"Temos unha gran nova! Presentouse ante a UNESCO a candidatura de Ponte nas Ondas como Rexistro de Boas Prácticas para o seu debate no vindeiro Comité”. O Ministerio de Cultura e Deporte vén de confirmar a candidatura de Ponte... nas Ondas! ao Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda da UNESCO, na categoría de Patrimonio Cultural Inmaterial, unha proposta conxunta de España e Portugal que foi asinada esta semana polos embaixadores de ambos os dous países na institución, António Nóvoa e Juan Andrés Perelló Rodríguez.
A proposta foi asinada esta semana polos embaixadores de España e Portugal ante a UNESCO
A candidatura multinacional, que conta co apoio da Xunta de Galicia, é un recoñecemento ao labor desenvolvido por Ponte...nas ondas! desde hai 25 anos polo seu compromiso co patrimonio común a Galicia e Portugal e implica que a entidade e a súa actividade serviría como modelo internacional de defensa e promoción do patrimonio inmaterial.
No mes de novembro de 2022, logo de todos os trámites previos, o Comité faría á fin pública a inscrición no Rexistro das Boas Prácticas
O proceso foi iniciado pola Comissão Nacional da UNESCO de Portugal, o Ministerio de Educación y Cultura de España e a Xunta de Galicia. O chanzo seguinte son as fases de estudo e de documentación ata o 30 de setembro de 2021, e unha última fase de avaliación entre decembro e xuño do ano 2022. E no mes de novembro de 2022, logo de todos os trámites previos, o Comité faría á fin pública a inscrición no Rexistro das Boas Prácticas.
A candidatura fora anticipada hai uns meses por Santi Veloso nesta entrevista con Praza.gal. Trátase dun recoñecemento que coincide co 25 aniversario da entidade. Veloso destacaba que a candidatura e a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas "significa recoñecer a traxectoria de PNO e a orixinalidade dunha experiencia que é modelo de boas prácticas en materia de patrimonio para todo o mundo". "É un orgullo que aquí nun recanto da Península haxa un modelo de referencia de traballo co patrimonio para todo o mundo", engadía.
Un exemplo internacional na defensa do patrimonio
A candidatura e a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas "significa recoñecer a traxectoria de PNO e a orixinalidade dunha experiencia que é modelo de boas prácticas en materia de patrimonio para todo o mundo"
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, organizadora do certame, leva vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado tamén en anos anteriores nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial organizados pola Asociación.
Estar na Lista das Mellores Prácticas supón que a UNESCO promoverá o modelo PNO! en todo o mundo. Tal como se recolle no dosier presentado, un dos requisitos imprescindibles que debe cumprir calquera boa práctica é que esta poida ser implantada en calquera parte do mundo.
A UNESCO quere que este Rexistro sirva de fonte de inspiración en todo o mundo a todas as persoas e institucións interesadas na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Apenas 25 proxectos de todo o mundo integran este selecto grupo
A orixe desta Lista está no artigo 18 da Convención para a Salvagarda do patrimonio cultural inmaterial da UNESCO, que establece a selección periódica daqueles programas, proxectos e actividades que mellor reflictan os obxectivos da Convención. A UNESCO quere que este Rexistro sirva de fonte de inspiración en todo o mundo a todas as persoas e institucións interesadas na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Na actualidade apenas 25 proxectos de todo o mundo integran este selecto grupo.