"O Vigo de Begoña Caamaño era unha cidade nova, socioloxicamente falando, que se estaba construíndo"

Begoña Caamaño traballando na delegación da Radio Galega en Vigo con Rosa Martínez a comezos da década dos 90 © Arquivo persoal de Begoña Caamaño

Begoña Caamaño foi xornalista e foi escritora, foi viguesa e compostelá. E durante toda a esta traxectoria foi unha muller activa e activista, comprometida coa xustiza social e dunha ética persoal e profesional insubornable. O Ano das Letras dedicada a Begoña Caamaño continúa e obras como Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Santiago (Galaxia), de María Xosé Porteiro, achégannos a algunha das súas múltiples dimensións. Neste caso a máis estritamente xornalística, tanto na radio coma nas súas colaboracións escritas, e sobre todo a que desenvolveu en Vigo nos seus primeiros anos na profesión. 

Caamaño, nacida e criada no Calvario e que despois medrou en Coia creceu nunha cidade en constante transformación e mobilización. Os anos 80 en Vigo estiveron marcados polo conflito veciñal, social e sindical, unha cidade que vivía nun ritmo acelerado e da que ela foi testemuña e relatora a través do xornalismo radiofónico, en Radio Popular, Radio Noroeste e, a partir de 1989, na delegación viguesa da Radio Galega, na que estivo ata que en 1992 marcha á redacción central en Compostela. 

María Xosé Porteiro percorre o traballo de Caamaño nestes primeiros anos, os seus artigos en prensa en revistas e o seu activismo no asociacionismo e sindicalismo xornalístico, tamén no feminismo. A través da propia vos de Begoña e tamén das súas compañeiras de profesión. Falamos con ela.

"Era unha persoa carismática. Penso que non é casual que moitas persoas empreguemos esta palabra ao lembrar a Begoña. Ademais de ser encantadora, tiña unha intelixencia por riba da media"

Como era Begoña, ti que a trataches sobre todo en Vigo na década dos 80? 

Era unha persoa carismática. Penso que non é casual que moitas persoas empreguemos esta palabra ao lembrar a Begoña. Non todo mundo ten carisma, é case como un don, co que se nace ou non, pero ela era un ser humano cun atractivo interior, cunha maneira de ser e de manifestarse moi especial que a facía moi atractiva. Ademais de ser encantadora, tiña unha intelixencia por riba da media. E no libro, analizando o seu traballo no xornalismo escrito, que non foi evidentemente o máis importante, pero é o máis doadamente analizable en conxunto, recoñezo que me impactou, que me sorprendeu moitisimo. A súa lucidez, a maneira en que chega ás súas conclusións...

Begoña Caamaño, con chapeu, posa con Avelina Barreiro, Xulia Mariño, Sefi García, Rosa Martínez e María Xosé Porteiro. © Arquivo de Begoña Caamaño / RAG

"Nese momento estase a producir unha eclosión da liberdade de información. Ela, sendo adolescente, posiblemente estaba escoitando a radio e aí estaban a pasar cousas"

Como a marca o feito de nacer e criarse en Vigo, ademais en barrios como O Calvario primeiro e Coia despois?

Todas as miñas novelas desenvólvense en Lavadores -onde se situaba O Calvario-, que era un concello republicano, galeguista e de esquerdas que se anexiona a Vigo como castigo pola súa resistencia durante a Guerra Civil. É un lugar onde hai unha tradición agrícola e obreira de reivindicación que lle daba unhas características completamente diferentes. Cando nace Begoña todo iso está fresco aínda e de feito ten unha importante actividade sindical que fai que de aí procedan unha parte importante dos líderes políticos de esquerda e sindicais da cidade. 

Ela, ademais, deu a casualidade de que foi aquí no Calvario alumna de María Xosé Queizán, que nese momento estaba dando clase nunha academia. E isto, dende logo, non debeu ser unha cousa menor. Despois, ademais, marchan vivir a Coia, con toda a mobilización social que se deu nese barrio. Todas as cousas converxen. 

"Deu a casualidade de que foi aquí no Calvario alumna de María Xosé Queizán, que nese momento estaba dando clase nunha academia. E isto, dende logo, non debeu ser unha cousa menor"

E, posteriormente, como lle impacta o feito de formarse e comezar a traballar nuns anos 80 de gran mobilización social na cidade?

Coincide, ademais, que nese momento se está a producir unha eclosión da liberdade de información. Ela, sendo adolescente, posiblemente estaba escoitando a radio e aí estaban a pasar cousas. En Radio Vigo, en Radio Popular, en Radio Noroeste... A radio estaba en todas partes. Vigo era un fervedoiro, de manifestacións continuas, de cortes de tráfico... E eu imaxino a Begoña escoitando a radio e oíndo cousas que eran coherentes coa súa sensibilidade. Cando Begoña empeza na radio, eu levaba dez anos traballando e a impresión que teño é que era imposible non sentirse involucrada.

Begoña empeza moi nova, con 22 anos, e coincide cunha xeración de mulleres xornalistas novas e moi activas, como Amanda Álvarez, que é a súa grande amiga, ou Sefi García, que hoxe e a directora de Informativos de COPE Madrid. Un grupo de mulleres, que eran da súa idade e que eran as que daban a nota en todas as roldas de prensa. Mulleres moi novas, que estaban aprendendo, moi mal pagadas, sen contrato... Unhas xornalistas que ademais coincidían co ambiente da cidade: o Vigo no que medrou Begoña era unha cidade nova socioloxicamente falando, que se estaba construíndo. 

Traballando na cobertura dun pleno a porta pechada en Cangas © Arquivo de Begoña Caamaño / RAG

"O Vigo no que medrou Begoña era unha cidade nova socioloxicamente falando, que se estaba construíndo. 

Despois, en Santiago, na Radio Galega, ela pasa a facer sobre todo xornalismo cultural...

Begoña entra na Radio Galega e comeza en Informativos. E pouco despois comeza a ser a dirixente sindical e, ademais, unha sindicalista 'peleona'. Todo isto coincide, ademais, coa crise do Prestige e Begoña é nese momento noticia polas súas críticas ao tratamento que o tema ten nos medios públicos. E iso leva probablemente a que sexa castigada, apartándoa dos informativos xerais, pasando aos informativos culturais. Ollo, non teño a confirmación disto, pero é o que me parece que pasou. E a partir de aí ela ten que levar ese compromiso político por outras vías. Por iso eu no libro céntrome máis nos anos nos que ela traballa en Vigo, que é a parte que eu coñecín mellor e é seguramente unha época que outras persoas lle coñeceron menos a Begoña. 

"Rexeito o cualificativo de escritora serodia para ela. Ela publicou a súa primeira novela con 45 anos, o que quere dicir que comezou a escribila tres anos antes, por exemplo. Cantos escritores e escritoras hoxe en día están publicando a súa primeira novela antes dos 40? Moi poucos"

Ela é unha escritora serodia, ou que cando menos comeza a publicar tarde, aos 45 anos...

Aí teño que interromperte. Eu publiquei un artigo sobre Begoña Caamaño no que me manifestei en contra do cualificativo de escritora serodia para ela. Ela publicou a súa primeira novela con 45 anos, o que quere dicir que comezou a escribila tres anos antes, por exemplo. Cantos escritores e escritoras hoxe en día están publicando a súa primeira novela antes dos 40? Moi poucos, a maioría comeza despois. Eu mesma publiquei a miña primeira novela con 50 anos. 

Se ti colles a lista das máis de 60 persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas, moi poucos e poucas viviron da literatura. Porque da literatura non se vive, e máis se falamos da literatura en galego, pode vivir dela moi pouca xente. A maior parte das persoas que foron homenaxeadas ou eran docentes ou eran xornalistas ou eran funcionarios. Primeiro, tes que facerte un medio de vida. Eu loito contra ese cualificativo, aínda que ao comezo de todo tamén o dicía. 

Despois hai unha cousa, que souben a través da súa irmá, que conta que a súa nai era unha gran lectora, que na súa casa había unha biblioteca importante e que cando tiñan oito anos lles lía a Odisea. É dicir, que tivo un contacto cultural moi cedo con toda esta literatura, coas Mil e unha noites... 

Caamaño con Amanda Álvarez e outras compañeiras xornalistas © Arquivo de Begoña Caamaño / RAG

"Ela fai unha revisión dos mitos en clave feminista, revisita eses mitos con ollos de hoxe. Iso fai de Begoña unha persoa intelectualmente moi potente que non se pon límites, o cal me parece coherente coa súa capacidade. Era moi afouta nese sentido"

A min sorpréndeme, non sei a ti, que nunha primeira novela ela faga unha escolla tan ambiciosa e que, ademais, sendo unha xornalista, moi apegada á actualidade e cunha vontade de intervención, de cambiar o mundo, ela tire polos mitos. Por mitos, por suposto, deconstruídos, e que falan do presente, de aí o valor dos mitos...

Unha cousa que puiden facer agora foi revisar todos os audios que hai dela, de entrevistas que lle fan a raíz da publicación das novelas. Ela o que fai é unha revisión deses mitos en clave feminista, de como podería ter pasado que houbese tamén un vinculo entre as mulleres que son protagonistas da historia que nos conta Homero. Ela dános esa lectura, que é unha lectura actual, pois ela revisita eses mitos con ollos de hoxe. E o mesmo fai con Morgana, rescata un mundo en feminino para reelaborar algo. E quería facelo tamén con Sherezade.

Iso fai de Begoña unha persoa intelectualmente moi potente que non se pon límites, o cal me parece coherente coa súa capacidade. Era moi afouta nese sentido, esa afouteza de dicir tanto me ten se me estrelo, pero isto é o que eu quero facer. Hai que ter moito valor para facer as cousas así.

"Manuel María é unha persoa que para min ten un vínculo moi grande con Begoña. De feito chámalle Andando a Terra ao seu programa ideal, un título que é como se chamaba unha sección de Manuel María tamén. Manuel María traballou na radio, traballou en xornais e vivía do xornalismo"

Non había distancia entre a Begoña xornalista e a Begoña literata, non si? Ao final xornalismo e literatura van moitas veces da man, con fronteiras que ás veces se dilúen...

Ese é un erro que cometemos todas e todos. Porque, mira, como dicía antes, da literatura non se vive, claro que non, e por iso hai tantos literatos que son xornalistas ou colaboran en medios. Pero hai unha gran diferenza. Fernández Ferreiro dixo moi claro que é xornalismo cando estás falando sobre a realidade, dígalo tan bonito como queiras, tan literariamente como queiras, pero non estás inventando ou imaxinando algo. Pero cando ti inventas, aínda que sexa en base a un feito real, aí estás facendo literatura. Para min, unha cousa é xornalismo e outra literatura. Unha cousa é que haxa literatos que tamén escriben en xornais, pero iso non significa ser xornalista. 

No libro dedicas espazo tamén a destacar como Begoña se insire nunha tradición, longa en Galicia, de homes e mulleres que por necesidade ou por gusto tiveron un pé en cada campo, non? Dende Cunqueiro a Xohana Torres...

Si, e Manuel María, que é unha persoa que para min ten un vínculo moi grande con Begoña. De feito chámalle Andando a Terra ao seu programa ideal, un título que é como se chamaba unha sección de Manuel María tamén. Manuel María traballou na radio, traballou en xornais e vivía do xornalismo. Que é algo do que case ninguén se lembra, parece que sempre foi un poeta.

María Xosé Porteiro © Antón Pulido

"Algún día, probablemente será tarde xa, a María Xosé Queizán seralle recoñecido o seu papel importantísimo, clave, na formación e na decantación de moitísimas mulleres e homes a prol dunha visión dunha sociedade igualitaria"

Begoña foi activista de moitas cousas, en moitos ámbitos, supoño que de todo onde ela e a súa empatía e sensibilidade detectaban unha inxustiza. Pero entre estes activismos destacou o seu feminismo e paréceme especialmente interesante preguntarche a ti por el. Como era ese feminismo de Begoña?

Era algo natural para ela. Hai unha persoa moi importante neste caso, que é María Xosé Queizán. Algún día, probablemente será tarde xa, a María Xosé Queizán seralle recoñecido o seu papel importantísimo, clave, na formación e na decantación de moitísimas mulleres e homes a prol dunha visión dunha sociedade igualitaria e non desequilibrada en función de sexo ou de xénero. Ela anticipouse tanto ao seu tempo, trouxo a Galicia eses textos e esas ideas, porque era unha muller que viaxaba moito, que falaba idiomas que tivo un posto de traballo gañado por oposición dende había tempo. Era un foco que irradiaba ideoloxía, pero sempre cun encanto cultural na medida en que sempre había unha lectura de referencia, sempre había un debate sobre algo. Non era unha posición tan lineal como pode ser estes son os bos e estes son os malos.

O contacto con María Xosé Queizán foi moi importante para Begoña. Á hora de ser unha muller feminista, e unha muller feminista capaz de facer o feminismo non tanto unha arma como unha ferramenta de transformación social. Begoña escribe nos anos 90 unha reportaxe na Festa da Palabra Silenciada na que describe como era a situación laboral nunha empresa na que ela estivo, na que sufriu acoso sexual, situacións económicas precarias... Ela, desde dentro, foi tamén vítima dun sistema. Eu tamén o fun, era un momento en que pasaban esas cousas. Pero ela tivo a valentía de contalo e de publicalo nunha revista feminista como a Festa da Palabra Silenciada. Ou a reportaxe que fixo con Ana Romaní, por exemplo, sobre a situación das mulleres que se lanzaban á escena pública como alcaldesas, como sindicalistas, como escritoras...

Portada de 'Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Santiago' © Editorial Galaxia

"Ela, desde dentro, foi tamén vítima dun sistema. Eu tamén o fun, era un momento en que pasaban esas cousas. Pero ela tivo a valentía de contalo e de publicalo"

Ou cando entra a formar parte de Mulleres Galegas na Comunicación, esa asociación que formamos nos anos 90, seguindo un pouco a estela doutra que se creara no Estado Español, de Ameco, Asociación de Mulleres Españolas na Comunicación, nacida para abordar a problemática das mulleres xornalistas dentro da profesión e o tratamento que sobre as mulleres se facía nos medios de comunicación. Todo iso é un feminismo que nela era fervente, porque ela era unha muller fervente, pero ao mesmo tempo sempre moi razoado, buscando a comprensión e mesmo a alternativa para que iso puidese cambiar. 

E logo hai outra parte que se conxuga coa militancia nacionalista. Begoña foi militante de Mulleres Nacionalistas Galegas e como membro de MNG fai algo fantástico. No ano 2000 celébranse as primeiras reunións internacionais posteriores á Conferencia de Beijing para ver como se ían cumprindo os acordos daquel encontro internacional. Begoña é quen representa Galicia a través de MNG en foros internacionais que se celebran en Canadá, Brasil... e eses textos son un manual de como hai que comunicar en público as ideas forzas; os discursos de Begoña son para estudar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.