Billarda, mariola, birlos... Melgaço acolle a VIII Xornada de Xogo Tradicional galego-portugués

Participantes nunha das edicións anteriores da Xornada de Xogo Tradicional © Ponte... nas Ondas!

Entre os moitos xogos que encherán o día están os birlos, a chave, a billarda, a ra, os aros, as chapas, o truco, as carreiras de sacos, o tiro de corda ou a billarda

A vila portuguesa de Melgaço acolleu este venres 24 de maio a oitava edición Xornada de Xogo Tradicional galego e portugués, un evento organizado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!  co apoio da Câmara Municipal de Melgaço. Ás múltiples actividades estaban convocados centos e centos rapaces e rapazas dunha decena de centros de ensino de Galicia e Portugal chamados a "convivir e seren protagonistas dunha completa xornada de lecer que recrea experiencias e brinquedos" que, destaca a organización, "lonxe de desaparecer, amosan o seu imperecedoiro potencial lúdico e didáctico".

Entre os moitos xogos do día estiveron os birlos, a chave, a billarda, a ra, os aros, as chapas, o truco, as carreiras de sacos, o tiro de corda ou a billarda. A Xornada, dende o seu nacemento, busca potenciar todos estes xogos, algúns "que estaban a caer en desuso e que agora atopan o seu espazo nas aulas" e outros, como é o caso da billarda, "que mesmo viven un exitoso renacer social nos últimos anos". 

Moitos dos xogos e brinquedos son clara mostra do patrimonio inmaterial galego-portugués

As actividades comezaron ás 10 horas e chegaron ata as cinco da tardena Área de Estagios e de Lezer de Melgaço. Colaboraron na xornada uns 58 adultos e 25 monitores procedentes do Curso de Técnicos de Desporto da Formación Profesional da Escola Profissional do Alto Minho Interior (EPRAMI). 

Cartel da Xornada © Ponte nas Ondas

O interese polos xogos tradicionais gaña interese ano a ano, impulsado polo esforzo de moitos e moitas docentes

O interese polos xogos tradicionais gaña interese ano a ano, impulsado por actividades como as da Rede Galega do Xogo Tradicional e polo esforzo de moitos e moitas docentes que confían nos valores de diversión e pedagoxía que lle ofrecen á comunidade educativa estes encontros lúdicos e non competitivos. 

Moitos dos xogos e brinquedos son clara mostra, ademais, do patrimonio inmaterial galego-portugués, sendo explicados e interpretados a partir do seu nexo común, alén das diferentes variedades xeográficas que en moitos casos existen, como é por exemplo o caso da chave ou dos birlos. 

Na web de Ponte…nas ondas!  pode afondarse nos xogos tradicionais a través de diferentes actividades interactivas dispoñibles libremente para a súa descarga e o seu uso nos fogares e tamén nas aulas.

Zancos Dominio Público Carmela S. Arines
Billarda Dominio Público Carmela S. Arines
Mariola Dominio Público Carmela S. Arines

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.