A Real Academia estrea a película documental Begoña Caamaño Caamaño: navegar no pracer do azul, con Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez na dirección e o guión, que xa se pode ver na rede
"O legado fundamental de Bego é o pensamento consciente e a vida coherente". Así define a Begoña Caamaño unha das participantes no filme Begoña Caamaño Caamaño: navegar no pracer do azul, o documental das Letras Galegas realizado para a Academia por Miramemira con Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez na dirección e o guión, e que xa se pode ver na rede.
A película propón un percorrido pola vida da autora a través dos testemuños de persoas que a acompañaron nas súas diversas facianas persoais e profesionais. E inclúe, ademais, como parte do relato a interpretación artística da súa obra literaria, grazas á colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
O documental conecta as dúas cidades en que Begoña Caamaño viviu, reconstruíndo a traxectoria desde a infancia e a mocidade ata á consolidación como xornalista e escritora. Desde o Vigo natal, onde medrou nos barrios do Calvario e Coia e se converteu en xornalista, ata Santiago, onde continuou a súa carreira e vida a partir de 1989, cando se incorporou á redacción central da Radio Galega. En Compostela escribiu tamén as súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012).
O filme conta coas voces da súa irmá Beatriz Caamaño, as súas amigas e compañeiras Maika Aguado, Amanda Álvarez e a académica Ana Romaní; o académico Víctor F. Freixanes; a crítica literaria María Xesús Nogueira; e a especialista en Historia Antiga Susana Reboreda
O filme conta coas voces da súa irmá Beatriz Caamaño, as súas amigas e compañeiras Maika Aguado, Amanda Álvarez e a académica Ana Romaní; o académico Víctor F. Freixanes, editor das súas dúas novelas; a crítica literaria María Xesús Nogueira, unha das primeiras estudosas da súa obra; e a especialista en Historia Antiga Susana Reboreda.
A película dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo. Así, aparecen o IES Castelao e o IES Alexandre Bóveda de Vigo –onde ela estudou– , e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; e, igualmente, o CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela acolle o obradoiro escolar de radio co que arrinca o filme.
A película dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo
O barrio de San Pedro, o fogar de Begoña Caamaño en Santiago de Compostela, tampouco falta no filme. No Dezaseis, lugar de encontro da súa rede de amizades, lembran a Begoña Caamaño e imaxinan que diría ela hoxe de distintas cuestións Amanda Álvarez, Ana Romaní, Suso do Dezaseis, Faia Díaz, Andrea Nunes Brións e Uxía Senlle.
“Todos estes elementos conflúen nunha obra que reafirma o noso compromiso cunha forma de crear e comunicar honesta, crítica e conectada co presente”, explican Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez. “Desde esta perspectiva, combinando a práctica xornalística das entrevistas e a documentación coa práctica artística da ficción audiovisual e da súa beleza, buscamos activar unha reflexión sobre os modos de narrármonos como sociedade, contribuíndo a través da creación audiovisual a xerar pensamento, memoria e futuro”, conclúen.
Presentación do documental no instituto no que Begoña Caamaño estudou
O documental conecta as dúas cidades en que Begoña Caamaño viviu: Vigo e Compostela
Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul realizouse co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. “Con este novo filme a Real Academia Galega continúa a aposta polo audiovisual de calidade como forma de achegar as figuras ás que lles dedicamos o Día das Letras Galegas a públicos amplos de distintas idades, e de maneira especial ao máis novo, explica o presidente da RAG, Henrique Monteagudo.
Monteagudo intervirá este venres no acto de homenaxe a Begoña Caamaño no IES Alexandre Bóveda cadrando cos 50 anos do centro onde estudou a autora. Será precisamente esta celebración a que sirva de marco para a primeira presentación pública do filme, nunha mesa na que acompañará a Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez o académico Víctor F. Freixanes. Tras a presentación do filme, compartirán un coloquio sobre a escritora a súa irmá Beatriz, Carme Panero, profesora de literatura de Caamaño no daquela Instituto Coia 2, e mais An Alfaya, compañeira dela naqueles anos de estudante de bacharelato e de Maxisterio.
Reels, videopodcast e outros contidos
O IES Alexandre Bóveda de Vigo, onde Begoña Caamaño, acolle este venres unha homenaxe. Será esta celebración a que sirva de marco para a primeira presentación pública do filme
An Alfaya escribe a historia de Begoña Caamaño para Primavera das Letras, o proxecto da institución dirixido ao público infantil que desenvolve co apoio da Deputación da Coruña. A tamén escritora viguesa concibiu a obra teatral Uuu-uuu, BEGOÑA!, que a RAG anima a representar dentro e fóra das aulas. O texto, ilustrado por Laura Romero, pode descargarse en primaveradasletras.gal.
A RAG está ademais a producir a súa primeira serie de reels das Letras Galegas, baixo o título É o tempo de Begoña Caamaño, e estreará en breve o seu primeiro videopódcast, Colchas de voces, no que a xornalista Alba Mancebo conversa con convidadas relacionadas dalgún xeito co legado da escritora e xornalista. O primeiro episodio protagonízano Fillas de Cassandra e o segundo a narradora Antía Yáñez. Ambas as propostas realízanse co apoio da Xunta de Galicia.