O Goberno de España proporá que Catalunya e Euskadi sexan membros asociados da Unesco e a Organización Mundial do Turismo, pero a Xunta non o considera prioritario para Galicia
"Estamos traballando en lograr que Catalunya e Euskadi sexan membro asociado de dúas organizacións pertencentes a Nacións Unidas, a Unesco e a Organización Mundial do Turismo, algo que imos solicitar nos próximos días". Ese anuncio do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, no balance do ano político que fixo hai uns días deixou fóra Galicia, pero no país as visións sobre esa exclusión son contrapostas.
Mentres a Xunta non considera prioritario estar presente nas organizacións internacionais sobre a cultura e o turismo, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) si ven positivo para Galicia a súa participación.
Sánchez defendeu que Catalunya e Euskadi sexan membros asociados da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) e da Organización Muntial do Turismo (OMT) "como o son moitos outros territorios doutros moitos países no sistema multilateral". En concreto, 12 membros asociados na Unesco e 6 na OMT.
Sánchez tamén avanzou que "mentres isto se tramita, o que imos facer é poñer en marcha en ambas organizacións unha solicitude dun estatuto un pouco máis amplo para que estes dous territorios poidan despregar as competencias, que as teñen, en materia cultural e tamén de turismo".
Para a Xunta é "máis importante" resolver outros problemas "antes de estar representados nun organismo internacional"
Esas mesmas competencias tenas Galicia, con singularidades similares ás catalás e vascas, pero a Xunta non considera prioritario seguir os mesmos pasos. Segundo o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, "hai moitos problemas en España, todas as comunidades temos un montón de problemas, un montón de necesidades e un montón de peticións, e ao que se dedica o Goberno de Pedro Sánchez é a tentar que o País Vasco e Catalunya estean na Unesco". Porén, para a Xunta é "moitísimo máis importante poder atopar unha solución a todos estes problemas antes de estar representados nun organismo internacional no que nos sentimos representados por España, a pesar da representación que poida ter España nese organismo".
"A cultura galega merece unha representación equitativa á doutras comunidades históricas", di o CCG
Fronte a ese desinterese da Xunta, o Consello da Cultura Galega, órgano estatutario encargado de velar pola cultura galega, contesta á consulta de Praza.gal sobre a cuestión sinalando que Galicia "merece unha representación" similar. "O Consello da Cultura Galega estráñase da exclusión da cultura galega no marco da solicitude anunciada para que Cataluña e Euskadi sexan membros asociados da UNESCO e da Organización Mundial do Turismo", di a institución, que engade que "a cultura galega, cunha identidade propia, cunha lingua oficial e cun patrimonio secular, merece unha representación equitativa á doutras comunidades históricas nas esferas internacionais". O CCG tamén di recibir "con preocupación o anuncio e procederase, a través das canles ordinarias, a obter unha maior información sobre o tema".
"Sería unha boa noticia por canto contriburía á visibilidade e recoñecemento", di a RAG
Consultada tamén a Real Academia Galega, o seu presidente, Henrique Monteagudo, considera que "todo o que sexa darlles presenza específica á lingua e á cultura galega en foros internacionais como a Unesco sería unha boa noticia por canto contribuiría á súa visibilidade e recoñecemento".
O Cluster Turismo de Galicia non considera prioritario que Galicia estea na Organización Mundial do Turismo
Canto ao anuncio da inclusión de Catalunya e Euskadi na Organización Mundial do Turismo, Praza.gal tamén consultou sobre a cuestión ao Cluster Turismo de Galicia, en cuxas mans a Xunta vén deixando mesmo a planificación do sector no país. A entidade privada, considerada polo Goberno galego representativa do sector, considera que "no contexto actual, esta non constitúe unha decisión prioritaria para o sector turístico, que afronta nestes momentos outros retos de maior urxencia". O cluster turístico engade que "en calquera caso, este tipo de decisións debera adoptarse sobre a base de criterios obxectivos, transparentes e debidamente xustificados, atendendo o interese xeral do sector".