Foi en 1995 cando Ponte nas Ondas! botou a andar para achegar estudantado galego e portugués a partir dun programa de radio conxunto. Máis dun cuarto de século despois, PNO! é unha asociación cultural cunha morea de traballo na súa traxectoria a prol da irmandade entre estudantes de Galicia e Portugal e, por extensión, das dúas beiras do Miño. Dende este 1 de decembro, o seu inxente labor é recoñecido oficialmente pola UNESCO como exemplo de boas prácticas na preservación do patrimonio inmaterial.
Con case tres décadas de traxectoria, PNO! é recoñecida oficialmente pola súa preservación do patrimonio inmaterial a través das dúas múltiplas actividades culturais encabezadas pola radio
A procura deste recoñecemento foi un dos obxectivos fixados por PNO! para o seu vixésimo quinto aniversario, unha efeméride para a que programara unha ampla axenda de actos que houbo que cancelar por mor da pandemia da COVID-19. A pasada primavera ficou ratificada a proposta oficial ante a UNESCO por parte dos gobernos español e portugués e agora vén de recibir o visto e prace definitivo no transcurso do 17º Comité da organización cultural da ONU, que se está a desenvolver en Rabat (Marrocos).
Despois de que o exame previo á análise final destacase a Ponte nas Ondas! como "combinación de radio, educación e patrimonio cultural" que virou en modelo de fomento "da paz e do entendemento cultural", o presidente da Asociación Cultural e Sociopedagóxica Ponte... nas Ondas!, Santiago Veloso, explicou ante o plenario da UNESCO o traballo de "construción dunha ponte de comunicación entre os centros educativos dos dous lados da fronteira".
"Esta ponte nas ondas da radio integrou a voz de persoas e comunidades de ambas beiras da fronteira luso-galaica"
"Coa nosas actividades -destacou- demos voz á mocidade de todos os niveis educativos, dende a educación infantil á universidade, utilizando o patrimonio cultural inmaterial como unha ferramenta de educación patrimonial, de entendemento e diálogo intercultural". Todo este labor volveu ser recoñecido, agora definitivamente, pola UNESCO, que tamén o considera un proxecto exportable a outras contornas transfronteirizas para "reforzar o diálogo entre xeracións e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial a través das fronteiras".
"Esta ponte nas ondas da radio integrou a voz das persoas e comunidades portadoras de ambas beiras da fronteira luso-galega", continuou Veloso ante os responsables da UNESCO. É a voz, ilustrou, que "desde a formación da lingua común galego- portuguesa recolleron os trobadores medievais nas cantigas de amor e de amigo con expresións e manifestacións comúns nos países da lusofonía".
"A nossa ponte nas ondas ganha hoje uma nova dimensão"
"A nossa ponte nas ondas ganha hoje uma nova dimensão", celebrou tras a ratificación do recoñecemento a representante de PNO! en Portugal, a profesora Esmeralda Carvalho. "Foi possível graças ao esforço generoso de todas as comunidades educativas que decidiron preservar e transmitir este património comun e transmiti-lo ás novas gerações; convidámos-vos a vos ponher nas nossas ondas!", concluíu.
Na proclamación da inscrición de Ponte nas Ondas! no rexistro de boas prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO estiveron presentes representantes dos gobernos galego, español e portugués. A delegación da Xunta estivo encabezada polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez