"Regresamos ao pracer da lectura, que con Begoña Caamaño é tan intenso coma o pracer do azul que agardaba volver gozar a súa Penélope", salientou Henrique Monteagudo na presentación da programación das Letras Galegas
"Gústame contar historias porque me permiten transmitir e narrar algo máis verdadeiro ca a verdade". Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Santiago de Compostela, 2014) publicou dúas novelas, pero en Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012) contou moito. Coa súa reescritura dos mitos desde a perspectiva das personaxes femininas da Odisea e o mito artúrico, desas voces que nunca foron escoitadas, a protagonista das Letras Galegas 2026 abordou temas universais como o amor, a liberdade e a morte; así como cuestións éticas, políticas e sociais, cun estilo ambicioso no literario e engaiolante.
As dúas novelas obtiveron o recoñecemento da crítica, pero a súa morte prematura e o seu debut serodio dificultaron o acceso á súa obra por parte do gran público. A Real Academia Galega pretende que a celebración do Día das Letras Galegas este ano popularice o coñecemento e a lectura do seu legado, cunha programación que combina propostas presenciais e na rede, concibidas para todas as idades, entre elas un filme documental ou o primeiro videopódcast da Academia.
"Os seus contidos son fundamentais no momento social que estamos vivindo. Creo que todo o mundo debería achegarse ao feminismo e ao concepto da xustiza a través de Begoña Caamaño", manifestou Beatriz Caamaño, irmá da autora homenaxeada, na presentación da programación da Academia para este ano, á que agreadeceu a celebración porque supón "unha oportunidade de difundir a obra de Begoña Caamaño e tamén de revivila, de reencontrármonos novamente con ela".
"Os seus contidos son fundamentais no momento social que estamos vivindo. Creo que todo o mundo debería achegarse ao feminismo e ao concepto da xustiza a través de Begoña Caamaño", manifestou Beatriz Caamaño, irmá da autora
"Despois da excepcional acollida da celebración das cantareiras e a poesía popular oral, volvemos celebrar unha escritora; regresamos ao pracer da lectura, que con Begoña Caamaño é tan intenso coma o pracer do azul que agardaba volver gozar a súa Penélope", salientou o presidente da Academia, Henrique Monteagudo, quen engadiu que a viguesa é "unha autora na que simbolizamos a capacidade de crearmos literatura de alta calidade, desde unha ollada galega mais universal".
"A literatura non se mide en cantidade, senón en calidade. Begoña Caamaño só puido deixarnos dúas novelas, pero nelas tocou dous fíos decisivos con gran mestría. En Circe ou o pracer do azul, o gran piar da tradición occidental, a Odisea de Homero e as raíces da epopea; e en Morgana en Esmelle, a materia de Bretaña, gran temática paneuropea desde a Idade Media, e cunha significación moi profunda para a nosa literatura", describiu María López-Sández, tesoureira da Academia.
O pleno extraordinario da Academia o 17 de maio será en Compostela, coas alocucións académicas a cargo de Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Manuel Rivas e Ana Romaní
A coordinadora do Seminario de Sociolingüística tamén fixo fincapé en que coa elección de Begoña Caamaño como protagonista das Letras Galegas 2026 a RAG quere chamar a atención sobre a necesidade dun xornalismo comprometido coa verdade e co uso do galego. A homenaxeada era xornalista, unha profesión que exerceu primeiro en Radio Popular e despois na Radio Galega defendendo sempre a honestidade e o coidado e a promoción do idioma propio de Galicia.
Programación das Letras Galegas
O 2 de marzo no CEIP O Pombal, da man da comunidade educativa deste colexio vigués, a Academia comeza os actos de homenaxe a Caamaña coa presentará da nova edición do seu proxecto para o público infantil, Primavera das Letras. An Alfaya escribiu un texto teatral inspirado no universo vital e literario da homenaxeada que ilustra Laura Romero, pensado tanto para a representación dentro e fóra das aulas como para a lectura individual e/ou dramatizada en grupo.
A RAG presentará un filme documental de Damián Varela e Alba López Álvarez e o seu primeiro videopódcast sobre Begoña Caamaño
Vigo acollerá tamén no outono o Simposio Begoña Caamaño, un foro para profundar nas novas lecturas e análises do legado intelectual da homenaxeada; mentres que a cidade onde Caamaño se fixo escritora, Santiago de Compostela, será a sede do pleno extraordinario do 17 de maio na súa honra. As alocucións académicas correrán a cargo de Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Manuel Rivas e Ana Romaní.
No eido audiovisual, a RAG mantén a aposta que iniciou en 2021 coa serie web sobre Xela Arias e este ano presenta un filme documental baixo a dirección de Damián Varela e Alba López Álvarez que estará dispoñible no seu sitio web. A maiores, compartirá nas redes sociais uns vídeos curtos dirixidos especificamente á mocidade. Como novidade, a Academia prepara o seu primeiro videopódcast, no que creadoras de distintas xeracións reflexionarán arredor de temas chave de Caamaño.