'O Libro das amigas', unha obra comunitaria para contar a Begoña Caamaño con "lembranzas e emocións"

Presentación do facsímile do 'Libro das amigas' en homenaxe a Begoña Caamaño © CCG

Este venres o Consello da Cultura Galega presentou o facsímile do Libro das amigas, unha obra na que participan 24 mulleres da contorna máis próxima da homenaxeada nas Letras Galegas

As relacións persoais, a sororidade, o colectivo, as amigas... foron fundamentais na traxectoria de Begoña Caamaño que ademais do seu traballo como xornalista e da súa actividade como escritora, participou na súa vida nun gran número de movementos sociais e iniciativas. Este venres o Consello da Cultura Galega presentou o facsímile do Libro das amigas, unha obra na que participan 24 mulleres da contorna máis próxima da homenaxeada nas Letras Galegas.

O libro contén dúas ducias de textos de todo tipo, dende artigos académicos a poemas, nos que as autoras deixa "abrollar sentimentos, lembranzas e emocións" en relación a Begoña Caamaño. “Non é a voz de Begoña a que contén o libro pero é Begoña a través do reflexo que nos devolven as amigas” apuntou na presentación Rosario Álvarez, presidenta do CCG, sobre a publicación, que tamén ten edición dixital e xa se pode descargar.

Presentación do facsímile do 'Libro das amigas' en homenaxe a Begoña Caamaño © CCG

O libro contén dúas ducias de textos de todo tipo, dende artigos académicos a poemas, nos que as autoras deixa "abrollar sentimentos, lembranzas e emocións" en relación a Begoña Caamaño

No libro participan Amanda Álvarez, Ana Romaní, Andrea Nunes, Bea Caamaño, Camiño Noia, Carmen Panero, Chus Nogueira, Faia Díaz Novo, Goretti Sanmartín Rei, María del Río, Mª Pilar García Negro, María Reimóndez, María Rúa, María Xosé Porteiro, María Xosé Queizán, Merce Teixeiro, Mercedes Queixas, Paula Carballeira, Pim Patinho, Rosa Martínez, Sesé Canitrot, Uxía, Xulia Alonso e Marica Campo.

Aínda que non participou no libro pero si no acto de homenaxe paralelo, Concha dela Fuente apuntou na presentación que “neste libro comunitario que se lle chamou o libro géyser, está un pouco de todas aquelas persoas que rodeamos a Begoña”.

“Non é a voz de Begoña a que contén o libro pero é Begoña a través do reflexo que nos devolven as amigas” apuntou na presentación Rosario Álvarez, presidenta do CCG, sobre a publicación, que tamén ten edición dixital e xa se pode descargar

No limiar da publicación, a presidenta do CCG explica que “optamos por facilitar a achega á personalidade, pensamento e legado de Begoña Caamaño, non a través da súa propia obra, senón do reflexo que nos devolven os textos de dúas ducias de mulleres, da súa ampla contorna intelectual e emocional, que se ispen deixando abrollar sentimentos, lembranzas e emocións, aínda avaladas polo transo do seu pasamento”.

Ademais dos textos, inclúense catro entrevistas: unha ao fío da presentación de Morgana en Esmelle en Vigo; outra do programa de televisión Zigzag Diario; outra entrevista da Galega; mais a entrevista que lle fixo Manuel Vidal Villaverde no desaparecido xornal Galicia Hoxe. E, de peche, a carta que Begoña Caamaño lle escribiu á cantante Uxía Senlle antes de morrer e na que desexa “que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando eu xa teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo”.

Begoña Caamaño cun libro na feira do libro de Vigo en 1988 © Arquivo persoal de Begoña Caamaño

Péchase coa carta que Begoña Caamaño lle escribiu a Uxía Senlle antes de morrer e na que desexa “que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando eu xa teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo”

“Activismo, compromiso, feminismo, solidariedade, pacifismo, sororidade, sindicalismo, autenticidade, nacionalismo, antimilitarismo, identidade, amizade, inconformismo, ética, vitalidade, enerxía contaxiosa...; respecto á diferenza; loita polos dereitos, pola igualdade, pola lingua, pola xustiza, polos servizos públicos, pola liberdade; contra a manipulación informativa, contra todo tipo de violencias ás mulleres, contra a exclusión; viaxeira de mente aberta e ollos curiosos” son algunhas das características da personalidade de Begoña que a presidenta do CCG destaca na publicación.

O libro contén así mesmo un capítulo introdutorio co título “Panóptico Caamaño: O libro das amigas. 
Begoñísima, quam magna!” elaborado por María Xosé Porteiro no que fai un percorrido polo amplo abano de idades, actividades, personalidades e fíos que se teceron arredor do que chama “cosmos Bego Caamaño”. 

Lembra tamén que “tiña un carisma manifesto, mestura dun carácter engaiolante ao tempo que rexo, ideas firmes, capacidade expresiva, vontade de intervención no mundo onde vivía e, ao tempo, un marabilloso sentido do humor!”. Ademais, percorre os seus primeiros pasos profesionais no xornalismo en Vigo, a súa paixón pola música e o seu “implacable” compromiso político e sindical que fixo dela “un referente”.

Mosaico de fotos de Begoña Caamaño © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.