Aquí tamén se fala: de impulsar a lingua nun instituto a gañar o Premio da Cultura Galega

Alumnado participante en Aquí tamén se fala © Aquí tamén se fala

O proxecto de dinamización lingüística nacido no IES Rafael Dieste da Coruña e que xa se estendeu por 300 centros de todo o país, galardoado nunha edición dos premios que tamén recoñeceu á editorial Galaxia ou ao programa de radio Sempre en Galicia

O proxecto Aquí tamén se fala foi galardoado este xoves co Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. O recoñecemento vén sumarse a unha longa lista de premios recibidos nos útimos anos por esta iniciativa de dinamización lingüística nacida nun instituto da Coruña, o IES Rafael Dieste, e que en apenas tres anos se espallou por toda Galicia e ademais multiplicou as súas actividades e obxectivos, promovendo un festival musical ou a galeguización do Deportivo.

De igual xeito, con vídeos virais en redes de apoio de referentes culturais como Viggo Mortensen, Amaia Romero, James Rhodes, Tamar Novas, Tanxugueiras ou Óliver Laxe, conseguiron que a lingua galega entrase en novos espazos de prestixio para a mocidade. 

Ortiga actuando na segunda edición do festival Aquí Tamén Se Fala CC-BY-SA Concello da Coruña

No proxecto, promovido polos profesores Arcadio González, Mónica Reixía e Alberto Pombo, o propio alumnado actúa como técnico de normalización, implicando deste xeito a preto de 25 mil mozos e mozas de todo o país

Polos muros do Dieste pasaron tamén creadores e profesionais como Nuno Pico (Grande Amore), Tomás Ageitos (Estudios A Ponte), Alberto Castaño (Axencia G) ou Mónica Mejías (Axencia Correvaidille) para formaren a un alumnado que lidera hoxe a comunciación en redes desde as contas de Aquí tamén se fala crando contidos audiovisuais con músicos como The Rapants, Lucía Aldao, Amancio Prada, Fillas de Cassandra, Ataque Escampe, Xabier Díaz, Sés ou Antía Muíño.

O proxecto, promovido polos profesores Arcadio González, Mónica Reixía e Alberto Pombo, converteuse xa na meirande campaña de dinamización lingüística feita antes en Galicia -chegando a 300 centros-, destaca porque nela o propio alumnado actúa como técnico de normalización, implicando deste xeito a preto de 25 mil mozos e mozas de todo o país.

O Rafael Dieste ten unha particularidade, que comeza a ser común en boa parte dos centros de ensino galegos, especialmente nas zonas urbanas: ao redor de dous terzos do alumnado é de orixe inmigrante. Isto non supón un obstáculo para a iniciativa, todo o contrario. Esta mocidade diversa porta a bandeira da dinamización da lingua

O IES Rafael Dieste ten unha particularidade, que comeza a ser común nunha gran parte dos centros de ensino galegos, especialmente nas zonas urbanas: ao redor de dous terzos do seu alumnado é de orixe inmigrante. E isto non supón un obstáculo para a iniciativa, todo o contrario, como destacaba Alberto Pombo nesta entrevista. A clave, para el, é que a lingua sexa vista pola mocidade "como un espazo de prestixio".

Esta mocidade diversa porta a bandeira da dinamización da lingua. Oliezer Rivas, Juliamny e Jusvely Godoy, Mouhamed Niang, Evelyn Miranda, Natalia Hurtado, Darío Oliva ou Elyas El Jeddab son algúns dos nomes que fixeron do galego, desde a adolescencia, unha oportunidade de integración. 

Arcadio González, Mónica Reixía e Alberto Pombo, impulsores da iniciativa © Aquí tamén se fala

Nesa mesma entrevista, Pombo subliñaba que iniciativas como as que impulsan dende o IES Rafael Dieste son "un parche, un remendo nun problema estrutural que esixe de políticas activas" e reivindicaba "unha serie de cambios e políticas activas". "Debería haber accións políticas que fixesen que o contido que os rapaces teñen nos móbiles está en galego ou que conseguise que o algoritmo de TikTok non te bote para fóra cando publicas algo en galego", indicaba.

Este novo recoñecemento súmase a outros xa colleitados como o Premio Rosalía de Castro de Lingua, o Premio Innovagal, o Premio do Fórum  Europeo do Ensino, o Premio á excelencia en Innovación Educativa e Dinamización Lingüística ou o Premio Mil Primaveras.

Acción de 'Aquí tamén se fala' a prol da galeguización do Deportivo CC-BY-SA ATSF

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.