A Sega homenaxea a Begoña Caamaño por "desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras"

Begoña Caamaño, no verán de 1987, cunha compañeira de Radio Popular © RAG

A Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega vén de elixila como a Señora das Letras na celebración que todos os anos realiza para destacar autoras que, en moitos caso, foron esquecidas nas conmemoracións oficiais

Begoña Caamaño será a Señora das Letras 2026. De igual xeito que hai uns meses a Academia escolleu a xornalista e escritora como protagonista do Día das Letras Galegas, agora a Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega vén de elixila como a homenaxeada no Día das Galegas nas Letras.

Dende hai doce anos esta conmemoración busca "celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular". A Sega creou este festexo ante o esquecemento ao que moitas autoras eran sometidas nas celebracións oficiais e neste ano, por primeira vez, as dúas festividades coincidirán no mesmo ano na mesma persoa.

A Sega anunciou a súa decisión o pasado venres cun texto titulado Das que miran cara atrás para mirar cara adiante que comeza destacando que "mirar cara a atrás é desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras e co que nos amortallan, é atopar novos significados, reconciliarnos coas nosas devanceiras, recoñecer as verdadeiras heroínas e protagonistas e sementar referentas. Isto supón desfacer o relato e é aí cando as mulleres que miramos cara a atrás podemos enxergaro noso arredor e o cara a adiante".

Cubertas das dúas novelas publicadas por Begoña Caamaño © Galaxia

A Sega defende que as autoras deben "desfacer os mitos dos heroes" e "remexer o pasado para remanecer nun novo presente, nun futuro diferente"

Unha referencia clara á creación literaria de Begoña Caamaño, que nas súas dúas novelas publicadas, Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, botou man de mitos para, precisamente, poñelos en cuestión. "Xa que os mitos son o molde que nos conforma, que nos foi conformando na historia da cultura, se queremos desfacer o molde temos que desfacer o mitos ou polo menos revisalos dende outro lugar", destacou Ana Romaní sobre o traballo realizado pola autora con este obxetivo. "Begoña Caamaño puxo sobre a mesa que os heroes tamén podían ser heroínas", sinalou igualmente a este respecto An Alfaya nesta entrevista.

"Mirar cara a atrás é desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras e co que nos amortallan, é atopar novos significados, reconciliarnos coas nosas devanceiras, recoñecer as verdadeiras heroínas e protagonistas e sementar referentas", di

A Sega destaca que "na literatura dos homes a figura dos clásicos actúa como un dedo acusador que indica o que non debe tocarse. Atreverse a relatar con outros ollos desanímase como transgresión contra o sagrado patriarcado. Toda aquela muller que mire cara a atrás será castigada" e engade que por iso, as autoras deben "desfacer os mitos dos heroes" e "remexer o pasado para remanecer nun novo presente, nun futuro diferente"

"Todo isto e máis construíu coa súa escrita e coa súa vida a nosa señora das letras 2026: Begoña Caamaño", remata o texto.

Begoña Caamaño, con Pilar Pallarés, Pilar García Negro e outras amizades da Coruña © RAG

Primeira vez que coinciden as dúas celebracións

É a primeira vez que coinciden no mesmo ano a figura protagonista do Día das Letras Galegas e do Día das Galegas nas Letras

Dorothé Schubart foi en 2014 a primeira Señora das Letras, á que seguiron María Victoria Moreno (2015), María Xosé Queizán (2016), Patricia Janeiro (2017), Marica Campo (2018), Xela Arias (2019), Inma António Souto (2020), Uxía Casal (2021), Luísa Villalta (2022), Aurora Marco (2023), María Mariño (2024) e Sara Guerrero (2025).

En varias ocasións, polo tanto, autoras que primeiro foron protagonistas do Día das Galegas nas Letras (moitas veces salientando o seu esquecemento por parte da Academia) anos máis tarde recibiron por fin a súa homenaxe o 17 de Maio. É o caso de María Victoria Moreno (protagonista das Letras Galegas en 2018), Xela Arias (2021) ou Luísa Villalta (2024).

Noutra ocasión, unha autora previamente homenaxeada pola Academia, María Mariño (2007), foi recuperada pola Sega como Señora das Letras  para non ser "só flor dun día, esquecida nun andel"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.