A homenaxe terá lugar o 15 de agosto, no marco do Día das Galegas nas Letras, unha conmemoración da Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega
A xornalista, escritora e crítica literaria Sara Guerrero é a Señora das Letras deste ano 2025. Así o anunciou esta semana a Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega a través do manifesto A literatura é unha casa. A homenaxe terá lugar o 15 de agosto, no marco do Día das Galegas nas Letras, unha conmemoración que todos os anos dende o 2014 busca "celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular".
Nacida en Cidade de México en 1994, Guerrero estudou no Centro Universitario de Teatro da Universidade Nacional Autónoma de México, no Institut del Teatre de Barcelona e na Universidade da Coruña, momento no que se afincou en Galicia. En 2021 acadou o Premio á Mellor Interpretación no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo coa obra dramática Raigame e no ano 2022 obtivo unha axuda á creación do INJUVE cun proxecto de investigación sobre a literatura escrita por mulleres migrantes no Estado español.
Xornalista, escritora e crítica literaria, o pasado ano publicou Eu son o monte (Euseino?), unha obra que conta a chegada dunha parella a unha aldea galega
O pasado ano publicou Eu son o monte (Euseino?), que xa vai pola súa terceira edición, unha obra que conta a chegada dunha parella a unha aldea galega. Regresan á casa semiabandonada dos devanceiros, forman parte dos que logo de xeracións volven de América. Que os agarda? Como afastar a desconfianza dos veciños e anoar outra vez vencellos? É posible sobrevivir sen traballo nin recursos? "Velaquí un libro que raña coma as silvas e tamén é doce coma as amoras, unha narración ás veces estremecedora, ás veces balsámica. O relato dunha muller que noutro país —no noso país— consegue atopar tamén o seu", destaca a editorial.
O texto co que A Sega presenta a homenaxe a Sara Guerrero pregúntase "é a casa o lugar do cuarto propio ou o reduto onde se nos encolle para acoutar o noso potencial transformador?"
O texto co que A Sega presenta a homenaxe a Sara Guerrero destaca que "para as escritoras, tanto a literatura como a casa son sempre unha pregunta". "É a casa o lugar do cuarto propio ou o reduto onde se nos encolle para acoutar o noso potencial transformador?", interrógase o manifesto, que conclúe que "tanto a literatura coma as casas poden ser espazos de violencia atroz ou mans coas que construímos a cociña e o coidado".
A Sega salienta finalmente que "a semente que busca facer a súa casa, cando fala en feminino, cando fala en migrante, cando devolve unha imaxe rebelde e incómoda, non sempre atopa a terra acolledora. Por iso ese é o traballo vital que nos corresponde ás que segamos: crear a confluencia da semente con terra vizosa para construírmos xuntas casas novas".
Dorothé Schubart foi en 2014 a primeira Señora das Letras, á que seguiron María Victoria Moreno (2015), María Xosé Queizán (2016), Patricia Janeiro (2017), Marica Campo (2018), Xela Arias (2019), Inma António Souto (2020), Uxía Casal (2021), Luísa Villalta (2022), Aurora Marco (2023) e María Mariño (2024).