- 🟪🟧🟦 EN VINTE | 🔊Letras Galegas 2026 Begoña Caamaño (radio edit)
"Abriremos a porta máxica e atoparémonos coa feiti ceira Circe e con fada Morgana, que xunto co mago Merlín invocarán a Begoña Caamaño, unha xornalista singular e vital. Coma ela non houbo nin haberá outra igual". En Uuu-uuu Begoña, a obra de teatro incluída no espazo Primavera das Letras da Real Academia Galega An Alfaya (Vigo, 1964) achega á rapazada a figura e a obra da homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Faino da man das cantigas, establecendo un nexo coas cantareiras e a tradición oral homenaxeadas o pasado ano. E tamén da personaxe de Uxía Senlle, amiga persoal de Begoña Caamaño.
An Alfaya, ademais de escritora, foi tamén compañeira de Caamaño no IES Alexandre Bóveda de Vigo e despois en Maxisterio. Unha proximidade que lle axudou a compoñer esta obra, pensada para a súa representación en centros de ensino. Falamos con ela sobre a peza, sobre a Begoña Caamaño que ela coñeceu e sobre a homenaxe que a escritora e xornalista está a recibir nos últimos meses.
"Na primeira etapa na que a eu a coñecín, no instituto, era unha rapaza cunha personalidade xa daquela diferente, arrebatadora, líder... Quero dicir que xa era como logo foi"
Como era Begoña, sobre todo a nivel persoal? E, ademais, como se reflicte despois no que agora podemos coñecer máis dela a través da súa obra?
Na primeira etapa na que a eu a coñecín, no instituto, pois xa tiña un espírito libre, xa era un verso solto de algunha maneira. Era unha rapaza cunha personalidade xa daquela diferente, arrebatadora, líder...; é dicir, o xermolo do que logo foi cando a coñecemos de adulta xa estaba aí, xa estaba aí sementado. Entón, non foi de estrañar que logo destacase de maior nas actividades que puidese desenvolver na súa vida, a nivel profesional ou literario. Quero dicir que xa era, xa era como logo foi. O sorprendente foi que morrese tan nova e supoño que se non sucedese ese acontecemento tan funesto, hoxe en día estariamos falando dunha persoa que profesionalmente ou no ámbito literario nos estaría sorprendendo con obras impresionantes.
"Tentei evitar que fose didáctico, porque non me gusta nada o didactismo, tentei que non houbese 'moralina', e sobre todo busquei achegar o personaxe á rapazada e espertar o seu interese para que eles e elas, nalgún momento, sentisen o pulo de querer investigar pola súa conta a ver quen era esta persoa"
A Academia encargouche os contidos para esa Primavera das Letras. Supoño que presentar unha autora para a rapazada, é un reto interesante e tamén un obxectivo bonito e complexo. Agora vemos o resultado final, pero non sei cando che fixeron o encargo como o afrontaches, como foi a reflexión que fixeches para chegar a isto, os aspectos que pensabas que era máis importante e máis interesante amosar de Begoña...
Foi por unha parte doado, precisamente polo coñecemento e a cercanía que puiden ter con ela: non eramos amigos íntimas, non había intimidade, pero foron moitos anos de instituto, tres anos de maxisterio, e logo, evidentemente, algún encontro, dilatado no tempo. Esa proximidade, por unha banda, achegaba esa parte emocional de coñecemento, pero había unha especie de sensación rara, porque é unha persoa que hoxe tería os mesmos anos que eu teño, pero que leva xa dez anos morta. Era unha dupla sensación, a da cercanía, por un lado, e por outro lado, o feito de emocionarme cada vez que teño que recordala.
E, por outra banda, tiña o reto e a dificultade que sempre existe en achegar ás crianzas unha información sobre quen foi esta muller, que achegou ao mundo literario e na súa vida profesional. E, ao mesmo tempo, pensando que esta información ten que chegar aos nenos e nenas e que ten que ter un aspecto lúdico. Tentei evitar que fose didáctico, porque non me gusta nada o didactismo, tentei que non houbese 'moralina', e sobre todo busquei achegar o personaxe á rapazada e espertar o seu interese para que eles e elas, nalgún momento, sentisen o pulo de querer investigar pola súa conta a ver quen era esta persoa. Unha persoa que buscou, con dous libros, achegarse á mitoloxía e que, a través dos mitos, nos puxo sobre a mesa que os heroes daquela época tamén podían ser heroínas.
"Era unha persoa que buscou, con dous libros, achegarse á mitoloxía e que, a través dos mitos, nos puxo diante da mesa que os heroes tamén podían ser heroínas"
Chama a atención a inclusión das cantareiras e de Uxía, que che serviron para conectar moitas cousas, non si?
Si, había como un tránsito: saímos do ano das cantareiras e entramos no ano de Begoña. Era unha especie de ponte de unión e tamén me servía o feito de que en vida unha das súas amigas foi a cantante Uxía. Daquela pensei en utilizar o recurso das cancións como un elemento de unión pero tamén lúdico para presentar o tema á rapazada máis nova, para que non fose simplemente unha sucesión de datos, que se poden atopar na Wikipedia.
Non fas habitualmente teatro, non si? Non sei se foi estraño volver a traballar no xénero...
Eu fixen teatro afeccionado durante moitos anos, na miña mocidade, formei parte do grupo de teatro Avento, de Vigo, que aínda existe e do que fun fundadora xunto co meu home. Teño tres ou catro pezas publicadas, dedicadas precisamente á infancia. Hai moito tempo que non publico nin fago teatro, pero teño unha bagaxe de cando era máis nova e segue a parecerme unha maneira moi interesante de que os rapaces e rapazas se desprendan de timideces, para que haxa unha interacción entre a rapazada, para que se solten. Por iso dáme moitísima mágoa que non se empregue máis nos centros escolares.
"Lembro que naquela época, naqueles principios, precisamente por sentirse un pouco distinta do resto das rapaces e rapazas, si que había nese eterno sorriso que tiña a boca, unha especie de soidade persoal, unha sensación de que necesitaba máis xente que a seguise. Non é que o dixese ela pero había unha sensación de que ía por diante de todos nós"
Nestes meses estanse destacando moitos aspectos de Begoña, porque penso que era unha persoa con moitas dimensións, moi rica. Estase falando moito da súa actividade xornalística, da radio, do feminismo, por suposto da súa obra literaria... Non sei se ti consideras que hai algún aspecto que aínda falta por sacar, ou do que non se está falando tanto...
Estase falando da súa faceta laboral, creativa, tamén dunha parte íntima e persoal... Ao mellor estase sobredimensionando o personaxe de Begoña e estámola convertendo case nunha heroína, case parecería unha muller perfecta en todas as súas dimensións. E esquecemos de que era unha persoa con todos os defectos e virtudes que pode ter unha persoa, e que tamén tiña as súas inquietudes humanas. Lembro que dalgunha maneira naquela época, naqueles principios, precisamente por sentirse un pouco distinta do resto das rapaces e rapazas, si que había nese eterno sorriso que tiña a boca, unha especie de soidade persoal, unha sensación de que necesitaba máis xente que a seguise. Non é que o dixese ela pero había unha sensación de que ía por diante de todos nós. E había, por ese motivo, un pouso de tristura ou algo así.
Pero en todo caso, penso que o importante da figura e da persoa de Begoña está ben reflectido en todos os encontros que se van facendo e nas publicacións que van saíndo.
"Entre os creadores e creadoras que forman a rede cultural de Galiza, hai xente que vén de zonas urbanas e outra que vén de zonas rurais. E as Letras Galegas son unha oportunidade para poñer en valor que dende a base, dende un barrio, tamén se está achegando cultura a un país"
Begoña tivo dúas cidades, primeiro Vigo e despois Santiago, pero naceu e criouse na cidade olívica, en barrios populares, ademais. A súa homenaxe é tamén unha oportunidade para destacar o papel que teñen na cultura galega estes barrios, como O Calvario no que naceu ou Coia onde estaba o voso instituto?
En primeiro lugar, penso que segue a haber unha eiva na representación das mulleres, pois só houbo seis ou sete homenaxeadas. E despois, hai, por desgraza, rivalidades entre organismos locais e eu a verdade é que non teño nin idea de por que se escollen ou se deixan de escoller determinadas persoas en detrimento doutras e por que hai algunhas cidades que quedan fora ou non. Pero o que debe importar é a valía da persoa escollida. E con respecto a Begoña hai voces que se preguntan se unha persoa que só ten dúas novelas publicadas é merecedora desta homenaxe. E a miña resposta é, por suposto, que si, porque non é cuestión de número senón da calidade da literatura e de todo o que achegou Begoña na súa vida dentro do mundo da cultura.
Eu xa non me quería meter nese tipo de cuestións, sobre todo referíame a que habitualmente cando se pensa en 'cultura galega' non se pensa nun barrio como Coia ou O Calvario, pero nestes barrios nace xente e medra xente que é creadora e que acaba sendo importante para a cultura do país...
A xente nacemos nos barrios, nas vilas ou nas aldeas, a xente non nace no cume dunha montaña. Entre os escritores e escritoras, os creadores e creadoras que forman a rede cultural de Galiza, hai xente que vén de zonas urbanas e outra que vén de zonas rurais. E as Letras Galegas son unha oportunidade para poñer en valor que dende a base, dende un barrio, tamén se está achegando cultura a un país.
"Hai que lembrar cal é o obxectivo desta celebración: homenaxear a alguén que achegou o seu gran de area á cultura e que está deixando unha pegada para as xeracións futuras. Celebrémolo e non esteamos amargados con debates baldíos que non levan a ningún lado"
Outro debate que tamén está presente é se é referible homenaxear un autor ou autora máis actual, coa vantaxe de que -como Begoña- trataba temas máis actuais e que polo tanto é máis accesible para a xente, sobre todo para a rapazada. Ou un autor ou autora que escribiu varias décadas atrás, que xa deixou o seu pouso na historia...
Creo que os dous criterios son válidos. Homenaxear a persoa actuais está moi ben, precisamente polo que acabas de expoñer. E tamén está moi ben que non nos esquezamos das persoas anteriores, porque a historia da cultura e da literatura é a que nos trouxo a onde estamos. Sempre vai haber polémica, escolla a quen se escolla, chegar a un consenso que contente á gran maioría da xente pois é difícil. O importante é que se siga sempre o mesmo criterio e que ao final sexa unha festa da cultura. Estas polémicas a min moléstanme moito. Hai que lembrar cal é o obxectivo desta celebración: homenaxear a alguén que achegou o seu gran de area á cultura e que está deixando unha pegada para as xeracións futuras. Celebrémolo e non esteamos amargados con debates baldíos que non levan a ningún lado.
"Que a xente lea os seus libros, que descubra que paga a pena a súa literatura. Unha literatura que non é doada de ler, pero que é moi disfrutona. Unha vez que un entra, descobre o marabilloso que é o mundo que recreou nos seus dous libros"
Queres engadir algo máis?
Pois nada, insistir nisto, que gozamos do ano de Begoña, que a sintamos presente, ela non está, pero quedou o seu legado. Que gocemos cos libros que ela escribiu e coa súa arrebatadora personalidade. E que os nenos e nenas que hai uns meses non coñecían quen era esta señora, pois de súpeto coñécena e, ao mellor, quédalles unha pegada para que cando sexan adolescentes ou adultos pois queiran descubrila por si mesmos.
E que a xente lea os seus libros, que descubra que paga a pena a súa literatura. Unha literatura que non é doada de ler, pero que é moi disfrutona. Unha vez que un entra, descobre o marabilloso que é o mundo que recreou nos seus dous libros.