Dende o pasado venres e ata o 17 de maio o MARCO de Vigo expón Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia, unha mostra comisariada por Xurxo Martínez González e co deseño e coordinación editorial de Hayat Husein que afonda no traballo dos deseñadores da editorial dende 1950
Dende este venres 30 de xaneiro pode ver no MARCO de Vigo a exposición Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia, unha mostra comisariada por Xurxo Martínez González e co deseño e coordinación editorial de Hayat Husein que percorre os 75 anos de historia da editorial a través dos deseños escollidos para as portadas dos seus libros.
Dende a posta en marcha do proxecto, en 1950, catro persoas foron responsables dos seus deseños: Xohán Ledo (1950 -1979), Francisco Mantecón (1979 -1985), Manuel Janeiro (1979 -2010) e a devandita Hayat Husein (de 2010 ata o presente). A cada unha destas persoas dedícase unha sección cronolóxica na exposición, que están precedidas por unha contextualización da Editorial Galaxia como proxecto, con especial atención á figura de Xaime Isla Couto, polo seu descoñecido papel no deseño de Galaxia.
Dende a posta en marcha do proxecto, catro persoas foron responsables dos seus deseños: Xohán Ledo, Francisco Mantecón, Manuel Janeiro e Hayat Husein. Ademais, a mostra empresta especial atención á figura de Xaime Isla Couto, polo seu descoñecido papel no deseño de Galaxia
Así mesmo, a exposición inclúe unha escolma de obras pictóricas, como exemplo de como a Editorial Galaxia escolleu determinados detalles de cadros para ilustrar as capas dos seus libros e coleccións. O proxecto inclúe unha área dedicada á literatura infantil, a medio camiño entre sala de exposición e espazo de experimentación. Xunto a exemplares dos primeiros libros infantoxuvenís en galego publicados por Galaxia, unha selección actual e versións de clásicos da literatura.
A exposición permanecerá aberta ata o 17 de maio, Día das Letras. Pode visitarse de martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, e os domingos, de 11.00 a 14.30. En paralelo á mostra, o MARCO e a Editorial Galaxia organizan unha serie de actividades complementarias. Por exemplo, o vindeiro 21 de febreiro o roteiro A presenza de Rosalía en Vigo, co gallo do Día de Rosalía de Castro, percorrerá distintos puntos da cidade relacionados coa poeta. Ademais, o 25 de abril, no contexto do Día do Libro, Tamara Andrés, directora da colección Dombate, guiará un percorrido pola mostra co recitado de poemas relacionados coas obras expostas.
Así mesmo, a exposición inclúe unha escolma de obras pictóricas, como exemplo de como Galaxia escolleu determinados detalles de cadros para ilustrar as capas dos seus libros e coleccións. O proxecto inclúe unha área dedicada á literatura infantil, a medio camiño entre sala de exposición e espazo de experimentación
Os deseñadores e deseñadora
Xaime Isla Couto (Compostela, 1915 - Vigo, 2012). O seu perfil no deseño pasa desapercibido de maneira inxusta. Á súa man perténcelle a imaxe corporativa de Galaxia, da Fundación Penzol, de SEPT, da Revista Galega de Economía e de Grial. Ademais disto, fundou a colección Illa Nova (1957), creada para as novas fornadas literarias.
Xohán Ledo (Ferrol, 1917 - Vigo, 2006). En realidade, é o alcume do médico Ricardo García Suárez. O trazo solto e a ilustración propia caracterizan o rostro dos primeiros volumes. O seu proceder era artesanal, con montaxes tomadas de retrincos de aquí e acolá con esoutras formas, como a colaxe. Considérase un dos renovadores da estética do libro galego, canda os esforzos realizados dende o exilio por Luís Seoane. A Ledo debémoslle tamén os primeiros carteis polo Día das Letras Galegas.
O proxecto inclúe actividades complementarias, como roteiros pola cidade e visitas guiadas
Francisco Mantecón (Vigo, 1948 - 2001). A relación con Galaxia comezou en 1979, cando Bieito Ledo entra como xerente da editorial. Daquela, Mantecón compartía espazo con Manuel Janeiro no Círculo Ourensán-Vigués. Dende entón, o dúo Mantecón-Janeiro asumiu o encargo de renovar a imaxe editorial. A maioría dos traballos deste período teñen sinatura conxunta. A pegada de Mantecón percíbese na figuración xeométrica, como sucede na súa plástica, e na procura de cubertas limpas. Deixaría máis exemplos do seu traballo en Sotelo Blanco, Ir Indo ou Edicións Xerais, así como nas cubertas de A Trabe de Ouro ou do Anuario de Estudios Literarios Galegos.
Manuel Janeiro (Madrid, 1951). Tras varios anos unidos no traballo, a finais da década dos 80 Mantecón e Janeiro comezarían cadansúa carreira por separado. A Janeiro débeselle o primeiro cambio no logotipo da empresa: as estrelas no alto e unha liña curva canda a tipografía e o libro do carimbo inaugural. Encargouse da liña gráfica de Galaxia até 2013. A composición fotográfica, a variación da tipografía, o uso libre do espazo… son trazos que o caracterizaron e deixarían exemplo para o futuro editorial.
Hayat Husein (Chimbote, O Perú, 1976). A actual responsable do deseño de Editorial Galaxia incorporouse en 2007, mediante Merlín Comunicación. Ata 2013 compartiu os encargos de deseño e maquetaxe con Manuel Janeiro, que nesta data rematou a súa colaboración coa editorial. A busca da suxestión na imaxe da cuberta, mediante o matiz que interpele o público, expresa o valor da súa tarefa creativa.