A RAG salienta a vixencia do legado de Begoña Caamaño, “brillante no literario, desafiante no intelectual e no ético”

O pleno extraordinario do Día das Letras Galegas da Real Academia Galega contou coas verbas de Ana Romaní, Marilar AleIxandre, Víctor Freixanes e o presidente da institución, Henrique Monteagudo. CC-BY-SA RAG

A Real Academia Galega salientou hoxe, no pleno extraordinario do 17 de maio, a actualidade do seu legado, brillante e sedutor no literario, desafiante no intelectual e no ético, e sempre en galego. Monteagudo fixo unha “solemne exhortación" a Rueda para que impulse o diálogo político e social en prol do idioma

Begoña Caamaño dicía, falando de cultura, que “é fundamentalmente unha actitude, unha forma de estar no mundo e de querer comprender todo aquilo que nos rodea e, xa que logo, a antítese da indiferenza”. A académica Ana Romaní lembraba esta mañá a que fora a súa compañeira na Radio Galega dicindo que "reivindicou sempre a esculca, a exposición constante á dúbida e o coñecemento como ferramentas“ para saber quen somos e que sociedade queremos ser”. E con estes vimbios exerceu o xornalismo e construíu o proxecto literario que a Real Academia Galega celebrou nestas Letras Galegas 2026. A Real Academia Galega salientou hoxe no pleno extraordinario do 17 de maio a actualidade do seu legado, brillante e sedutor no literario, desafiante no intelectual e no ético, e sempre en galego.

A poeta Ana Romaní, a escritora Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes, en calidade de editor de Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), pronunciaron as alocucións académicas sobre a homenaxeada, nas que tamén se reivindicou a “insurrección alegre” do feminismo que vertebra a súa biografía e a súa obra. Nas súas novelas Begoña Caamaño reescribiu dous dos grandes mitos da cultura occidental dándolles voz ás silenciadas. Tiña previsto pechar a súa triloxía cun terceiro título sobre Sherezade, a contadora de historia d’As mil e unha noites. Pero non chegou a escribir esa historia. Morreu cando acababa de facer os 50 anos, só cinco despois do seu debut literario.

A académica Ana Romaní pronunciou un dicurso baixo o título de “Incandescencia sonora. A voz de Begoña Caamaño CC-BY-SA RAG

“Para a radio tamén se escribe. É escritura no ouvido”, advertiu Romaní. Neste medio, a súa compañeira da redacción do Diario cultural atopou “o lugar para a interrogación máis exposta ao exterior”, e tratou de facer del instrumento para un mundo mellor

Antes ca escritora, Begoña Caamaño foi xornalista. A alocución de Ana Romaní, baixo o título “Incandescencia sonora. A voz de Begoña Caamaño”, afondou nese perfil e en como intersecciona coa súa produción literaria. “Para a radio tamén se escribe. É escritura no ouvido”, advertiu a académica. Neste medio, a súa compañeira da redacción do Diario cultural atopou “o lugar para a interrogación máis exposta ao exterior”, e tratou de facer del instrumento para un mundo mellor. “A radio da cultura de Begoña Caamaño colectiviza o pensamento, escoita a dignidade dos corpos que toca”, afirmou Romaní, bebendo do Tócame, decátate de que existo do semiólogo Roland Barthes, que converte a escoita nunha experiencia similar ao contacto físico.

E a voz de Begoña Caamaño tocou o público. Primeiro coa “procura das ferramentas do coñecemento para saber quen somos e que sociedade queremos ser” que anunciaba na apertura do seu Expreso de medianoite (un dos seus últimos traballos radiofónicos); e despois, na presentación de Morgana en Esmelle na que proclamou que “é o tempo do feminismo: é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberade, da dignidade. E tamén, por que non, da felicidade”.

Nestes rastros percíbese “a textura daquel soño no que persistimos aínda: unha radio para un país, para o futuro da lingua, un xornalismo para a cidadanía, un modelo público de medios de comunicación que nos faga máis sabias e libres”, proseguiu Romaní con palabras de Caamaño. A académica recalcou nesta liña a vixencia do relato xornalístico da homenaxeada, que inclúe, alén da radio, un valioso feixe de reportaxes e artigos en distintas cabeceiras nos que afonda na reflexión sobre o poder e “a dialéctica permanente entre o coñecemento e a gran mentira”. “No actual estrondo de desinformación, sorprende a actualidade do seu discurso”, expresou.

Marilar Aleixandre centrou a súa intervención en como Begoña Caamaño traslada o seu pensamento feminista aos mitos, nun exercicio que—sinalou— máis que en reescribir consistiu en desescribir. “Desescribir vai máis ao fondo que reescribir, sabendo que non entenderán o desafío ao símbolo impreso no imaxinario social, a revelación dos pés de barro das figuras míticas”, declarou a académica na alocución titulada “Zurcindo con fío violeta linguas cortadas”. “Begoña Caamaño, a narradora feminista, vai zurcindo con fío violeta linguas cortadas. Linguas que nos mitos son cortadas fisicamente no que constitúe unha castración simbólica”, proseguiu. Como exemplos, lembrou o relato artúrico do Mabinogion “O soño de Macsen Wledig”, no que os invasores lles cortan as linguas ás mulleres; ou o mito grego no que Tereo lle fai o mesmo a Filomela logo de violala.

Marilar Aleixandre, durante a súa alocución, titulada na alocución titulada “Zurcindo con fío violeta linguas cortadas”. CC-BY-SA RAG

"Begoña Caamaño aprópiase dos mitos, gregos e artúricos, e vai zurcindo nos lugares en branco, na tea rachada da que desapareceran as mulleres, as súas voces, as súas historias”, subliñou Marilar Aleixandre

Outras veces a violencia é simbólica, discursiva, e reduce as linguas das mulleres a ese silencio que a protagonista do Día das Letras Galegas rachou ao abrir os mitos “en canal”, indicou Aleixandre. “Zurcir, corcoser, sabémolo as mulleres, é unha arte máis difícil que o bordado. Non é remendar, é imitar o tecido onde está gastado ou rachado. Begoña Caamaño aprópiase dos mitos, gregos e artúricos, e vai zurcindo nos lugares en branco, na tea rachada da que desapareceran as mulleres, as súas voces, as súas historias”, comparou. Marilar Aleixandre tamén se referiu no remate do seu discurso á ética de Begoña Caamaño máis alá da literatura. “No mastro levou desempenadas as velas da rebeldía, da defensa da liberdade, da denuncia das inxustizas, as velas da oposición ás guerras; levantou a voz por Palestina, polo compromiso coa lingua galega, co feminismo, a ledicia e a vida”, indicou.

Tirando igualmente dos fíos metafóricos, Víctor F. Freixanes falou da “Begoña-Sherezade, tecedora de historias”, en referencia ao mito literario que non puido chegar a reescribir. Tecedora de relatos que, como algunha vez ela mesma recoñeceu, “se cadra tamén poden axudar a cambiar o mundo, este mundo que non nos gusta e que acaso merece outra oportunidade”, concluíu o académico.

Víctor F. Freixanes coñeceu a Begoña Caamaño pouco despois de ela rematar a carreira de Maxisterio, na redacción de Radio Popular de Vigo, que lle abría ás portas nos primeiros anos 80 ao uso do galego no conxunto da súa programación. “O xornalismo é a primeira vía de descuberta que lle interesa para entender a realidade, o coñecemento do mundo que lle vai tocar vivir, a ela e á súa xeración”, apuntou o académico, que no persoal a lembrou como “unha bomba de enerxía, de alegría”.

Víctor F. Freixanes falou da “Begoña-Sherezade, tecedora de historias”, en referencia ao mito literario que non puido chegar a reescribir. CC-BY-SA RAG

 “Cando empecei a lelo, xa non puiden deixalo. O texto era magnífico, escrito cunha madurez estilística que lle daba unha forza especial", explicou Freixanes sobre a primeira lectura do orixinal de 'Circe'

Pero a intervención do académico centrouse na descuberta da literatura da autora que a RAG celebra este ano. Freixanes compartiu o pracer da descuberta da Begoña Caamaño escritora que lle confiou o orixinal de Circe ou o pracer do azul para valorar a súa publicación. “Cando empecei a lelo, xa non puiden deixalo. O texto era magnífico, escrito cunha madurez estilística que lle daba unha forza especial. A lingua galega alentaba dunha maneira distinta, evocadora das páxinas clásicas, lixeiramente arcaicas, do autor da Odisea. Os recursos eran sorprendentes”, compartiu. Freixanes valorou ademais a súa “verosimilitude absoluta”, “un dos segredos da narrativa” para capturar o lector que Caamaño tamén manexou á perfección en Morgana en Esmelle. “As dúas son obras de madurez, construídas dende a sabedoría da escritora que leva moitos anos formándose, preparándose para aquel momento”.

Monteagudo rematou a súa intervención coa man tendida da “leal colaboración” e facendo un “efusivo chamamento” ao compromiso da cidadanía e unha “solemne exhortación ao presidente da Xunta para que impulse o diálogo político e social en prol do idioma”

O galego de Caamaño é unha lingua “traballada, estudada, consciente da súa significación e do seu valor, ao servizo do relato que nos conta”, proseguiu Freixanes, “Se Homero contase esta historia no galego contemporáneo contaríaa así”, asegurou. Pero a lingua non era para ela un mero instrumento de traballo. Porque, como Caamaño escribiu nunha ocasión, un idioma é moito máis ca un idioma, é unha forma de narrar o universo. 

O presidente da Real Academia Galega pechou o pleno extraordinario cunha intervención na que, alén de gabar o legado literario de Begoña Caamaño, quixo lanzar unha mensaxe sobre o momento crucial en que se atopa o galego. Neste tamén Ano Oteriano, Monteagudo referiuse á vixencia do discurso de Ramón Otero Pedrayo no debate da Constitución da II República e demandou unidade para que a lingua galega continúe a animar “a esperanza que nos inspira cara ao futuro”. Neste sentido, puxo o exemplo de Begoña Caamaño: criada en castelán nos barrios vigueses do Calvario e Coia, fíxose neofalante en galego cando era unha moza. “Compromiso, activismo, alegría, agarimo: iso precisa o noso idioma”, enfatizou o presidente.  

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, reclamou un "impulso político" para a normalización do idioma. CC-BY-SA RAG

Henrique Monteagudo valorou a actitude da cidadanía cara a lingua de noso, “máis positiva e máis proactiva ca nunca”, pero advertiu que, aínda que“a súa normalización alenta no compromiso cidadán, atinxir un pulo decisivo require un imprescindible impulso político”, dixo ante o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Monteagudo rematou a súa intervención coa man tendida da “leal colaboración” e facendo un “efusivo chamamento” ao compromiso da cidadanía e unha “solemne exhortación ao presidente da Xunta para que impulse o diálogo político e social en prol do idioma”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.