Begoña Caamaño, en 'reels'

A RAG divulga a vida e obra de Begoña Caamaño en 'reels' nas redes sociais CC-BY-SA Imaxe: RAG | Montaxe: Praza Pública

A Real Academia Galega presenta É o tempo de Begoña Caamaño, espazo en redes sociais para achegar a vida e obra da autora do Día das Letras 2026 ao público máis novo

A Real Academia Galega acaba de estrear a súa serie de reels sobre Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014). Baixo o cancelo #éotempodeBegoñaCaamaño, ofrecerá petiscos sobre a vida e a obra da autora á que a RAG dedica o Día das Letras Galegas 2026, nunha produción dirixida ao público máis novo que contará coa colaboración de diversas creadoras e creadores de contidos nas redes sociais. 

Alba Mancebo é a guía da proposta, que arrinca cunha presentación biográfica da autora e das súas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), dous libros que "lles dan a volta aos grandes relatos clásicos". Cun estilo desenfadado e ameno, os minivídeos irán profundando na traxectoria, no legado da xornalista e escritora e nos temas que abordou na súa obra literaria, "como profesional dos medios de comunicación públicos comprometida coa lingua e a honestidade e mais como activista, que seguen a ter plena vixencia".

O cancelo elixido é unha chiscadela a unha das presentacións da súa segunda obra (unha reflexión sobre o poder e a ética partindo da reescritura do mito artúrico) que sintetiza o seu pensamento: "É o momento non de cambiar as regras do xogo, senón de xogo. É o momento de mudar o mundo: de cambios profundos e estruturais, pero tamén conceptuais. É o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e tamén, por que non?, da felicidade".

Os minivídeos iranse publicando nas contas da Real Academia Galega en Instagram, Facebook, Bluesky, X e Youtube, e tamén, a partir do mes que vén, en TikTok, onde a institución ten previsto iniciar a súa actividade arredor das Letras Galegas 2026.

Arredor de Begoña Caamaño xirará tamén o primeiro videopódcast da RAG, que se estreará a semana que vén cunha entrevista ás Fillas de Cassandra. O seguinte episodio será unha conversa coa escritora Antía Yáñez, que debutou con Senlleiras (2018), unha novela sobre mulleres que rachan co silencio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.