No ano 1995 nacía Ponte nas Ondas!, unha iniciativa que naceu para achegar os centros de ensino galegos e portugueses, creando pontes e redes entre os dous países, separados por un río e unidos pola lingua e a cultura. PNO comezou cun programa de radio conxunto entre colexios de Galicia e do norte de Portugal e a cousa non quedou aí. Nos últimos 25 anos a iniciativa promoveu multitude de proxectos radiofónicos, musicais e de recuperación do patrimonio inmaterial e impulsou a Candidatura Multinacional do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués para obter o recoñecemento internacional da UNESCO, da que se converteu en consultora oficial en materia de patrimonio.
A pandemia de Covid-19 obrigou a paralizar a maior parte das citas que Ponte nas Ondas tiña preparadas para celebrar o seu 25 aniversario, comezando pola maratón radiofónica prevista para o pasado mes de marzo
Este 2020 tiña que ser o da celebración do seu 25 aniversario. De feito, como xa contamos hai uns meses, a entidade cultural e pedagóxica preparara un amplo programa de actividades nas que destacaba a celebración o 27 de marzo dunha maratón radiofónica retransmitida en directo na que ían participar centros educativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Porén, este tamén foi o ano da pandemia de Covid-19, que obrigou a paralizar a maior parte das citas que Ponte nas Ondas tiña preparadas, comezando por esa maratón, que como destaca Santi Veloso, "ía ser unha gran xornada, con moitísimos puntos de emisión e cando menos 18 estudos de radio involucrados".
"A actividade que máis nos gusta é levar o alumnado a un estudo de radio e poder facer radio en directo, con conexión con outros centros e coa participación de convidados e convidadas, pero agora mesmo é imposible facer unha actividade presencial"
Aínda que a idea é recuperar nalgún momento este evento, Veloso recoñece que, de momento, está aprazado sine die. "A rede soluciona moitas cousas, pero non é o mesmo. A actividade que máis nos gusta é levar o alumnado a un estudo de radio e poder facer radio en directo, con conexión con outros centros e coa participación de convidados e convidadas, pero agora mesmo é imposible facer unha actividade presencial, con alumnado. Mentres non se despexe o tema de mobilidade, é complicado facer unha xornada presencial", di.
Así pois, en 2021 celebraranse os eventos aprazados do 25 aniversario, nos que destacará a celebración (como vén sendo habitual) do Día Mundial da Radio o 13 de febreiro, no que se fará unha convocatoria aos centros de ensino a que fagan cadanseu programa de radio. A partir de xaneiro a asociación comezará a publicar unha serie de 25 vídeos (un por cada ano) con materiais do arquivo de Ponte nas Ondas, que recollen as actividades realizadas ata o momento.
Tamén se organizará unha nova edición do certame Imaxes do Patrimonio, que está a acadar un éxito crecente, cunha participación cada vez máis numerosa por parte de centros de ensino de Galicia e Portugal. De forma máis inmediata, Ponte nas Ondas publicará dous vídeos musicais. Un deles será publicado este mércores, froito dunha colaboración con Magín Blanco, que gravou unha canción cun grupo de nenos e nenas dun dos centros de ensino que colaboran nas actividades de PNO.
Ponte nas Ondas! será a candidatura conxunta de España e Portugal para a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda da UNESCO
O outro xa está na rede, realizado polo grupo vocal Voces del más acá, que versionou tres temas musicais que PNO incluiu nos disco-libros Meninos Cantores e Na ponte. Trátase des pezas Máis perto (composta por Uxía e Segundo Grandío), Ponte deste lado (con Guadi Galego e Vozes da rádio) e A ponte (do cantante e compositor brasileiro Lenine). A adaptación realizada por Voces del más acá para esta nova peza mestura ritmos e sons da lusofonía desde a bossa nova á muiñeira, do portugués de Brasil ao galego e portugués europeo, "unha fusión
empregando como elemento común o instrumento universal: a voz", destaca PNO.
Recoñecemento da UNESCO
As celebracións do ano 2021 serán acompañadas por un gran recoñecemento internacional ao traballo que PNO vén realizando nos últimos 25 anos. Hai unhas semanas a Xunta de Galicia facía público que Ponte nas Ondas! será a candidatura conxunta de España e Portugal para a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda da UNESCO.
"Significa recoñecer a traxectoria de PNO e a orixinalidade dunha experiencia que é modelo de boas prácticas en materia de patrimonio para todo o mundo"
A candidatura, apoiada polos gobernos español, portugués e galego, será presentada en París e pouco antes do remate do ano 2021 se coñecerá se a UNESCO aproba o seu recoñecemento como modelo de boas prácticas na defensa do patrimonio.
Santi Veloso destaca que a candidatura e (no caso de que a UNESCO a aprobe) a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas "significa recoñecer a traxectoria de PNO e a orixinalidade dunha experiencia que é modelo de boas prácticas en materia de patrimonio para todo o mundo". "É un orgullo que aquí nunha esquina da Península haxa un modelo de referencia de traballo co patrimonio para todo o mundo", engade Veloso.
Cantamos Nós
Outra das citas destacadas deste ano 2021 será a iniciativa Cantamos Nós, na que centros de ensino galegos e portugueses dos concellos situados na fronteira gravarán cadanseu vídeo musical. Será en certa maneira unha segunda edición de Meninos Cantores, o libro-disco que no ano 2005 recolleu 17 cancións populares interpretadas por nenos e nenas de colexios de Galicia e Portugal.
Ma iniciativa Cantamos Nós centros de ensino galegos e portugueses dos concellos situados na fronteira gravarán cadanseu vídeo musical
Participarán escolas de A Gudiña, Verín, Xinzo de Limia, Bande,Crecente, Salvaterra, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Vinhais, Chaves, Montalegre, Ponte da Barca, Melgaço, Monção, Valença do Minho, Vilanova de Cerveira e Caminha, coa colaboración de coñecidos e coñecidas artistas de ambos os dous países. Cada colexio escollerá unha canción (que gravará antes do verán na Casa de Tolos de Gondomar) e, ademais, un elemento do patrimonio inmaterial das súas comarcas: narración oral, un proceso artesanal, unha festa, un saber, unha danza, un cantar…
O resultado publicarase en forma de libro-disco e de DVD e tamén poderá verse nunha web creada para a ocasión. Ademais, se as restricións da pandemia o permiten, a idea é que "cando remate o proxecto se fagan concertos de presentación, porque aí van colaborar coas escolas nomes moi coñecidos da música de Galicia e Portugal", explica Santi Veloso.
"Cando nacemos había moitas máis barreiras, mesmo físicas: non había case nin pontes sobre o río. Dende entón vimos creando unha rede entre centros de ensino dun e doutro lado da fronteira e entre profesionais dun e doutro lado da fronteira"
Veloso amósase confiado en que neste 2021 se poidan levar a cabo todas estas actividade e, se cadra, algunha máis, se a situación da pandemia vai mellorando, sobre todo na segunda metade do ano. Recoñece que as limitacións de mobilidade (comezando polo peche da fronteira entre Galicia e Portugal en moitos momentos) supuxeron un freo ao traballo da asociación, aínda que a comunicación a través de Internet foi suplindo en parte estes obstáculos.
A este respecto, Veloso lembra que "cando nacemos había moitas máis barreiras, mesmo físicas: non había case nin pontes sobre o río. Dende entón vimos creando unha rede entre centros de ensino dun e doutro lado da fronteira e entre profesionais dun e doutro lado da fronteira. Isto pasará e poderemos retomar todos os nosos proxectos para tender pontes entre Galicia e Portugal".