Galicia é un país enormemente rico en xogos. No conxunto da Península, atópase nos primeiros lugares en canto ao número e á vixencia das súas prácticas lúdicas tradicionais, a carón do País Vasco, de Navarra e da propia Portugal. Nos últimos anos, son constantes as iniciativas de recuperación do xogo tradicional que teñen xurdido por todo o país, tanto desde a perspectiva deportiva –é o caso dos birlos ou da chave, por exemplo– como desde outros ámbitos, entre eles o escolar. En efecto, son numerosos xa os centros educativos galegos que contemplan entre os seus proxectos estratexias de recuperación dos xogos de cada zona.
O curso está dirixido a profesionais da educación e do tempo libre de todo o país
O venres 21 e o sábado 22 de setembro a Illa de Arousa acolle un curso de formación sobre o patrimonio lúdico, organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e Nova Escola Galega. A actividade está apoiada polo Concello e a Asociación Cultural e Deportiva Dorna, que terá un papel fundamental no seu desenvolvemento, xa que será a encargada de lles ensinar a navegar aos asistentes en diferentes embarcacións tradicionais.
O curso está dirixido a profesionais da educación e do tempo libre de todo o país e nel intervirán, entre outros relatores, os investigadores galegos Apolinar Graña Varela, da Universidade da Coruña, e Uxio Rodriguez Fernández, da Universidade da Coruña tamén pero que desenvolve parte do seu traballo profesional no Concello de Boiro.
O xogo tradicional contén en si mesmo moitos elementos educativos que non debesen desaproveitarse, constituíndo este feito un motivo máis para a súa recuperación e práctica, e por iso tamén o curso tentará achegar propostas para traballar na aula os contidos curriculares –especialmente nesta ocasión nas áreas de Ciencias Naturais, Arte, Educación Plástica, Tecnoloxía e Música– a través do xogo tradicional. O curso compaxinará as sesións teóricas coa práctica dunha mostra significativa de xogos tradicionais.
Galicia acollerá en 2013 o festival europeo de xogos tradicionais
Galicia acollerá en 2013 o festival europeo de xogos tradicionais. A data prevista será a terceira semana de xuño e a sede estará entre Santiago de Compostela e Ourense, aínda que se desenvolverán distintas actividades por toda a xeografía galega no decorrer das semanas previas. O Festival europeo de xogos tradicionais terá un espazo preferencial para algúns dos principais xogos tradicionais galegos e deseñaranse distintos espazos criando un percorrido polo centro das cidades no que poder descubrir distintos xogos que veñen enchendo o espazo de lecer das xeracións europeas dos séculos pasados. Haberá catro espazos preferenciais: xogos de puntería, Loitas, Xogos de Billarda, Xogos infantís e de taboleiro.