Galicia acollerá en 2013 o festival europeo de xogos tradicionais

Torneo de bolos en Caxide (Parada de Sil) © Brinquedia

Na pasada fin de semana tivo lugar -na localidade francesa de Rodez (Aveyron)- a Asemblea anual da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais (AEXDT). No encontro debateuse sobre a vulnerabilidade das estratexias para a posta en valor dos xogos tradicionais na situación actual de crise. Ademáis, refrendouse o acordo tomado no ano anterior de que Galicia –e máis concretamente Brinquedia - Rede galega do xogo tradicional- fora a organizadora deste evento no 2013 e realizouse unha presentación co proxecto de Euro-festival previsto para o verán do vindeiro ano. Finalmente, celebráronse alí os campionatos nacionais franceses de Quilles de huit e houbo unha demostración de xogos tradicionais europeos, onde houbo espazo para 3 modalidades de bolos galegos, coa participación de 2 xogadores dos concellos lugueses de Riotorto e Xove.

A proposta galega baseouse nunha Europa vertebrada polos camiños e na súa confluencia no noso Finis terrae

A proposta galega baseouse nunha Europa vertebrada polos camiños e na súa confluencia no noso Finis terrae. O camiño de Santiago, para alén da comunicación xeográfica e da peregrinación espiritual, converteuse nunha canle de comunicación cultural. A súa labor de comunicación e viralidade ten algo que ver co que hoxe serían as redes sociais. Xentes de diversas comunidades culturais compartillaban –co camiño- as tradicións e costumes dos seus pobos. Así, pois, é doado pensar que o camiño se converteu nunha vía de sentido duplo á hora de levar e traer músicas, contos, xogos, artesanías e outros costumes.

A data prevista será a terceira semana de xuño e a sede estará entre Santiago de Compostela e Ourense

A data prevista será a terceira semana de xuño e a sede estará entre Santiago de Compostela e Ourense, aínda que se desenvolverán distintas actividades por toda a xeografía galega no decorrer das semanas previas. O Festival europeo de xogos tradicionais terá un espazo preferencial para algúns dos principais xogos tradicionais galegos e deseñaranse distintos espazos criando un percorrido polo centro das cidades no que poder descubrir distintos xogos que veñen enchendo o espazo de lecer das xeracións europeas dos séculos pasados. Haberá catro espazos preferenciais: xogos de puntería, Loitas, Xogos de Billarda, Xogos infantís e de taboleiro

O programa incluirá unha xornada divulgativa de curta duración que afonde no xogo de tradición cultural desde unha óptica integradora e a celebración da asemblea da AEXDT. Haberá tamén un Encontro escolar de xogos tradicionais, que no 2013 organizará a sétima edición deste evento que Brinquedia ven convocando de xeito anual entre os centros de ensino que se comprometen a traballar no seu currículo o xogo de tradición cultural. Finalmente, celebraranse campionatos locais e actividades nos centros de ensino.

Torneo de bolos en Caxide (Parada de Sil) © Brinquedia
Asemblea da AEXDT © Brinquedia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.