En abril do ano 2004 presentábase oficialmente a campaña de promoción da candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués ante a Unesco para ser recoñecida como Obra mestra do Patrimonio Inmaterial. A iniciativa partira dous anos antes das escolas galegas e portuguesas que participaban na experiencia de radio interescolar Ponte...nas Ondas e pouco a pouco foi gañando apoios: autores e autoras (Suso de Toro, Manuel Rivas, Mário Claudio, José Saramago, Nélida Piñón), escolas, concellos, institucións e entidades culturais, e mesmo o Parlamento galego e o Congreso dos Deputados aprobaron por unanimidade senllas resolucións de apoio. Porén, a primeira proposta foi rexeitada en novembro de 2005. Intentouse de novo a partir de 2007, animados pola propia Unesco, pero unha serie de problemas técnicos e unha certa incomprensión institucional, sobre todo das autoridades portuguesas, bloquearon de novo a posibilidade.
Pero a terceira é a boa. Este venres presentouse no Consello da Cultura o lanzamento dunha nova campaña para que o patrimonio inmaterial galego-portugués sexa recoñecido pola Unesco. No acto, ademais de Ramón Villares (presidente do CCG), participaron Olinda de Sousa e Santiago Veloso (Ponte…nas ondas!), Xosé Manuel González Reboredo (membro do Padroado do Museo do Pobo Galego), José María Costa (presidente da Cámara de Viana do Castelo), Jesús Gamallo (director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea) e Valentín García (secretario xeral de Política Lingüística da Xunta). O acto pechouse cunha actuación de Uxía Senlle e Augusto Canário. Este novo intento iníciase, ademais, cando fai unha década dende o comezo da primeira campaña que buscou este recoñecemento cultural transfronteirizo. En outubro de 2004 entregárase na Unesco a primeira proposta.
Santiago Veloso reclamou que a tradición oral galego-portuguesa "debe ser unha referencia no mundo e ter o seu recoñecemento internacional mediante a súa inscrición nesta lista representativa"
Santiago Veloso reclamou que a tradición oral galego-portuguesa "debe ser unha referencia no mundo e ter o seu recoñecemento internacional mediante a súa inscrición nesta lista representativa". Os representantes de Ponte nas Ondas presentaron a campaña, que traballará até o 25 de novembro de 2015 nunha mobilización de apoios para acadar o obxectivo ante a UNESCO. No marco desta campaña comezará a funcionar un novo portal web (patrimonio.org), que recollerá a riqueza do patrimomio inmaterial galego-portugués. Santiago Veloso quixo facer un chamamento especial á participación "das escolas, que foron dende o inicio o motor desta locomotora que non parou" pero tamén "ás persoas, que son as portadoras deste patrimonio" e "ás institucións en todos os seus niveis, para que fagan parte da historia da eurorrexión".
Nas súas intervencións Santiago Veloso e Olinda de Sousa lembraron o traballo realizado, xa dende os anos noventa, por un grupo de escolas de ambas as dúas beiras do Miño, e os primeiros traballos que foron dando forma a esa candidatura, que reivindica que o patrimonio inmaterial galego portugués -un conxunto de saberes comúns, transmitidos oralmente de xeración en xeración e sobre o que pedura a ameaza da desaparición- representa unha riqueza para a humanidade. Nesta ocasión, ao igual que nos primeiros intentos, a candidatura non só busca conservar esta tradición, senón poñela en valor como unha riqueza para o futuro. Veloso enumerou algúns dos fitos dese percorrido, coma a moi rechamante e lembrada acción, en novembro de 2007, na que rapaces e rapazas das escolas miñotas dos dous países encheron as catro pontes sobre o río (Cerveira-Tomiño, Tui-Valença, Salvaterra-Monção e Arbo-Melgaço) para chamar a atención das institucións, até entón de costas ao proxecto.
Xosé Manuel González Reboredo apelou a que "as condutas coincidentes" entre Galicia e Portugal "sexan tamén condutas compartidas"
Pola súa banda, Xosé Manuel González Reboredo destacou que "todo proxecto, ademais de ter entusiasmo e de ter razóns que o xustifiquen, ten que ter unha filosofía detrás. E eu entendo que este proxecto tena, pero non é unha filosofía de pasado, de recuperar tradicións que veñen da noite dos tempos, senón que é unha filosofía de futuro". Engadiu que "neste mundo globalizado, a carón da globalización faise máis forte o local" e fixo fincapé na coherencia da candidatura co fortalecemento das eurorrexións promovidas dende hai décadas pola Unión Europea, para que "as condutas coincidentes" entre Galicia e Portugal "sexan tamén condutas compartidas".
En representación do Goberno galego, Valentín García destacou a importancia da lingua como nexo entre Galicia e Portugal
En representación do Goberno galego, Valentín García destacou a importancia da lingua como nexo entre Galicia e Portugal. Neste senso, fixo referencia á recente aprobación polo Parlamento galego da Lei Paz Andrade de aproveitamento dos vínculos coa lusofonía, e a como "Portugal ábrenos a porta á internacionalización e á proxección exterior da nosa lingua". "Esa debe ser unha gran oportunidade para a lingua galega e para todo o pobo galego", destacou. Valentín García amosouse confiado, para rematar, en que "desta volta este intento terá un final feliz".
Ramón Villares destacou que o propósito de Ponte nas Ondas de retomar esta iniciativa é "un combate contra aquilo que se nos achaca moitas veces aos galegos da saudade e de ficar derrotados"
De igual xeito, Jesús Gamallo fixo fincapé en que "dende a Xunta imos acompañar este proceso" e destacou que "estamos nas mellores condicións para acadar o obxectivo" tras "aprendermos dos erros do pasado". Tamén confirmou o apoio das autoridades do norte de Portugal, cos que mantivo un contacto este xoves. Gamallo incidiu na importancia do apoio social e do sentimento de pertenza a unha comunidade para consolidar as eurorrexións, uns aspectos aos que contribúen iniciativas coma o desta candidatura, sinalou.
Finalmente, Ramón Villares destacou que o propósito de Ponte nas Ondas de retomar esta iniciativa é "un combate contra aquilo que se nos achaca moitas veces aos galegos da saudade e de ficar derrotados". "Esta é unha manifestación de que queremos seguir adiante e de que a fraqueza non nos invade", engadiu.