A UNESCO escolle Ponte nas Ondas como referente mundial de protección do patrimonio inmaterial

Celebración do vixésimo aniversario de Ponte nas Ondas! © PNO

Ponte nas Ondas convértese así nunha das 14 experiencias de referencia de todo o planeta escollidas con ese fin, unha das tres únicas en Europa

A UNESCO acordou incluír Ponte... nas Ondas! (PNO) na versión de lanzamento dunha plataforma destinada a compartir boas experiencias en materia de protección patrimonial, un espazo que quere ser modelo para outros países e que subliña enfoques e medidas implementados con especial éxito en todo o mundo para tratar necesidades específicas de salvagarda no eido do patrimonio inmaterial. PNO! convértese así nunha das 14 experiencias de referencia de todo o planeta escollidas con ese fin, sendo ademais, xunto con unha belga e outra croata, unha das tres únicas experiencias europeas elixidas para iniciar este proxecto.

A futura plataforma, que se presenta Nova Delhi (India) estes días, coincidindo coa vixésima sesión do Comité Intergobernamental, e cuxo lanzamento se producirá 2026, será segundo explica a UNESCO unha iniciativa para que comunidades interesadas na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial colaboren, fortalezan as súas capacidades e compartan experiencia en materia de protección, servindo de ferramenta e fonte de inspiración para quen procure asesoramento en materia de protección patrimonial.

O modelo de PNO "alén de fortalecer os lazos culturais a través da fronteira, fomentou o diálogo interxeracional e espertou maior interese e conciencia entre a mocidade involucrada sobre o seu patrimonio cultural compartido"

A UNESCO valorou a tripla e innovadora estratexia de PNO!, que suma educación, comunicación e patrimonio, e destaca especialmente que o modelo PNO!, "alén de fortalecer os lazos culturais a través da fronteira, fomentou o diálogo interxeracional e espertou maior interese e conciencia entre a mocidade involucrada sobre o seu patrimonio cultural compartido", salientan dende a iniciativa. 

A UNESCO destaca que as metodoloxías participativas despregadas por PNO! son “un marco poderoso para fomentar o diálogo internacional e ao mesmo tempo garantir a transmisión interxeracional de tradicións culturais compartidas”.

“Para PNO! é o maior premio aos 30 anos de traxectoria que recoñece o traballo do alumnado, do profesorado, das familias e das comunidades portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués"

Ponte nas Ondas recibiu a elección da asociación como unha das catorce experiencias de relevancia para o lanzamento desta iniciativa como un importante recoñecemento ao traballo realizado polo colectivo durante xa tres décadas. “Para PNO! é o maior premio aos 30 anos de traxectoria que recoñece o traballo do alumnado, do profesorado, das familias e das comunidades portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués por manter en pé unha experiencia que innovou o soubo crear un modelo único no mundo e tanto Portugal como España deben apoiar o seu desenvolvemento”, afirma Santiago Veloso, presidente da Asociación.

A asociación socio-pedagóxica lembra que ducias de centros adoptaron xa o modelo PNO! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial como referencia para o traballo en educación patrimonial, convertendo a Galicia no que “probablemente é o único lugar do mundo cunha rede escolar que traballa de xeito sistemático co patrimonio inmaterial seguindo un modelo concreto”.

Dende o ano 2016, Ponte…nas ondas! exerce funcións consultivas para o Comité Intergobernamental da UNESCO

Este sábado 13 de decembro a UNESCO renovará ademais a acreditación de PNO! como ONG consultora, a única en Galicia con esta distinción. Dende o ano 2016, Ponte…nas ondas! exerce funcións consultivas para o Comité Intergobernamental da UNESCO, referidas a expedientes presentados para inscribir elementos na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial. 

Esta acreditación establece que PNO! poida ser consultada en programas, proxectos e actividades relacionados co artigo 18 da Convención e no impacto dos plans de salvagarda dos elementos inscritos na Lista de Salvagarda urxente. No ano 2022, ademais, a UNESCO recoñeceu oficialmente Ponte nas Ondas como exemplo de boas prácticas na preservación do patrimonio inmaterial.

Imaxe da sesión do Comité Intergobernamental da UNESCO, que está a ter lugar estes días en Nova Delhi (India) © UNESCO
Acto de celebración do trixésimo aniversario de Ponte nas Ondas © PNO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.