As Letras Galegas celebran este ano á xornalista, activista feminista e escritora Begoña Caamaño. Unha viguesa comprometida cunha visión do mundo, que aplicou dende o persoal e o profesional ata que o cancro llo impediu. Unha muller que acreditaba na amizade como motor de todas as cousas, así como no colectivo como a ferramenta máis poderosa ao noso alcance como sociedade.
Esta Begoña Caamaño é a que contan Eva Mejuto e Beatriz Maceda en Os fíos de Begoña e Begoña ou o pracer da amizade, que edita Xerais e xa están nas librarías. Dous biografías complementarias, para lectoras e lectores a partir dos 11 anos de idade, ou incluso antes. “Quixen conectar coa rapazada a través da empatía, que coñecesen á nena curiosa, espelida, intrépida e aventureira que foi porque poden identificarse moito coa súa vontade de entender o mundo e de querer mudalo. Busquei que empatizasen con ela dende aí para que coñecesen a esa muller que despois está detrás dos micrófonos e dos libros”, explica Mejuto.
Os fíos de Begoña é un álbum ilustrado que Eva Mejuto levou a cabo xunto a Nuria Díaz, creadora das ilustracións. “Levo case trinta anos traballando no mundo do álbum ilustrado e encántame traballar á par coas ilustradoras. Propúxenlle a Nuria o tema dos fíos pola lenda xaponesa do fío vermello que nos acompaña na vida, que está presente en moitas mitoloxías, tamén nas clásicas. É moi bonito porque ten que ver con tecer e construír, que é algo moi de Penélope e moi do feminismo; que no caso de Begoña tiña esa metáfora engadida de tecer redes para o feminismo. Hai un fío que acompaña todo o libro, que quedou magnífico coas ilustracións de Nuria, que aportou a súa propia lectura de Begoña ao representala”, destaca Mejuto, que ao igual que Maceda, celebra o carácter coral do desenvolvemento do libro.
"Quixen conectar coa rapazada a través da empatía, que coñecesen á nena curiosa, espelida, intrépida e aventureira que foi porque poden identificarse moito coa súa vontade de entender o mundo e de querer mudalo", conta Eva Mejuto
Amigas de Caamaño como Marga do Val, Uxía, Ana Romaní, Goretti Sanmartín ou Amanda Álvarez figuran entre os agradecementos porque, como conta Beatriz Maceda, “este libro está escrito dende a sororidade de moitas persoas porque poden recollerse moitos datos, pero hai aspectos que só che transmiten as persoas que a quixeron”. Neste sentido, Maceda e Mejuto coinciden en que atoparon en Beatriz Caamaño, a irmá da homenaxeada nas Letras, un apoio fundamental para achegarse a ela.
“Como é alguén na infancia, cando comeza todo, non o atopas nun buscador. É unha parte moi privada da vida dunha persoa, cun círculo sempre máis pequeno, e a xenerosidade inmensa de Bea fixo que me contara como foi a súa nenez, sempre xuntas porque se levaban pouco tempo”, detalla Maceda, que en Begoña ou o pracer da amizade asume o reto de compilar a súa biografía para as xeracións máis novas, e tamén para adultas.
“A Begoña teríalle gustado esta forma de traballar”, conclúe Eva Mejuto, quen incide en que “non se pode escribir sen emoción”. “Creo que tanto a rapazada como os adolescentes son altamente sensibles e que poden entender perfectamente todo que se di aquí, neste caso cunha morte tan prematura e unha vida vivida con tanta ilusión e entusiasmo. Intentamos transmitir esa emoción que sentimos ao pensar en Begoña, na medida na que podemos, con palabras, con conceptos, con imaxes e sobre todo da maneira colaborativa que un álbum require, coa colaboración indisoluble entre texto e imaxe, do que cada persoa poida extraer a súa propia lectura”, debulla Mejuto.
'Os fíos de Begoña' e 'Begoña ou o pracer da amizade' están escritos dende a sororidade de moitas persoas, amigas e familiares de Caamaño, aseguran as súas autoras
Eva Mejuto estaba estudando Xornalismo na Facultade de Comunicación de Compostela cando se presentou a asociación MUGACOM, Mulleres galegas na Comunicación, da que formou parte Caamaño e á que lembra ver naquel acto, que despois sería un dos moitos eventos culturais nos que coincidiron. “Como xornalista para min era unha referente porque facía xornalismo cultural e sempre a escoitaba na radio, sempre seguín o seu traballo porque me parece unha persoa moi admirable na profesión”, sinala.
A súa faceta como xornalista é central en ambas biografías e Beatriz Maceda fai fincapé na súa coherencia: “Todos os artigos que escribe e os programas de radio que fai, e en todas as entrevistas que lle fixeron, ela é coherente. Detrás de todo o que fai hai un activismo feminista de igualdade entre os homes a as mulleres, e de xustiza e de igualdade na sociedade. Isto está presente en todo o que fai, tamén no seu traballo literario e na forma que ten de entender a vida. Para ela as súas amizades eran tan importantes, que as incluía nos seus proxectos. Lembro o programa Andando a terra, que en cada emisión se centraba na cultura dun país, e para o que contou con Uxía para que se encargase das músicas”.
"Detrás de todo o que fai hai un activismo feminista de igualdade entre os homes a as mulleres, e de xustiza e de igualdade na sociedade", salienta Beatriz Maceda
“Gustaríame poder meter máis carga política e de contexto social nesta biografía, pero había que buscar un punto medio para chegar á rapazada e tamén a persoas adultas que non a coñeceran”, apunta Maceda, que se inspirou precisamente nas mulleres dos mitos clásicos que Caamaño reinterpreta nas súas dúas novelas publicadas con Galaxia, Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, para narrar a vida da autora viguesa dende diferentes voces, convertendo así a biografía nun texto coral.
Beatriz Maceda confesa que se atopou en moitas frases de Caamaño que puido ler no proceso de investigación e documentación previo á escrita. “Que ben nos viría hoxe a súa opinión, canta falta nos fan voces clarividentes como a súa. Penso moito no que tería aportado, porque ela xa se pronunciou sobre moitos temas dos que estamos a falar agora, como a opresión da Palestina”, asegura a escritora, que tamén lembra o extremo coidado de Begoña Caamaño á hora de tratar e escoller as palabras que empregaba, tan necesario “nun momento no que termos como liberdade ou progresismo semellan estar perdendo o seu significado”.