Era o ano 1995 e un grupo de tolos e tolas tiveron a idea de facer un programa de radio conxunto entre centros de ensino de Galicia e do norte de Portugal, nomeadamente do espazo miñoto. Foi a primeira edición dunha experiencia educativa e de comunicación que vai xa polos seus 27 anos e que este xoves foi recoñecida oficialmente pola UNESCO como exemplo de boas prácticas na preservación do patrimonio inmaterial no transcurso do 17º Comité da organización cultural da ONU, que se está a desenvolver en Rabat (Marrocos).
Trátase do maior recoñecemento internacional acadada por unha iniciativa pioneira en moitos sentidos, tanto no relativo ao coñecemento mutuo entre Galicia e o mundo lusófono coma no que respecta ao uso das novas teconoloxías, cun uso moi destacado dos medios de comunicación, especialmente da radio. Polo camiño recibira xá algún galardóns académicos internacionais e, de forma moi destacada, o Premio Ondas. Ademais, impulsou e presentou ante a UNESCO a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués para ser recoñecida como Obra mestra do Patrimonio Inmaterial.
Falamos con Santi Veloso, presidente da Asociación Cultural e Sociopedagóxica Ponte... nas Ondas!, que se atopa na capital marroquí, para que nos conte como recibiron o recoñecemento na asociación e cales son os proxectos e actividades nos que están traballando.
Estades satisfeitos co recoñecemento? Que implica para Ponte nas Ondas?
"É un empurrón ao noso traballo e implica que a partir de agora se vai amosar a nosa actividade como un exemplo a seguir noutros lugares do mundo"
Si, estamos moi contentos, trátase dun soño cumprido e dun obxectivo que levabamos perseguindo moitos anos. Estamos satisfeitos, sobre todo, porque o que se recoñece é un modelo de achegamento entre culturas, entre linguas e comunidades. E a un modelo de éxito, que funciona e así o vén demostrando durante máis de 25 anos.
É un empurrón ao noso traballo e implica que a partir de agora se vai amosar a nosa actividade como un exemplo a seguir noutros lugares do mundo nos que se queira levar a cabo espazos de unión entre persoas que viven separadas por fronteiras ou en culturas próximas. E empregando as ferramentas que nós vimos empregando nestes anos e que se recoñecen como as acertadas: a radio, as actividades na escola...
"Creo que sempre existe a visión de que un proxecto educativo, un proxecto cultural e escolar, é algo menor. E en cambio as cousas máis banais teñen moitas veces unha maior repercusión. Agora queda demostrado que o que facemos é algo que ten moito mérito e que debía ser apoiado"
Ides ter que amosar o voso traballo por todo o mundo?
Unha das cousas que dixemos en Rabat, e que xa propuxéramos dende o momento en que a proposta se inscribira como candidata, é que nos poñemos a disposición da UNESCO para explicar o noso sistema de funcionamento en calquera lugar do mundo onde se queira exportar este xeito de facer.
Máis aló do apoio dos gobernos galego, español e portugués á candidatura, sentistes nestes anos un certo esquecemento ou falta de recoñecemento institucional ou social ao voso labor?
Sentimos as dúas cousas, si, unha falta de recoñecemento por parte das institucións, tamén por parte da sociedade e, por exemplo, por parte dos medios de comunicación. Creo que sempre existe a visión de que un proxecto educativo, un proxecto cultural e escolar, é algo menor. E en cambio as cousas máis banais teñen moitas veces unha maior repercusión ou unha maior atención en determinados ámbitos. Pero agora con este premio queda demostrado que o que facemos é algo que ten moito mérito e que debía ser apoiado.
"Demandámoslle tanto a España como a Portugal que engadan o noso modelo, dunha maneira formal, regulamentada, nos sistemas educativos, que se recoñeza o modelo de Ponte nas Ondas como unha forma de traballo nas aulas"
Que lle pedides ás institucións para apoiar o traballo que facedes?
Principalmente, demandámoslle tanto a España como a Portugal que engadan o noso modelo, dunha maneira formal, regulamentada, nos sistemas educativos, que se recoñeza o modelo de Ponte nas Ondas como unha forma de traballo nas aulas. Cremos que hai boa disposición para que isto sexa así no caso da Xunta de Galicia.
Cales son as vosas próximas actividades? Que estades a preparar?
O máis inmediato é a organización o 13 de febreiro, do Día Mundial da Radio, como vimos facendo todos os anos, cun gran número de actividades. Este ano, ademais, queremos que teña unha dimensión maior, debido a que o 25 aniversario, que tiñamos planificado para o ano 2020, non puidemos celebralo como se merecía por por da pandemia de COVID. Ademais, estamos a preparar a sexta edición do noso certame de Imaxes do Patrimonio.