O acto terá lugar o 26 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, nun programa de cinco horas conducido polas presentadoras do podcast O Faiado
Ponte… nas Ondas! (PNO!) está a celebrar o seu 30 aniversario con distintos actos que nos vindeiros meses se celebrarán en diferentes puntos de Galicia e do norte de Portugal. Un destes actos será unha maratón radiofónica que terá lugar o 26 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC nunha xornada de radio escolar -coa participación de seis centros de ensino- na que a música popular e tradicional e os oficios artesanais terán un papel protagonista.
Serán seis centros de Santiago e da comarca os que participarán nesta xornada que contará coa actuación do grupo De Vacas así como da banda Astarot e o compositor Pablo Seoane. A xornalista Tereixa Navaza tamén participará nunha xornada na que serán igualmente protagonistas a Asociación do Traxe Galego -que tamén tamén celebra neste 2025 tres décadas de historia- e a Asociación Ourives de Compostela.
Participarán en directo seis centros de ensino, ademais doutros moitos que tamén intervirán na celebración
O programa, que será emitido en directo a través da web escolasnasondas.org, estará conducido polas presentadoras do podcast O Faiado e nel participarán o CEIP de Vite, o IES do Milladoiro e IES Xulián Magariños de Negreira, o CEIP Plurilingüe da Ramallosa, CEIP Plurilingüe A Igrexa-Calo, CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei, IES Ordes e dous grupos de estudantes da propia facultade, que están a traballar na actualidade en dous podcasts de recente creación, Bocazas con Encanto e Morriñan Podcast.
Máis de 60 centros educativos das tres etapas formativas -primaria, secundaria e universitaria- participarán directamente na programación de mañá do día 26 de marzo, realizando programas de radio en directo, coa participación de artistas convidados/as e conexións con radios profesionais.
O acto contará coa presenza de De Vacas, ASTAROT ou a xornalista Tereixa Navaza
Desde a Costa da Morte (Vimianzo, Auditorio Municipal), Lugo (Auditorio Fuxan os Ventos), Santiago de Compostela (Facultade de Cinecias da Comunicación), Pontevedra (Pazo da Cultura), Ourense (Auditorio Marie Curie da Facultade de Educación), Vigo (Auditorio do Ed. Miralles), Valença do Minho (Alfândega) e Lisboa (Instituto Ginés de los Ríos), emitirase unha programación de 4 horas en directo desde cada un dos estudios e auditorios. Esta retransmisión “radiovisual” poderá seguirse en directo desde a web (www.pontenasondas.org) e o portal Escolas nas ondas (www.pontenasondas.org ).
En toda a programación haberá unha ampla e diversa participación de portadores do patrimonio cultural inmaterial, desde redeiras, alfareiros, contadores, regueifeiros…que serán entrevistados e realizarán en directo demostración dos seus saberes.
Ademais, artistas galegos e portugueses participarán en directo con actuacións e entrevistas. Estrearanse composicións expresamente elaboradas para este 30 aniversario. Xornalistas de diversos medios enviarán testemuños de apoio á experiencia de comunicación.
Desde a organización do evento, definen como “moi compostelá e picheleira” esta xornada de radio escolar
Desde a organización do evento, definen como “moi compostelá e picheleira” esta xornada de radio escolar xa que, explican, “baixo a premisa de recuperar e divulgar o patrimonio cultural inmaterial, reivindicamos sobre todo as tradicións e saberes de Santiago” e poñen como exemplo a ourivería ou o traxe tradicional, así como os saberes da parroquia da Lavacolla que tamén serán abordados na xornada da man da Asociación de Mulleres Rurais da Sabugueira.
Haberá tempo tamén para escoitar as músicas populares doutras zonas, como por exemplo do concello de Ordes, a través das recollidas de Gustav Henningsen na década de 1960 e contará coa actuación do grupo de Cantareiras do Xulián Magariños (Negreira).
A xornada foi presentada este luns na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Na presentación participaron a vicedecana da facultade, Alba Silva; o director de AGADIC, Xacobo Sutil; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; o presidente de Ponte... nas Ondas!, Santiago Veloso; e tamén de PNO!, o responsable da organización do acto en Compostela, José Manuel Diego.