaban nun contexto de emerxencia das identidades de todo tipo".
Destaca que "nós somos mundo dende hai moito tempo, especialmente pola nosa longa diáspora" e critica que "o que non facemos é aproveitalo con estratexias adaptadas, cunha política exterior como pedía Plácido Castro en 1933". "É unha dimensión que transcende ao nacionalismo para reafirmarse como unha política pública básica e irrenunciable", di. "Eu pediría máis compromiso con ela porque poderiamos facer máis nos tempos que corren. E necesitamos facer máis, como fan outras nacións no Estado, como fai todo o mundo que pode. Pero falta músculo, político e social. Moita pose e pouca miga", conclúe Ríos.
O Congreso de Nacionalidades Europeas
"Hoxe hai máis institucións e persoas interesadas e eu confío que nos dez anos por diante que nos faltan para o centenario haxa un esforzo que estea á altura do esixible", di Ríos
O Congreso de Nacionalidades Europeas naceu en 1925 para reivindicar o dereito á autonomía (administración nacional propia) e ao libre desenvolvemento cultural das nacións sen Estado e das minorías nacionais existentes en Europa. Rexeitaba a modificación das fronteiras políticas existentes e reclamaba sistemas electorais que permitisen ás minorías contar cunha representación proporcional á súa significación numérica. Para ingresar no Congreso "a parte solicitante debía achegar probas ou manifestacións que evidenciaran a súa existencia mediante signos exteriores demostrativos dunha vida colectiva con carácter duradeiro", destaca o IGADI.
Xa nos anos trinta Galicia achegouse a este organismo da man de vascos e cataláns e despois de que unha delegación do CNE (liderada polo seu secretario xeral, o estoniano E. Ammende) realizase unha visita ao noso país. O Partido Galeguista procuraba fundamentalmente, segundo o IGADI, "o establecemento dun marco de cooperación cos movementos afíns que permitisen a universalización de Galicia no dobre senso de facer que Europa nos coñeza e nós coñecer mellor Europa" e o "recoñecemento da condición de nación por parte dun organismo internacional de considerable prestixio e reputación".
Congreso "Recoñecemento Internacional de Galiza Nación"
Este 16 de setembro o Museo do Pobo Galego acolle o congreso Recoñecemento Internacional de Galiza Nación, impulsado pola plataforma Vía Galega, que afondará na importancia da cita das que se celebra o 90 aniversario
Este 16 de setembro o Museo do Pobo Galego acolle o congreso Recoñecemento Internacional de Galiza Nación, impulsado pola plataforma Vía Galega. Na presentación da cita, hai uns días, o coordinador de Vía Galega, Anxo Louzao destacou que o obxectivo é “conmemorar e achegarnos, a un acontecemento relevante da nosa historia, analizarmos os antecedentes, o contexto político e as propostas nacionalistas daquela época” destacando "o papel fulcral de Plácido Castro neste cometido”.
Louzao incidiu no contido da declaración presentada ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas pola delegación galega, na que se afirmaba que “Galiza é unha nación ben definida e tiña dereito a decidir por si mesma o seu futuro”. Ademais, destacou que o Partido Galeguista, do cal Plácido Castro foi secretario de relacións internacionais, “consideraba a integración de Galiza nun escenario mundial en pé de igualdade co resto das nacións”. “Pretendían articular alternativas en todos os ámbitos, dar a coñecer os anceios de liberdade de Galiza e situarse no panorama internacional como nación, desde unha visión antiimperialista, pacifista e en pé de igualdade co resto das nacións. Alicerces que continúan a definir ao nacionalismo galego actual”, sinalou.
Durante a xornada haberá cinco conferencias e unha mesa redonda cos seus respectivos coloquios.
- 10:00 - 10:50.- A Sociedade de Nacións e o recoñecemento internacional de Galiza nación en 1933. Xosé Estévez. Profesor de universidade e historiador.
- 10:50 - 11:40.- O nacionalismo galego no primeiro terzo do s. XX. Das Irmandades da Fala ao Partido Galeguista (1916-1936). Uxío Breogán. Profesor e director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC.
- 12.10 - 13:00.- A significación de Plácido Castro na proxección internacional de Galiza. A voz galega no exterior. Rubén Lois, Catedrático de Xeografía da USC-
- 13:00 - 13:50.- A Unión Europea como supraestado nesta etapa do capitalismo monopolista. María do Carme Garcia Negro. Profesora de Universidade e directora do Centro de Documentación Europeo da USC.
- 16:30 - 17:20.- Galiza: o marco político actual e a súa necesaria superación. Francisco Rodríguez. Profesor e ensaísta.
- 17:20 - 19.00.- Mesa Redonda: As nacións sen estado na actual Europa. O dereito de autodeterminación dos Pobos. Olaia Duarte, senadora electa de Bildu. Montserrat Fornells, deputada ERC no Parlament de Catalunya. Néstor Rego Candamil, deputado do BNG no Congreso de Deputados.