Colexios galegos e portugueses celebran o 'Día da Radio' con emisións en directo e programas sobre diversidade

Cartel da celebración do Día Mundial da Radio © PNO

Este 13 de febreiro celébrase o Día Mundial da Radio. Coincidindo coa conmemoración, colexios galegos e portugueses levan días traballando nas súas emisoras escolares, que culminarán este xoves con emisións en directo, realización de podcasts e outras actividades, que terán como temática central a 'diversidade' en todas as súas manifestacións: diversidade cultural, de xénero, de idades ou de nacionalidades.

A asociación cultural Ponte...nas Ondas! impulsa boa parte destas accións, suxerindo actividades para os centros de ensino de unha e outra banda do Miño. Así, como experiencia de radio interescolar multimedia, proponlles ás escolas que expresen a súa diversidade empregando todas as posibilidades que ofrece a radio en todos os seus xéneros xornalísticos, formatos ( audios, podcasts, vídeos...) e transmisións ( FM, radio online, redes sociais...). O portal Escolas nas ondas transmitirá o 13 de febreiro as producións realizadas polas escolas participantes.

Alumnado do IES Terra de Turonio nun estudio de radio © PNO

Este Día da Radio chega a un mes da gran festa de celebración do 25 aniversario de Ponte…nas Ondas!, que terá a radio como elemento central. A asociación convida ás emisoras de radio e ás escolas da Eurorrexión a participaren no maratón radiofónico que terá lugar o vindeiro 27 de marzo. 

Na xornada está xa confirmada a participación de emisoras de Vigo (desde o campus da Universidade de Vigo), Santiago de Compostela (desde a Facultade de Ciencias da Comunicación) ou Braga (desde a Rádio Universitária do Minho). Numerosas escolas confirmaron tamén a súa participación desde emisoras municipais en vilas como Allariz ou Burela, entre outras. Tamén no Norte de Portugal, desde Chaves a Caminha, son numerosas as emisoras que se van sumar a este evento festivo nas ondas.

O evento principal deste 25 aniversario da innovadora experiencia de radio interescolar e patrimonio inmaterial vaise transmitir en directo a través do portal Escolas nas Ondas e desde as emisoras de radio participantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.