A plataforma de crítica feminista A Sega deu a coñecer que a poeta María Mariño será a Señora das Letras deste ano 2024, que celebrará o 15 de agosto o seu acto central
"Había que chegar pra ser. Porque navegamos contigo as marxes. Cruzamos uces e toxos, cruzamos o mar desde o fondo, pincheiras e cumes cruzamos. Porque nos lemos por dentro, porque por dentro te lemos, porque contigo queremos estar no torreiro da festa, bailarmos coas palabras quebradas sempre novas para un tempo que vén de lonxe e mocea cada día. Con este texto a plataforma de crítica feminista A Sega deu a coñecer que a poeta María Mariño será a Señora das Letras deste ano 2024, que celebrará o 15 de agosto o seu acto central.
"Porque non queremos o teu nome a pé de páxina (...) Porque non queremos o mundo que a ti te envolve baixo lousa de alentos gardados, querémoste viva, para dinamitarmos contigo a historia que a ti te olvida", destaca A Sega no anuncio da escolla, que nos días anteriores fora precedido por varias mensaxes nas redes sociais nas que, de forma crítica, se ían debullando algúns contraargumentos que se poderían apoñer para rexeitar algunhas homenaxes a autores ou autoras.
María Mariño convértese na undécima muller escollida para protagonizar esta homenaxe, que dende 2014 busca "celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular"
María Mariño convértese na undécima muller escollida para protagonizar esta homenaxe, que dende 2014 busca "celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular" e que naceu como unha forma de denuncia ante o moi reducido número de mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas, apenas tres nese momento (Rosalía de Castro en 1963, Francisca Herrera Garrido en 1987 e a propia María Mariño en 2007) ás que se sumaron nos anos seguintes María Victoria Moreno en 2018, Xela Arias en 2021 e Luísa Villalta en 2024, elas tres homenaxeadas previamente por A Sega.
Dorothé Schubart foi en 2014 a primeira Señora das Letras, á que seguiron María Victoria Moreno (2015), María Xosé Queizán (2016), Patricia Janeiro (2017), Marica Campo (2018), Xela Arias (2019), Inma António Souto (2020), Uxía Casal (2021), Luísa Villalta (2022) e Aurora Marco (2023). Como dixeron as propias intgrantes d'A Sega hai un tempo, "cando rabuñas na superficie patriarcosa, encontras unha chea de mulleres escribindo, cineando, gobernando".
"Porque non queremos o teu nome a pé de páxina (...) Porque non queremos o mundo que a ti te envolve baixo lousa de alentos gardados, querémoste viva, para dinamitarmos contigo a historia que a ti te olvida", destaca A Sega no anuncio da escolla
É, polo tanto, a primeira vez que o Día das Galegas nas Letras homenaxea unha muller que previamente xa protagonizara o Día das Letras Galegas. O comunicado d'A Sega semella facer referencia a este feito, sinalando que "non queremos a túa imaxe calada no altar de quen xa foi, e só flor dun día, esquecida nun andel, nun libro grande fechada".
"Somos contigo segadoras de palabras, Nosa Señora na festa, pola luz aquela que encendiches e non se apaga. Por ti, celebramos, desde o papel trillado e o arrecendo da chambra da túa nai, a palabra no tempo, a verba que comeza. Por ti, Nosa Señora das Letras, pra ser, pra sermos", péchase o texto.
Unha voz "radicalmente intimista" e cunha linguaxe "rupturista"
María Mariño, a "dinamiteira da fala", sempre foi considerada unha "figura singular" no panorama literario galego, tanto polo seu estilo coma, sobre todo, polo seu afastamento do propio mundo literario. Só publicou en vida un poemario, Palabra no tempo; e, de forma póstuma, Verba que comeza.
María Mariño, a "dinamiteira da fala", sempre foi considerada unha "figura singular" no panorama literario galego, tanto polo seu estilo coma, sobre todo, polo seu afastamento do propio mundo literario. Nacida en Noia en 1907, marchou vivir anos máis tarde ao Courel, onde coñeceu a Uxío Novoneyra, quen promove a publicación do seu primeiro libro, Palabra no Tempo (Editorial Celta), en 1963. Catro anos máis tarde María Mariño faleceu por mor da leucemia.
Houbo que agardar 27 anos para que se dese a coñecer o seu segundo libro, Verba que comeza, unha edición promovida por Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos e publicada polo Concello de Noia. No volume recóllese unha ampla mostra dos poemas escritos por María Mariño no último ano da súa vida, enferma xa de leucemia.
Nacida en Noia en 1907, marchou vivir anos máis tarde ao Courel, onde finou en 1967 por mor da leucemia
"Sen apenas relacións no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas", destaca Ana Romaní na biografía publicada no Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega. Unha poética radicalmente intimista e unha linguaxe rupturista caracterizan, segundo Carme Blanco, estudosa da súa obra, a escrita de María Mariño.