Do 16 ao 18 de setembro de 1933 celebrouse en Berna (Suíza) o IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, no que participou Galicia a través do galeguista Plácido Castro, e que supuxo o primeiro recoñecemento oficial de Galicia como nación. Un feito histórico, do que esta semana celebramos o seu 80 aniversario, e que segue sendo escasamente coñecido e reivindicado. Falamos con Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e da Fundación Plácido Castro, que destaca que "sen estratexias avanzadas de acción exterior Galicia está fóra de xogo".
Que significou a participación de Galicia nese Congreso? Que impacto tivo no seu tempo? Que importancia pode ter dende a actualidade?
Foi, sen dúbida, un fito para o galeguismo. Debidamente contextualizado, o mais relevante neste plano na historia contemporánea de Galicia. Situounos en Europa e no mundo expresando as arelas identitarias e de autogoberno ante un organismo da maior relevancia internacional na época. O galeguismo era consciente naquela altura da importancia de prestar atención ás tendencias do momento e procurou fórmulas de universalización en todos os planos, tamén no político. Hoxe, suma argumentos dun peso indiscutible para o recoñecemento da nosa identidade nacional e para acoutar ese debate bizantino sobre se somos ou non somos o que somos.
"Foi, sen dúbida, un fito para o galeguismo. Debidamente contextualizado, o mais relevante neste plano na historia contemporánea"
Por que cres que é un feito tan pouco reivindicado mesmo polo galeguismo e o nacionalismo?
Hai moita ignorancia, primeiro, e moito desleixo despois. Sempre enredados en liortas de diferente alcance, falta perspectiva e capacidade para por en valor a propia traxectoria. Vaise de ruptura en ruptura, de novo comezo en novo comezo, e perdendo os referentes elementais que se substitúen moitas veces por lecturas ideoloxizadas e apresuradas que axudan a facer táboa rasa. É unha evidencia máis dun extravío que ven de tempo atrás produto dunha interpretación tan sesgada dun pasado inmediato que impide establecer trazos sólidos de continuidade. Se os houbera, abordaríase doutra maneira.
"Sempre enredados en liortas de diferente alcance, falta perspectiva e capacidade para por en valor a propia traxectoria"
Este esquecemento é extensible á historiografia?
Queda moita leira por cavar nese campo e carecemos dun plano sistemático que concentre as enerxías, fixe prioridades e trace unha folla de ruta crible. Cada un vai facendo o que pode. Parece que esa é a nosa cultura de traballo. Lembro que cando me acheguei ao Arquivo da Sociedade Nacións en 1991, foi en boa medida grazas ao apoio de Carlos Casares, ademais dos amigos da asociación Galicia Hoxe de Xenebra, de Domínguez e a súa familia, que me acolleron cunha inesquecible hospitalidade sen coñecerme de nada. A Fundación estableceu un acordo coa Facultade de Xeografía e Historia da USC para promover as investigacións e confiamos en que esperte o interese. Levamos tempo, por exemplo, procurando afondar na traxectoria de Plácido en Scarborough e en Glasgow, tamén en Londres nas diferentes etapas, pero con escaso éxito. Tras tantos anos de perda de memoria, queda moitísimo por facer, por reivindicar e dignificar. Nun país normal cunha sociedade civil rexa e viva sería posible, no noso caso é mais complexo. Polo momento, non queda outra que teimar.
Tiña o nacionalismo galego dos anos 30 máis visión universalista que as tradicións que se impuxeron despois da guerra?
Hai que situalo no seu contexto, pero entendo que si. Estaba no seu frontispicio ideolóxico. Dende o Seminario de Estudos Galegos, a Xeración Nós, etc., había unha inquietude permanente por mirar cara fóra, simplemente por responsabilidade, con mentes privilexiadas e xenerosas, capaces de xestionar a pluralidade sen rozaduras, poñendo o país por diante. Basta reler as publicacións da época. No franquismo, os sobreviventes reconduciron moitas destas inquedanzas por campos que excluían a dimensión política, salvo no exilio, pero aquela formación sempre pesou o seu. Para o nacionalismo actual leva tempo sendo unha eiva estrutural grave. Polo que puiden ler en Praza ata unha formación de nova creación non contempla no seu organigrama directivo unha responsabilidade específica nesta materia, o cal é verdadeiramente sorprendente a estas alturas.
"Carecemos da autoestima colectiva precisa para crer en nós mesmos, para afincarnos no que somos e proxectarnos no mundo. Sen iso e sen liderados, todo serán anécdotas"
Mira pouco cara a fóra Galicia?
Hai unha mirada asimétrica. Hai posicionamentos de valor nalgúns campos, pero carecemos da autoestima colectiva precisa para crer en nós mesmos, para afincarnos no que somos e proxectarnos no mundo. Sen iso e sen liderados, todo serán anécdotas. Pero moitos, e en todos os ámbitos e latitudes, seguen pensando que todo iso é unha excentricidade ou un exceso ao que debe pórselle límites ben claros. Basta ver o disparate en que se converteu o debate sobre a participación política da diáspora. Como moito hai que internacionalizar as nosas empresas. Consecuentemente, en moitos aspectos, estamos a velas vir. Sen estratexias avanzadas de acción exterior, sen acompañar as tendencias universais, Galicia está fóra de xogo. Iso os galeguistas tíñano perfectamente claro. O mundo podía -e pode- ser un aliado.
"Plácido Castro non ten recoñecemento, nin sei se algún día o terá, porque era diferente, pouco amigo de capelas, e iso acostuma a ser unha maldición, sitúate fóra"
Plácido Castro segue sendo inxustamente esquecido ou minusvalorado?
Plácido merecería un gran recoñecemento de Galicia, non só pola súa vinculación con este feito. Como tradutor, por exemplo, foi excepcional. Non o ten, nin sei se algún día o terá, porque era diferente, pouco amigo de capelas, e iso acostuma a ser unha maldición, sitúate fóra. Liberal demócrata e progresista, de familia moi rica, fíxose nacionalista galego en Inglaterra, formándose á par das elites daquel país, familia real incluída. Tiña 31 anos cando nos representou no congreso de Berna. Dotado dunha cultura ecuménica, como moitos daquela xeración galeguista, a guerra civil truncoulle a vida. Nós tratamos de recuperar o seu legado cun sentido transversal e xeneroso. Plácido non é de ninguén, pode e debe ser de todos. A día de hoxe, unha misión moi ambiciosa, diría eu.