A Federación Galiza Cultura reclama a entrada na Unesco e carga contra a Xunta

Sede da Unesco, en París © Unesco

A proposta de Sánchez para que Euskadi e Catalunya, pero non Galicia, entren na Unesco xa foi criticada por Consello da Cultura, RAG e fundacións literarias, pero a Xunta considera que non é unha prioridade

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, cunha trintenta de entidades culturais do país, vén de promover a declaración Galiza con voz propia na Unesco (manifesto polo recoñecemento internacional da nosa cultura). Un manifesto que se suma ás peticións para a entrada de Galicia na Unesco xunto con Euskadi e Catalunya que xa realizaron hai unhas semanas o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e este mesmo mércores unha vintena de fundacións e entidades literarias do país. 

As iniciativas para a entrada de Galicia na Unesco chegan despois do anuncio do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, de que promoverá que Euskadi e Catalunya sexan membros asociados a organización internacional de promoción da cultura e a educación. A ausencia de Galicia é aceptada pola Xunta, que non o considera prioritario e se di ben representada polo Goberno de Sánchez. Pero diversas entidades culturais do país veñen amosando a súa postura crítica. 

O manifesto agora impulsado por Galiza Cultura pretende recoller sinaturas, tanto de particulares como de entidades para dar ao país "un altofalante internacional para este patrimonio e a posibilidade de estreitar lazos con outras culturas, alén de fortalecer as relacións co ámbito lusófono mundial".

O manifesto salienta o dereito de Galicia a formar parte da Unesco como membro asociado por ter unha cultura e unha lingua propias e autogoberno nesas materias e para que non haxa unha discriminación ou agravio a respecto de Catalunya e Euskadi como nacionalidades históricas ao mesmo nivel. O manifesto tamén se amosa crítico coa "renuncia" da Xunta a "falar coa nosa propia voz no mundo e non por terceiros". 

O presidente Rueda e o conselleiro de Cultura a pasada semana no primeiro pleno do ano do Consello da Cultura Galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

Por parte da Xunta foi o propio presidente Rueda o que rexeitou que Galicia se sume á proposta de Pedro Sánchez para Catalunya e Euskadi. Agora Galiza Cultura pon o foco no conselleiro de Presidencia, Deigo Calvo, a quen atribúen a renuncia "irracional e lesiva aos intereses do país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.