Silvio Rodríguez canta en galego por primeira vez e faino por Begoña Caamaño

Silvio Rodríguez e Uxía unen as súas voces en 'O teu nome é bandeira' ©

O cantautor cubano e Uxía unen as súas voces en 'O teu nome é bandeira', unha canción da artista galega en homenaxe á autora homenaxeada nas Letras Galegas, coa que Rodríguez mantivo amizade

Silvio Rodríguez e Uxía unen as súas voces en 'O teu nome é bandeira', unha canción en homenaxe a Begoña Caamaño. É a primeira vez que o cantautor cubano canta en galego. A proposta xurdiu da propia Uxía, quen, sabedora da amizade que existiu entre Caamaño e Rodríguez, convidouno a gravar xuntos unha nova versión deste tema que Uxía xa incluíra no seu disco Indómitas, que este mesmo ano publicou en homenaxe á súa tamén grande amiga Begoña Caamaño.

Uxía entende esta canción compartida con Silvio Rodríguez como "unha ligazón entre Galicia e o pobo cubano". "Nun tempo no que Cuba continúa precisando da solidariedade internacional, en tempos tan escuros, esta colaboración é tamén unha ponte de afectos entre os nosos pobos", sinala a artista galega.

'O teu nome é bandeira', por Uxía e Silvio Rodríguez

 "Nun tempo no que Cuba continúa precisando da solidariedade internacional, en tempos tan escuros, esta colaboración é tamén unha ponte de afectos entre os nosos pobos", destaca Uxía

O teu nome é bandeira é unha canción que fala da dignidade, da sororidade, da memoria e da esperanza. "Valores que Begoña defendeu sempre e que hoxe seguen máis vivos ca nunca", explica Uxía, que subliña que "eu sempre pensei en Silvio Rodríguez para compartir esta canción". "A miña gran sorpresa foi a ilusión coa que el acolleu a invitación e a decidida vontade que me amosou dende o primeiro momento de gravar a canción e de cantala en galego".

Begoña Caamaño coñeceu a Silvio Rodríguez nunha viaxe que realizou como xornalista a Cuba. A partir de aí mantuvieron unha amizade persoal que se foi reforzando por carta e en cada unha das viaxes que a escritora facía á illa caribeña, tanto a nivel profesional como a título persoal

Begoña Caamaño coñeceu a Silvio Rodríguez nunha viaxe que realizou como xornalista a Cuba. A partir de aí mantuvieron unha amizade persoal que se foi reforzando por carta e en cada unha das viaxes que a escritora facía á illa caribeña, tanto a nivel profesional como a título persoal. "Nas súas obras, Begoña fala moito das illas como espazos de resistencia e liberdade. E iso ten moito que ver co que ela percibía e recibía cada vez que visitaba Cuba", explica Uxía.

O teu nome é bandeira preséntase tamén acompañada dun videoclip dirixido por Paula Pez e gravado na Illa de Arousa no marco das xornadas Bego nas illas. En palabras da propia Paula Pez, "o vídeo trata de achegarnos á Illa, a posible vivencia dunha Begoña do presente, que, cámara en man, desfruta do verán coas súas amizades, sente o tacto da area na pel, pasea pola natureza, goza da luz dun sol que medra, da música, das verbas, do vento, do sal e a pausa propia dun tempo a medio camiño entre a lembranza e a ensoñación". 

Uxía ©

Ante a imposibilidade de dispoñer de Silvio Rodríguez en Galicia para a rodaxe, Paula Pez optou polo recurso de que "a súa voz navegase entre as imaxes como querendo unir os diferentes fragmentos de instantes e formatos. Desta maneira, todo xunto, todo mesturado, cunha edición a medio camiño entre álbum de fotos e conversa entre amigas, cachiños de verán e vivencias compartidas arredor da memoria de Begoña, teñen o protagonismo desta historia que pertence ao territorio e a quen aínda queren lembrar e compartir".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.