Alberto Pombo (Loureda, Arteixo, 1985) é filólogo, músico, escritor, profesor e director do IES Rafael Dieste da Coruña, instituto impulsor de Aquí Tamén Se Fala (ATSF), iniciativa que acumula galardóns polo seu labor de dinamización e normalización da lingua. Un dos últimos, o Premio da Cultura Galega, que recoñeceu este proxecto promovido por el e mais polos profesores Arcadio González e Mónica Reixía, convertido xa na meirande campaña de dinamización lingüística feita en Galicia.
Aquí Tamén Se Fala chega a 300 centros e perto de 25.000 mozos e mozas do país, implicou e colaborou con numerosos referentes culturais, organiza un festival de música xa consolidado e leva a cabo unha campaña pola mudanza do topónimo deturpado no Deportivo (#oDéporédaCoruña) que impulsou o club a un cambio longamente agardado. Todo arredor da lingua galega, seducindo e implicando a mocidade desde un instituto onde o 70% do alumnado naceu fóra de Galicia. Neste Día das Letras, falamos con Alberto Pombo para reflexionar sobre o idioma. O seu presente, o seu futuro e as necesidades dunha lingua que perde falantes pero albisca esperanza en iniciativas como a que el e os seus compañeiros promoveron.
"Estamos convencidos da vitoria, de que se van cumprir os obxectivos e de que o Deportivo será 'da Coruña"
Comecemos polo último: que lle parece que o Deportivo anunciase un referendo vinculante para decidir o cambio na denominación do club para adaptalo á toponimia oficial?
En ATSF levamos dous anos a pé de rúa, tentando demostrar que existe unha maioría social, movida polo amor, que quere un cambio do topónimo e romper así coa asincronía que existe hoxe. Valoramos moi en positivo que se faga calquera tipo de consulta, e xa na primeira que se fixo, segundo contaron os medios, os resultados foron esmagadores. Se se fai un referendo, non temos ningunha dúbida de que sairá a favor do cambio, por unha cuestión de orgullo e de identidade propia. Todo o que sexa escoitar a cidadanía é bo e isto é un clamor, algo que se leva reclamando décadas. Lembremos que é unha demanda que xa se deu en case todas as asembleas que houbo no club, con campañas de varios colectivos, da Federación de Peñas e de moita outra xente. Se cadra antes non se fixera de forma tan aglutinadora porque, ademais do alumnado, nesta campaña inclúense administracións, entidades e referentes culturais. En todo caso, estamos convencidos da vitoria, de que se van cumprir os obxectivos.
A campaña normalizou unha demanda que se ve natural, moi en contra de discursos pasados que agora semellan moi antigos...
Esas tensións pasadas son alleas á mocidade e quen intenta rescatalas adoita ser xente dunha determinada idade e desde unhas posicións moi concretas, contra a identidade e a cultura galega. Esta é unha campaña da mocidade, enfocada en positivo e que quere conseguir algo que se considera de xustiza. A diferenza é que se cadra nunca se encoraxara o Deportivo de forma organizada para que o fixese.
"A mocidade de agora está a romper cos estereotipos sobre o galego, sen os complexos cos que foi criada a miña xeración"
A do topónimo só é unha campaña máis de ATSF, onde o fundamental semella naturalizar e normalizar o uso e a defensa do galego, desde o positivo. É esa a clave do éxito?
No IES Rafael Dieste coñecemos ben esa realidade, esa normalidade na percepción da lingua galega. Hai que ter en conta que sete de cada dez dos nosos estudantes naceron fóra e chegan aquí sen estereotipos, decátanse de que hai unha lingua, asúmeno e forman parte da identidade. Obviamente, hai datos que apuntan a que a mocidade fala menos galego e nós non somos alleos a iso nin temos fórmulas máxicas, pero os mesmos datos revelan que nunca antes na historia o galego gozou de maior prestixio social. A rapazada asume a situación con total naturalidade e iso vese na cantidade de mozos e mozas que formaron ATSF e nos máis de 25.000 que en Galiza participan de forma activa na iniciativa. Saíron das súas casas a pegar adhesivos que dicían que nese local e noutro e noutro máis falábase galego. É unha roda que non para, que non é o final de nada pero que pode ser o xerme de moitas cousas bonitas: de vidas máis felices, sen estereotipos, sen os complexos cos que, se cadra, foi criada a miña xeración.
Que complexos?
Aqueles a respecto dunha Galiza rural totalmente desconectada da Galiza urbana, onde o galego tiña unhas funcións moi exclusivas, moi de nicho. Cremos que, afortunadamente, hai unha xeración que está a romper con este tipo de estereotipos... E mesmo o fenómeno musical e cinematográfico indican unha vontade social de camiñar cara á naturalidade.
Hai mesmo estudos que advertiron dos prexuízos contra o galego que na mocidade supuxeron as políticas lingüísticas aprobadas pola Xunta tras a chegada de Feijóo ao poder. É clave rachar con eses prexuízos, cos estereotipos?
É fundamental rachar con eles porque afectan a vida das persoas falantes dun ou doutro código. Crean cidadáns de primeira e de segunda categoría e, sobre todo, crean estereotipos que se asumen na propia identidade, cunha serie de ideas completamente acientíficas.
"A emigración que absorbe Galiza é unha oportunidade para o futuro do galego; son menores sen prexuízos, con vontade de sumarse á nosa cultura"
Estanse acabando eses estereotipos?
Os estereotipos non son unha cuestión do pasado. Tristemente, continúan afectando moitas persoas deste país. O que si creo é que dentro da mocidade comeza a haber unha serie de avances. Hai cousas onde a Lei de Normalización e as políticas lingüísticas fracasaron, e vese nos efectos do decreto do plurilingüismo ou na perda de galegofalantes, ademais de non apreciarse ningún tipo de acción real para transformar esta realidade. Pero a presenza do galego nos medios, no ensino ou na cultura foi naturalizando para moitos de nós a posibilidade de facermos a nosa vida en galego, a pesar dos impedimentos sociais que continuamente nos atopamos.
Falou antes dun instituto cun 70% de poboación inmigrante. Como afecta iso á hora de aprenderlles o galego ou de implicalos na súa defensa?
Toda esa emigración que absorbe Galiza, e que algunha vez se nos intentou vender como o fin practicamente da nosa cultura, entendémola como unha oportunidade absoluta. Son menores que veñen sen estereotipos, que veñen con toda a vontade de sumarse e de coñecer esta cultura milenaria. E non só. Veñen coa vontade de romper co estereotipo de que son de fóra. Son familias que veñen para traballar e vivir, algúns son fillos de emigrantes que naceron aquí... Non son de fuera, son rapaces galegos que queren asumir a cultura galega. É unha oportunidade a migración, sen dúbida, para o futuro da lingua deste país. Unha oportunidade para termos unha xeración que chega sen prexuízos e que se integra plenamente a través da consecución de espazos de prestixio para a lingua.
Sabe que hai discursos que vén na chegada de inmigrantes unha ameaza para o galego...
Para min é totalmente ao contrario... E falo como profesor e desde a experiencia diaria na aula, onde sete de cada dez naceron fóra. Esta rapazada chega cun programa de exención de galego que dura dous anos e na miña aula non se aplica. Desde o primeiro día están integrados, forman parte do grupo... Teñen que falar galego e o que temos nós para ofrecerlles non é unha gramática ou saber cando algo é complemento directo ou indirecto; o que temos para ofrecer é unha cultura viva, milenaria e chea de oportunidades. Eles e as súas familias —e falo en boca do meu alumnado— a única maneira que teñen de romper a barreira de que son de fóra é asumindo a lingua, asumindo a identidade.
"Estamos orgullosos de ser bandeira da dinamización lingüística, pero non viñemos solucionar nada; precísanse políticas activas para o galego"
Hai algún problema coas familias neste aspecto?
Non, pero teño escoitado esa frase tristísima nalgunhas reunións cos pais de: "Háblale castellano que es de fuera". E igual estancho dicindo dunha familia que leva doce anos aquí, cuxos fillos naceron aquí xa. Somos nós os galegos, e non eles, os que non lles permitimos acceder ao código pola facilidade que temos para falar español. Cremos que así estamos dando unha facilidade para a integración cando o que estamos facendo é poñer unha barreira para que non entren na nosa cultura plenamente. Os que pensamos que a inmigración é algo que nos enriquece e que vén sumar, cremos que esas persoas deben estar plenamente integradas. Non teñen que renunciar á súa identidade, senón que teñen que sumar un novo universo cultural que os vai nutrir.
Fala de nutrir, de seducir, de integrar... É ese o camiño para impulsar a lingua galega entre a mocidade?
Estamos plenamente orgullosos do traballo que fai a mocidade no Aquí Tamén Se Fala, de que se faga nun barrio urbano da Coruña, proletario e con tantísima inmigración. Tamén de que a iniciativa sexa bandeira da dinamización lingüística; todo o recoñecemento, mais Aquí Tamén Se Fala non veu solucionar nada. Son necesarias políticas activas que queiran unha transformación real da sociedade.
Pregúntolle agora ao Alberto Pombo filólogo, especialista en lingua. Cre que habería que mudar algo no ensino da lingua galega?
Eu creo que os modelos tradicionais de ensino da lingua, de acceso á lingua galega, reproducen o esquema imperialista español.
A que se refire?
O feito de que a gramática teña tanto peso na nosa tradición está influído polo caso español que, á súa vez está influído pola Gramática de Nebrija, que cumpre unha función tamén evanxelizadora. No noso caso, reprodúcense unha serie de esquemas. A titulación de Filoloxía Galega convértenos, en teoría, en expertos en literatura e lingua, cando son cousas que non teñen nada que ver. Unha forma parte da rama artística e outra, da lingüística. Fóra da nosa tradición, por exemplo no caso anglófono, son ramas que non teñen nada que ver e están separadas.
"Os modelos tradicionais de ensino e de acceso á lingua galega reproducen o esquema imperialista español"
E iso en que afecta ao modelo de ensino da lingua?
Creo que un profesor de galego debe asumir que non é o equivalente a un profesor de español porque este parte duns presupostos sociais que nós non temos, dun prestixio social que non ten o galego. Falo do feito de que vaias a un quiosco e toda a prensa estea na túa lingua, de que vaias ao cine e todo sexa ofrecido na túa lingua... Nós xogamos noutra categoría, noutra liga que parte da sedución. Por iso desde ATSF sempre aludimos á consecución de espazos de prestixio. Poño un exemplo: se no instituto quero que os rapaces formen parte do equipo de dinamización, preciso facer uns esforzos que me obrigan a programar concertos, contactar con referentes culturais, intentar ter presenza nos medios... Para que a rapazada e as familias se ilusionen e queiran participar deste proceso.
Estano conseguindo, polo que se ve...
As probas son que o alumnado que pasa polo ATSF ou polo IES Rafael Dieste fala galego con naturalidade, mesmo que teñan solicitada a exención. Aquí tivemos alumnos que chegaron en 4º da ESO de fóra, que tiñan dereito a esa exención do galego e que acabaron como referentes da lingua deste país nun proceso de dous anos e rematando os seus estudos con mencións honoríficas. Refírome a que todo vai da oportunidade que queiramos dar de integración. Estes rapaces, en dous anos, foron capaces de falar a lingua se cadra mellor que algún falante urbano que non ten acceso á lingua galega por familia, medios ou ecosistema.
Iniciativas coma esta son positivas pero semellan un oasis no medio dos datos negativos de uso do galego, especialmente entre a rapazada.
Milito na defensa da lingua desde que tiña 16 anos e a situación sociopolítica tamén me levou a estar na rúa, a coñecer ese mundo de primeira liña de acción ou de acción directa. Asumín que é un traballo que debo de facer, e non estou dicindo que a xente deba entregar máis horas ao seu traballo, algo que non forma parte da miña ideoloxía. Digo que eu, pola miña militancia, véxome obrigado a meterlle esas horas, pero isto non é cuestión de que haxa un Alberto Pombo nun instituto, non ten que ver coa acción individual, senón tamén con que haxa apoio social, unha rede para transformar as cousas. Pero, sobre todo, necesitamos políticas activas transformadoras que realmente queiran reverter a situación lingüística deste país.
"Necesitamos políticas activas transformadoras que queiran reverter a situación lingüística deste país"
E non as hai...
Despois dos datos alarmantes, da perda de falantes que sitúan os galegofalantes, por primeira vez na historia, como minoría no país, non vin ningunha transformación lexislativa, ningún cambio aplicado, máis aló do apoio á cultura que saudamos, aplaudimos e valoramos. Non vin unha transformación real que, ademais, é urxente, pertinente e inaprazable.
Porque non abonda coa vontade, co esforzo individual de cadaquén...
A lingua galega sobreviviu pola vontade popular a pesar das políticas represivas que padeceu ao longo dos séculos, a pesar dos "imperialistas fracasados", que diría Castelao. Creo que ese orgullo identitario por parte da sociedade existe, pero non chega. É necesario que haxa unha serie de transformacións, de espazos onde a lingua funcione con naturalidade, e para iso ten que haber unha esixencia política. Non pode ser que se quero facer calquera documentación legal en galego teña que esperar máis no notario, ou que teña que rebuscar para atopar unha compañía de seguros que me ofreza a documentación na miña lingua. Non existe iso que se chamou, trampulleiramente, bilingüismo harmónico. Non parto da mesma situación. Supoño que a transformación ten que vir de abaixo a arriba e que ten que ser o pobo o que vaia exixindo esa serie de cambios.
Nunha época de enorme influxo das redes sociais, de internet e dun mundo globalizado, non parece que o modelo lingüístico no ensino sexa a única clave para dinamizar e impulsar o galego, non si?
É certo, pero no ensino en Galicia, por exemplo, temos vixente unha prohibición legal que impide impartir determinadas materias con prestixio social na nosa lingua. Por iso insisto no dos espazos de prestixio. Se falamos de accións concretas, podemos poñer exemplos: se a mocidade, por poñer un caso, consome determinados tipos de vídeos en galego en TikTok, o algoritmo non axuda a fomentalos, bótate fóra. Despois dun vídeo en galego non che recomenda outro en galego, e para que iso cambie necesitas políticas que obriguen a que isto non ocorra... E nós iso non o podemos facer, ten que vir dunha política activa. Outro exemplo: Galicia produce todos os anos referentes culturais, non poderían as administracións potenciar determinadas voces que teñan un compromiso marcado coa lingua galega? Refírome a estas cousas. E hai máis...
"O éxito da música en galego é moi importante, pero iso non supón que un rapaz saia dun concerto falando en galego; precisamos dunha estrutura moi superior"
Como cales?
Hai pouco lin que a Warner se negaba a dobrar ao catalán Harry Potter. Unha semana despois, o titular era que a Warner rectificara e que ía dobrar o filme. Iso non é por vontade da Warner ou porque alguén da empresa se erguese de bo humor, senón por políticas activas polas que se obriga, legalmente, a que a lingua do teu país estea representada nas salas de cine. E iso aquí non o temos. Que agora hai un grande éxito da música en galego, que exista unha industria, que a lingua sexa percibida como algo moderno é moi importante, pero iso non significa que un rapaz que vaia a un concerto saia falando en galego. Pode acontecer, pero necesitamos unha estrutura moi superior ás pequenas accións que se van facendo.
Pero unha pequena acción pode supoñer moito ou servir como exemplo, non é?
A forza colectiva que nós transmitimos, con 25.000 alumnos actuando sobre 50.000 espazos no país de forma coordinada, é a proba de que se poden transformar pequenas realidades. Hai iniciativas que transforman e hai rapaces que teñen novas oportunidades a través da lingua galega, pero o IES Rafael Dieste é unha república moi pequeniña e eu non sei como están operando nos outros centros de ensino do país. O que si creo é que co modelo actual non chega, non é suficiente para o galego.
No ámbito reivindicativo, no que atinxe ao conxunto de entidades na defensa do galego, cre que tamén se poden facer cambios?
É moi positivo o traballo que se fai desde a rúa por parte de todas as entidades en defensa do galego, sen dúbida. O que si creo é que hai que rachar coa idea do enfado. Temos dereito a estar enfadados porque non se está a cumprir cuns mínimos que garantan a nosa vida en sociedade de forma plena e natural en galego. Temos todo o dereito a ese enfado, mais temos que ir tamén pola liña de seducir, de convencer, de mostrar a realidade na que cremos plenamente.
"O traballo reivindicativo na rúa é moi importante; temos dereito ao enfado e a exixir, pero debemos transmitir positividade a respecto da lingua"
Que realidade?
A dunha lingua galega moi viva, que ten moito que ofrecer, e xa non só polos lazos evidentes coa lusofonía, senón porque habitamos a terra na que se constitúe o primeiro reino medieval de Europa, onde temos un legado histórico, unha tradición cultural, musical, de folclore, pictórica ou literaria que non ten parangón con outras realidades como a nosa, a das nacións sen Estado. Temos recoñecemento internacional e cada vez máis presenza, tamén social. Creo que debemos transitar cara a liñas de sedución, de prestixio, sen que isto implique condenar calquera das accións reivindicativas, das que eu formo parte: a pé de rúa, manifestándonos... Temos dereito a estar enfadados e a exixir, pero cos máis pequenos, polo menos nas cidades, debemos transmitir positividade a respecto da lingua.
A Xunta anuncia que presentará a súa proposta para un novo Pacto pola Lingua neste primeiro semestre do ano, ten esperanza no que saia dese acordo?
O que non teño é coñecemento do que se fixo e tampouco sei ben que persoas participaron do proceso. O que si sei é que é urxente que haxa medidas e, polo momento, non as houbo, malia os datos que ofrece o mapa sociolingüístico galego. Eu continúo dando aulas como as daba, non houbo ningunha transformación curricular, todo segue igual. Simplemente nos lamentamos entre todos, dixemos que as cousas estaban moi mal e uns botamos a culpa a uns, outros aos inmigrantes e outros ás políticas deste país... O que creo, humildemente, é que é urxente unha transformación política non ámbito lingüístico.
Desde Galicia sempre se ollou aos modelos lingüísticos de Catalunya e Euskadi na escola, son aplicables aquí no contexto actual ou hai que mirar dun modelo propio?
Sen que a miña vehemencia poida parecer vaidade, creo que Aquí Tamén Se Fala creou un modelo propio. Até agora os galegos reproducimos modelos cataláns e vascos que deron uns resultados que deberán ser ponderados pola sociedade. Aquí creouse algo que, por primeira vez, pon a rapazada a traballar activamente na defensa da lingua galega. Son eles os que teñen que ir polos negocios e comercios, seducir, explicar que falar galego é unha cousa natural... E eles mesmos ven os resultados.
"Aquí Tamén Se Fala creou un modelo propio no que, por primeira vez, a rapazada traballa activamente na defensa da lingua"
E aprenden facendo...
Claro! Van pola rúa Barcelona da Coruña e ven todos estes establecementos cos adhesivos de Aquí Tamén Se Fala, e iso ten un valor sumativo e de orgullo. Aquí creouse un modelo propio. E falo da rapazada, non de min. Están demostrando que desde os institutos pódense derrubar os muros, facendo cousas que non se fixeran antes en ningún instituto europeo, como crear e impulsar un festival de música profesional. Cousas que xorden de moito traballo, que requiren negociar con institucións e que acaban tendo repercusión e milleiros de seguidores... Todo desde un instituto, dun barrio proletario nutrido moi maioritariamente pola migración, que se organiza para transformar a realidade social. Na Agra do Orzán hai un 40% de familias en situación de risco de pobreza e estamos convencidos de que esta rapazada quere transformar a realidade. O modelo non é unha acción, senón aglutinar forza de traballo entre mocidade, familias e profesorado.
Se cadra a clave está aí, en implicar máis a rapazada nestas campañas de dinamización e normalización do galego, que sexan eles os protagonistas, os impulsores...
Claro, porque é participación directa. E iso non é ir poñer un adhesivo e listo, non. Formámolos sobre como se debe facer unha acción de dinamización, como deben tratar a xente, coidando que non sexan incisivos, que apliquen a sedución... Logo analizamos os resultados a través das fotos, dos vídeos ou do que for, e facemos unha análise sociolingüística e do que viviron.
E que saca en limpo a rapazada de toda esa experiencia?
O que máis sorprendeu aos rapaces foi que non tiveron nin unha soa reacción negativa. Dos mil primeiros carteis que puxeron en mil establecementos da Coruña, non tivemos un só caso no que se negasen ou nos cuestionasen algo. E o sorprendente é que iso sorprendese aos rapaces. Todos falaban do cariño co que os recibía a xente, de que lles pedían máis carteis para poñer noutros negocios... E a experiencia revelou tamén que esa realidade de suposta tensión social a respecto da lingua non existe.
"A rapazada debe ser seducida cara ao galego, debe descubrir que hai un universo de oportunidades porque acaban asociando a lingua á cultura e ao prestixio"
Que cre que conclúe a xente que recibe á rapazada nos seus comercios e negocios?
Outra experiencia fascinante foi que moita veciñanza descubriu que rapaces de aquí, pero de orixe africana, latinoamericana ou asiática, sabían falar galego como calquera outro coruñés. Decatáronse de que saben e poden falar galego porque naceron aquí ou levan aquí oito ou dez anos... Rompeuse con esa idea preconcibida, déronse de conta de que Mamadou, Mohamed ou Yara falan galego con naturalidade. Porque nós propios non somos conscientes do dominio da lingua que ten moita mocidade estudante e galega e cremos que a situación da lingua é unha cuestión sen punto de retorno.
Non o é?
Non o é se eses rapaces son seducidos para o galego, se descobren que hai un universo por coñecer e de oportunidades. A rapazada do instituto decátase cando veñen os medios a entrevistalos, cando son recoñecidos con algún premio... Acaban asociando o galego á idea de cultura, aos premios, á difusión e ao prestixio.