O ascenso da extrema dereita de Vox ao medio cento de escanos abre ao PP as portas da investidura de Feijóo como presidente do Goberno de España malia colleitar un resultado moi semellante ao de 2023.
O PP e Vox controlarán o Goberno de España e a única incógnita que resta é a fórmula concreta na que o farán. Co reconto ás portas do 70% no total estatal as eleccións xerais deste 29 de novembro deixan as dereitas cunha cómoda maioría absoluta de 186 escanos sustentada no forte medre da representación da formación da extrema dereita, que avanza apenas tres puntos pero que lle serven para dar un salto de case unha vintena de escanos, ata o medio cento.
O ex-presidente galego Alberto Núñez Feijóo chegará á Moncloa no seu segundo intento sen un crecemento espectacular en relación a 2023 e mesmo retrocedendo levemente en representación no Congreso. A estas alturas do reconto conta con 134 escanos para as siglas do PP e 2 para a súa confluencia con Unión del Pueblo Navarro. Un total de 136 que deixa un panorama practicamente idéntico ao da anterior convocatoria para o seu partido, pero o resultado de Vox unido ao fortísimo devalo das formacións non soberanistas á esquerda do PSOE cámbiano todo.
O PSOE pola súa banda, non sofre unha caída espectacular. Pedro Sánchez encabezará un grupo parlamentario con apenas media decena menos de membros (arestora conta con 117, unha caída de 4) e un descenso en votos inferior aos dous puntos. Pero onde en 2023 había 31 escanos de Sumar agora fican apenas 10 da Fronte Ampla que serían 13 agregando á conta os da coalición participada por Compromís.
A desfeita na esquerda á esquerda do PSOE no ámbito estatal non a compensan os avances das esquerdas soberanistas de diverso ton. Esquerra Republicana suma 4 escanos e terá 11; EH Bildu conta cun máis arestora, ata os 7; Adelante Andalucía irrompe con 4 escanos e o BNG conta con 2, un máis que nos anteriores comicios. No espectro nacionalista de centro-dereita, o PNV queda con 3 representantes (dous menos) e Junts per Catalunya con 5 (-2).