Aurora Marco, 'Señora das Letras' polo seu traballo de recuperación da memoria das 'silenciadas' na historia galega

Aurora Marco © AELG

Nas últimas tres décadas as investigacións de Aurora Marco deitaron luz sobre o papel que xogaron na historia un gran número de mulleres galegas que ata entón estaban invisibilizadas ou que figuraban, como moito, como notas a pé de páxina duns feitos unicamente protagonizados por homes

Nas últimas tres décadas as investigacións de Aurora Marco deitaron luz sobre o papel que xogaron na historia un gran número de mulleres galegas que ata entón estaban invisibilizadas ou que figuraban, como moito, como notas a pé de páxina duns feitos unicamente protagonizados por homes. Aí están obras imprescindibles como Elas (2015), que inclúe a biografía de máis de 400 mulleres do país dende o século IV ata 1975, ou Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011) e Irmandiñas (2020), ambos os dous publicados en Laiovento. Aurora Marco adoita dicir que "as mulleres de hoxe non chegamos ata aquí por xeración espontánea. Houbo outras que o fixeron antes"

"O espírito que lle quería dar á publicación é coñecer, recoñecer, facer xustiza a homenaxear as mulleres", dicía nesta entrevista sobre a súa obra Elas, "o traballo de media vida", no que recolleu "os contributos de mulleres que se adiantaron ao seu tempo en distintos campos". Con ese mesmo espírito naceu hai case unha década a celebración do Día das galegas nas Letras, impulsada pola plataforma de crítica literaria A Sega, que homenaxeou a Dorothé Schubarth, María Xosé Queizán, Patricia Janeiro, Marica Campo, Inma Antonio e Uxía Casal ou ás propias María Victoria Moreno, Xela Arias e Luís Villalta antes de que foran escollidas pola RAG para o Día da Letras.

Cartel da homenaxe a Aurora Marco © A Sega

A celebración terá lugar este martes 15 de agosto no Parque Periurbano de San Roque (Ribeira)

Nesta ocasión a homenaxeada é Aurora Marco, nunha celebración que terá lugar este martes 15 de agosto no Parque Periurbano de San Roque (Ribeira). Comezará ás 12.30 cun roteiro imaxinario pola vida e obra de Aurora Marco, conducido por Susana Aríns, ao que seguirá a lectura do manifesto "Dos ecos ás voces" e o discurso a cargo da homenaxeada. Despois de xantar haberá música, teatro, micrófono aberto con intervencións sobre ela e sobre as "esquecidas na historia".

As integrantes do colectivo de crítica literaria definen a súa actividade con estas palabras: "hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e de país. Hai quen se laia, hai quen concorda, hai quen simplemente nin atende. E logo estamos as que collemos o foucín, arrefuzamos as mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de Sega".

Aurora Marco, con algunhas das integrantes de A Sega © A Sega

Aurora Marco adoita dicir que "as mulleres de hoxe non chegamos ata aquí por xeración espontánea. Houbo outras que o fixeron antes"

Aurora Marco naceu en Teruel pero trasladouse aos 9 anos a Galicia. Foi profesora na Universidade de Santiago, nas facultades de Filoloxía e Ciencias da Educación ata a súa xubilación en 2014. Ademais das obras xa comentadas, publicou Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002) ou estudos sobre Carvalho Calero ou Avilés de Taramancos. 

Así mesmo, colaborou en múltiples publicacións periódicas (dende Andaina a Murguía) e obras colectivas, e tamén no grupo de traballo de igualdade do Consello da Cultura Galega e o proxecto Álbum de Mulleres. Igualmente, en 2011 recibiu da Academia Galega do Audiovisual o Premio Mestre Mateo ao mellor documental por As silenciadas, dirixido por Pablo Ces e coproducido por ela, cun guión baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista.

Aurora Marco "é xa unha das mulleres imprescindíbeis da cultura e a historia da Galiza", escribiu recentemente Encarna Otero

Aurora Marco "é xa unha das mulleres imprescindíbeis da cultura e a historia da Galiza", escribiu recentemente Encarna Otero nun artigo publicado na web de A Sega., no que destaca que "a capacidade de traballo de Aurora é inmensa, e asemade o seu rigor na investigación e pescuda de datos, fotos, materiais, entrevistas etc... para mostrares a esas mulleres tan esquecidas e ocultas". 

De igual xeito, Lupe Martínez subliña sobre a obra Mulleres na guerrilla antifranquista galega que nas súas páxinas "non lemos, máis ben escoitamos coma se estivésemos ao lume dunha lareira negra negra coma a época que se retrata, os testemuños cargados de dor e tamén, xa é tempo, de fachenda por saber que se estaba no bando correcto. Falan os homes, falan por fin as mulleres e fálase de ambos; así se constrúe unha deleitosa historia da guerrilla no País"

Antía Cal e Aurora Marco, na homenaxe que a primeira recibiu en Muras no ano 2015 © Aurora Marco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.