O Deportivo será da Coruña. O club adoptará o seu nome ao topónimo oficial da cidade e pasará a denominarse Real Club Deportivo da Coruña, cumprindo cunha demanda masiva e practicamente unánime entre a afección deportivista.
O club adoptará o nome ao topónimo da cidade tras a intensa campaña de Aquí Tamén Se Fala e logo dunha enquisa entre os seus socios, que optaron masivamente polo cambio
A mudanza será unha das grandes apostas da entidade polo seu 120º aniversario, neste 2026, e chegará no ano que propuxera tamén o colectivo Aquí Tamén Se Fala, que da man da rapazada do IES Rafael Dieste, a poucos metros do estadio, impulsou como nunca unha reivindicación que se converteu en maioritaria e foi acompañada de concertos, reparto de adhesivos, mobilizacións e dunha campaña que implicou o Concello (que cambiou a placa da rúa dedicada ao equipo), a Deputación, a Real Academia Galega ou ilustres ex-xogadores deportivistas como Álex Bergantiños.
E o momento chegou. O programa A penaltis, da Radio Galega, adiantou que o club dará o paso este vindeiro mes de maio coincidindo co Día das Letras Galegas, unha data non confirmada oficialmente polo club, que si prepara desde hai ben tempo un cambio de denominación do que acabaron plenamente convencidos na directiva que presidente Juan Carlos Escotet, tamén dono de Abanca, máximo accionista do Deportivo.
A campaña levada a cabo por Aquí Tamén Se Fala impulsou unha demanda que xa se dera anos antes —de maneira máis cativa— por parte de colectivos de afeccionados ou de accionistas que levaban sen éxito a reivindicación ás xuntas.
Unha enquisa clave
Cando a rapazada do IES Rafael Dieste levaba xa meses pulando, o Deportivo lanzou unha enquisa aos seus socios e socias na que, por primeira vez, e entre outras cousas, se preguntaba pola forma preferida para denominar o seu club: Real Club Deportivo de La Coruña ou Real Club Deportivo da Coruña.
Sen datos oficiais feitos públicos, o que si se sabe é que a resposta foi esmagadora a favor do topónimo oficial e da denominación en galego do club: Da Coruña. Nunha entrevista en febreiro en La Opinión, Massimo Benassi, conselleiro delegado do Deportivo, recoñecía por vez primeira a posibilidade da mudanza no nome.
Escotet aposta por asumir o topónimo galego e oficial da cidade, un cambio que non formulara ningún presidente antes
Agora, a entidade traballa nos cambios que a nivel legal e de imaxe de marca suporá a mudanza no nome que noutros equipos, como o Espanyol por exemplo, chegou moito antes. Deberá ser aprobado no consello de administración, un requisito doado tendo en conta que Abanca, o accionista maioritario, ten máis do 99% dos títulos.
A asunción do topónimo oficial da cidade por parte do club chega da man dun presidente venezolano e impulsado pola rapazada dun instituto onde o 70% do seu alumnado ten orixe estranxeira. Ningún dos presidentes anteriores —nin Lendoiro, que botou 25 anos na entidade, nin ningún máis— quixo abrir o debate nin propuxo nunca unha mudanza que chega cando o Deportivo está a piques de facer 120 anos: o vindeiro 8 de decembro.
O Deportivo, que en 1911 pasou de ser Real Club Deportivo de la Sala Calvet a Real Club Deportivo de La Coruña, perdeu no seu nome a condición de Real durante dez anos, tras a chegada da República en 1931 e a posterior recuperación do adxectivo en 1941. Agora, 85 anos despois, acorda usar o topónimo en galego e único oficial, case dúas décadas despois de que o Concello asumise A Coruña e 42 despois de que a Xunta establecese que os topónimos tiñan como "única forma oficial a galega". Non foi sen tempo.